Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de xuño de 2021

    O ministro principal do País de Gales, Mark Drakeford, informou de que a aplicación sobre vacinación do Servizo Nacional de Saúde británico non estará en principio dispoñible en lingua galesa.

    Fonte: Nation Cymru

    21 de xuño de 2021

    A vila portuguesa de Miranda do Douro acolleu as III Xornadas da Lingua Mirandesa Amadeu Ferreira onde se debateu o futuro da segunda lingua oficial de Portugal. Segundo o investigador da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, a preservación do mirandés está nun momento crucial e lembra que cómpre actuar para garantir a súa supervivencia.

    Fonte: Jornal Nordeste

    21 de xuño de 2021

    A Escola Galega de Administración Pública convoca actividades formativas para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional, entre elas un curso de "Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega".

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    21 de xuño de 2021

    O novo dicionario, publicado polo Instituto de Estudos Araneses, inclúe máis de 30 000 entradas en catalán coas súas equivalencias en aranés. Trátase da primeira parte dun proxecto que se completará co dicionario aranés-catalán o vindeiro ano.  

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    21 de xuño de 2021

    Esta convocatoria de axudas, denominada Euskalgintza, ten como obxectivo o desenvolvemento ao longo do ano 2021 de proxectos de promoción e normalización do éuscaro na vida social.

    Fonte: Gobierno Vasco

    18 de xuño de 2021

    O ministro de Universidades de Ontario, Ross Romano, anunciou que o goberno desenvolverá un programa para garantir a contratación de profesorado de francés e facer fronte a un déficit no número de profesores desta materia nas escolas da provincia.

    Fonte: The Sault Star

    18 de xuño de 2021

    A uns 100 km ao sur de Berlín, entre as rexións de Saxonia e Brandemburgo, sobrevive o pobo sorabo, un pequeno grupo étnico de lingua eslava que constitúe unha das catro minorías culturais recoñecidas a nivel nacional.

    Fonte: ZAP

    18 de xuño de 2021

    Varias localidades e cidades brasileiras organizan, coa colaboración das embaixadas de Alemaña, Austria, Bélxica, Luxemburgo e Suíza, a Semana da Lingua Alemá.

    Fonte: OCP News

    18 de xuño de 2021

    Zuzenean conseguiu o certificado de calidade do éuscaro Bikain como recoñecemento ao seu compromiso e o do seu persoal co éuscaro que garante o dereito da cidadanía vasca a empregar esta lingua ou o castelán na súa relación coa Administración.

    Fonte: Noticias de Navarra

    18 de xuño de 2021

    Esta nova liña de acción, que se encadra no programa Emmarca’t, ten como obxectivo animar as empresas que operan no mercado catalán a usar a lingua catalá nas comunicacións das súas redes sociais.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder