Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de maio de 2021

    Un grupo de lingüistas ditaminou que a lingua scots está en perigo de desaparición pola falta de transmisión xeracional. Os datos despréndense dun informe elaborado na aplicación de ensino de linguas Busuu. 

    Fonte: Daily Record

    21 de maio de 2021

    Un informe elaborado pola Oficina de Información do Consello de Estado da China revelou que a lingua tibetana é usada amplamente tanto a nivel oral como escrito na Rexión Autónoma do Tíbet. 

    Fonte: XinhuaNet

    21 de maio de 2021

    A Asociación de Avogados de Macau alertou que nos últimos anos diminuíu drasticamente o número de avogados e avogadas de lingua materna portuguesa. Actualmente o 70 % de todos os profesionais da avogacía inscritos na cidade son de lingua materna chinesa.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    21 de maio de 2021

    Os obxectivos do proxecto da Dirección de Igualdade Lingüística da Deputación Foral de Gipuzkoa son fomentar a creación audiovisual na mocidade entre 14 e 16 anos e que adquiran o hábito de traballar, difundir e consumir produtos en éuscaro.

    Fonte: DDonosti

    21 de maio de 2021

    A Unidade de Normalización Lingüística explica que a concesión desta subvención destinada aos concellos busca axudar ao sector do comercio e á dinamización do valenciano ao recoñecer o uso desta lingua por parte das persoas comerciantes nos seus establecementos.

    Fonte: El Periòdic

    21 de maio de 2021

    O Parlamento galego aprobou, por unanimidade, unha iniciativa do BNG na que se insta a Xunta a normalizar o uso e a presenza do galego nos centros sanitarios. Para iso piden que se garanta a existencia de versións nesta lingua de toda a documentación destinada aos pacientes e a posta en marcha de actuacións formativas para que os profesionais dispoñan das competencias lingüísticas necesarias para ofrecer atención en galego.  

    21 de maio de 2021

    “O camiño da lingua” é unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ourense no marco do programa de animación á lectura e ten como obxectivo promover a cultura e a lingua galegas a través do xogo e da interacción.

    Fonte: Concello de Ourense

    21 de maio de 2021

    Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2021, as tres universidades de Galicia presentaron o vídeo "A universidade, un espazo para o galego", unha peza audiovisual na que o alumnado dos diferentes campus conta a súa experiencia lingüística na universidade, reflexiona sobre as eivas e as oportunidades para a normalización da lingua galega neste ámbito e expón as súas razóns para incorporala nos seus usos lingüísticos.

    20 de maio de 2021

    A Xunta de Galicia dálle continuidade á homenaxe á autora anfitrioa das Letras Galegas 2021 coa iniciativa Xela Arias. Poeta nas marxes, un programa de proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira arredor da escritora.

    20 de maio de 2021

    A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou ao alumnado do IES de Ribeira do Louro no acto de colocación na Delegación Territorial do mural floral co que o centro educativo porriñés homenaxea o 17 de maio, Día das Letras Galegas, á poetisa Xela Arias.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder