Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de maio de 2021

    O secretario de Estado de Irlanda do Norte, Rt Hon Brandon Lewis, informou de que o Goberno do Reino Unido investirá en Irlanda do Norte dous millóns de libras na produción de contidos audiovisuais en gaélico irlandés e scots do Úlster.

    Fonte: Gov.uk

     

    28 de maio de 2021

    O Senado do Brasil aprobou un proxecto de lei que cualifica a educación bilingüe de persoas xordas como unha modalidade de ensino independente.

    Fonte: Senado Notícias

    28 de maio de 2021

    O Departamento de Relacións Cidadás pídelle ao Goberno central que os documentos oficiais, como o DNI e o carné de conducir, se poidan facer en éuscaro e en castelán na comunidade.

    Fonte: SER

    28 de maio de 2021

    O presidente de Francia, Emmanuel Macron, posicionouse a favor da inmersión en linguas rexionais francesas e convidou o goberno a buscar métodos que garantan a súa transmisión.

    Fonte: The Local

    28 de maio de 2021

    A Deputación de Valencia colaborou na edición do manual da Plataforma pola Lingua sobre vocabulario en valenciano para o sector dos comerciantes de orixe chinesa, co obxectivo de contribuír á súa integración social. Inclúe recursos para mellorar o nivel de coñecemento desta lingua con vocabulario comercial para restaurantes, bares e cafeterías, así como expresións frecuentes, formas de saudar e relacionarse.

    Fonte: SER

    28 de maio de 2021

    Os Premios á calidade lingüística teñen como obxectivo fomentar entre o alumnado, a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Nesta sexta edición, por mor das restricións sanitarias, as persoas galardoadas recibiron os diplomas acreditativos por correo postal nos seus respectivos domicilios.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    27 de maio de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Teatro Principal estradense no acto de entrega do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado á música compostelá Gloria Pavía, pola obra Eva, a carteira espacial.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    27 de maio de 2021

    O IES Plurilingüe de Ames (A Coruña) fíxose este ano co galardón do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 na modalidade de ESO, BAC, FP e ensinanzas de réxime especial convocado pola Xunta de Galicia arredor da figura, vida e obra de Xela Arias.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    27 de maio de 2021

    O obxectivo das axudas é fomentar, valorizar e impulsar o valenciano como unha lingua de uso habitual e presente nos establecementos comerciais da cidade que atenden directamente ao público. Os comercios que participen recibirán un distintivo que os identifique para darlles visibilidade.

    Fonte: 20 minutos

    27 de maio de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en San Domingos de Bonaval no acto de presentación do libro Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder