Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de maio de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na apertura da xornada lingüística-cultural organizada polo IES Arcebispo Xelmírez II con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    19 de maio de 2021

    No marco da campaña "Entendo, logo diagnostico. Técnico&popular", publicouse unha serie de dezaoito imaxes nas que se recollen expresións populares en galego sobre síntomas e doenzas cos seus respectivos termos técnicos.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    19 de maio de 2021

    Co gallo da celebración o 17 de maio do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Asociación PuntoGal publicou unha serie de 17 guías para usar a rede e as principais ferramentas ofimáticas en galego.

    Fonte: Dominio PuntoGal

    19 de maio de 2021

    A través de máis de 50 documentos e seis paneis explicativos, percorre a traxectoria persoal e profesional da autora homenaxeada. Inaugurada polo secretario xeral de Cultura, a exposición poderá visitarse ata finais de agosto.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    19 de maio de 2021

    O representante da Consellería de Cultura pon en valor o traballo da Fundación Eduardo Pondal para manter viva esta cita mesmo durante a pandemia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    18 de maio de 2021

    A BBC lanzou Esgusodwch fi?, o primeiro podcast en lingua galesa sobre temas relacionados coa comunidade LGTB (lesbianas, gais, transexuais/transxénero e bisexuais).

    Fonte: Wales Online

    18 de maio de 2021

    Un ano máis, o RC Celta participa activamente na celebración do Día das Letras Galegas a través dunha serie de accións que achegan fútbol e literatura, ademais de darlle visibilidade á lingua dando a coñecer vocabulario en galego vinculado con este deporte.

    Fonte: Mundo Deportivo

    18 de maio de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de presentación do novo material didáctico deste proxecto de innovación educativa específico para a infancia usuaria das aulas hospitalarias de idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    18 de maio de 2021

    A imaxe de Xela Arias viaxa xa nos 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense. Tamén loce nos carteis conmemorativos que exhiben as principais estacións de Galicia durante o mes das Letras Galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentaron a nova campaña na cidade herculina.

    18 de maio de 2021

    O estudo, levado a cabo pola Sociedade Catalá do Dicionario Enciclopédico de Medicina e a Fundación Dr. Antoni Esteve, coa colaboración do Departamento de Cultura e do Departamento de Saúde, afirma que o 65 % do persoal médico e de enfermería utiliza o catalán de maneira habitual cos pacientes e que os profesionais máis novos utilizan máis o castelán no día a día e nos documentos médicos.

    Fonte: Generalitat de Catalunya 

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder