Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de xaneiro de 2021

    A consideración do mirandés como segunda lingua oficial de Portugal fixo agora 22 anos.

    Fonte: Mensageiro de Bragança 

    29 de xaneiro de 2021

    O Ministerio de Educación de Marrocos anunciou a aprobación dun novo currículo que introducirá o ensino da lingua tamazight ou bérber nas escolas elementais de todo o país.

    Fonte: Morocco World News

    29 de xaneiro de 2021

    Epson pon a disposición dos consumidores a versión en catalán dos menús dos seus dispositivos, así como guías de usuario e manuais de instalación de máis de mil produtos da compañía, tanto en versión dixital como en papel.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    29 de xaneiro de 2021

    O certame de microrrelatos, que chega á súa cuarta edición, ten como obxectivo reforzar a presenza do galego no mundo dixital. Pódense presentar a este concurso textos dun máximo de 200 palabras escritos nesta lingua ao longo do mes de febreiro.

    28 de xaneiro de 2021

    O doutor en Filoxoxía Rafael Rodríguez-Ponga identificou 127 palabras ou expresións que compoñen unha nova linguaxe covídica e que recolle no libro Pandemia y resiliencia: aportaciones académicas en tiempos de crisis. Trátase de neoloxismos prestados do inglés ou de nova creación, popularización de termos científicos ou xurídicos, xeneralización de siglas...

    28 de xaneiro de 2021

    A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica o Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística, unha guía pensada para as persoas aspirantes a este posto na Administración local, así como para a Administración convocante.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    28 de xaneiro de 2021

    A Universidade de Barcelona, a Rede Vives de Universidades e Òmnium Cultural convocaron un premio á creación de contidos audiovisuais. Poderanse presentar a este galardón vídeos que se publicasen nunha rede social no ano 2020 nalgunha destas linguas: catalán, aranés ou lingua de signos catalá.  

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    28 de xaneiro de 2021

    O proxecto Edubilmo, no que participou o grupo de investigación Grades en colaboración coa Universidade Eduardo Mondlane de Mozambique, elaborou seis guías prácticas sobre a educación bilingüe, unha en portugués e cinco en linguas bantú. Así mesmo, ao abeiro do proxecto tamén se prepararon catro glosarios terminolóxicos nestes idiomas.

    27 de xaneiro de 2021

    O Centro de Estudos Árabes e Islámicos da Universidade Federal de Sergipe (Brasil) ofrecerá un curso en liña gratuíto sobre a tradución do árabe ao portugués. A formación estará composta de seis sesións de dúas horas cada unha.

    Fonte: ANBA

    27 de xaneiro de 2021

    A secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki, anunciou que as sesións informativas que se ofrezan desde a presidencia dos EUA contarán a partir de agora con interpretación en lingua de signos.

    Fonte: CNN

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder