Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de maio de 2021

    Este 2021 o Concello de Pontevedra volve organizar o Galegote Rock no marco do cal se celebrarán quince concertos durante os días 28, 29 e 30 de maio. O obxectivo deste festival é crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer.

    Fonte: Concello de Pontevedra

    25 de maio de 2021

    O acceso ao buscador faise desde a páxina da Consellería de Cultura, Política Lingüística e Turismo e inclúe a toponimia oficial aprobada ata agora e un catálogo de todas as obras literarias publicadas en asturiano e galego-asturiano nas últimas catro décadas.

    Fonte: La Voz de Asturias

    25 de maio de 2021

    O proxecto Lingua Viva, coordinado pola profesora Elisa Fernández Rey, permitirá recoller o patrimonio lingüístico nun espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo, dende audios ou vídeos ata conversas de WhatsApp. Esta plataforma en liña contará co apoio do programa de micromecenado da USC Sumo Valor.

    25 de maio de 2021

    A Deputación de León organiza un concurso literario en leonés, que levará o nome de Caitano Bardón, e apoia o concurso literario en galego Morales, xa existente. Coa convocatoria búscase traballar pola protección das linguas minoritarias que se falan na comunidade, de acordo co Estatuto de autonomía de Castela e León.

    Fonte: El Bierzo Digital

    24 de maio de 2021

    O Instituto Camões anunciou que Afonso Reis Cabral, Isabela Figueiredo, Patrícia Portela e José Luís Peixoto participarán na iniciativa "Portugal Le: um ollar sobre o país convidado 2022", con motivo da Feira do Libro de Leipzig adiada para 2022 por causa da pandemia da covid-19.

    Fonte: Porto Canal

    24 de maio de 2021

    O Goberno de Islandia está a investir uns 23 millóns de dólares na creación dunha base de datos de frases e palabras en islandés para que determinados dispositivos electrónicos e aplicacións poidan entender esta lingua e salvala da "morte dixital". Trátase dun proxecto que xa contou coa colaboración de moitos grupos de poboación e que de momento conseguiu reunir un total e 130 000 frases.

    24 de maio de 2021

    A enquisa é necesaria para dar a coñecer a situación social do valenciano e servir de base para a súa planificación lingüística, ao formar parte dunha das actividades de promoción do valenciano da Consellería de Educación. Os datos iniciais da enquisa extraeranse dunha mostra de 9000 persoas e os seus resultados publicaranse a finais deste ano ou principios do 2022.

    Fonte: Levante-EMV

    24 de maio de 2021

    O informe foi elaborado pola Comisión Especial do Consello Asesor do Éuscaro e ten como obxectivo fomentar os contidos dixitais en éuscaro no sector audiovisual de ocio, no ámbito académico e nos medios de comunicación dixitais. Tamén busca garantir a difusión de ferramentas e de recursos dixitais nesta lingua.

    Fonte: El Diario

    24 de maio de 2021

    O programa "Pontevedra, plató de cinema", impulsado pola Deputación de Pontevedra, destina 900 000 euros a unha liña de axudas coas que quere promover os proxectos audiovisuais en galego que teñan como escenario a provincia.

    Fonte: Cultura Galega

    24 de maio de 2021

    A Xunta de Galicia iniciou a primeira convocatoria de probas Celga do ano 2021, na que está previsto que se examinen un total de 2766 persoas. Os exames arrancaron coas probas do Celga 4 no IES compostelán Antonio Fraguas e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder