Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de novembro de 2020

    A Xunta de Galicia investirá 110 000 euros para renovar a súa colaboración con varias universidades de todo mundo co obxectivo de impulsar o coñecemento da lingua, a literatura e a cultura galegas no ámbito académico. En concreto, colaborará coa University College Cork (Irlanda), a Università degli Studi di Perugia (Italia), a Università degli Studi di Roma La Sapienza (Italia) e a Universidade de São Paulo (Brasil), así como a Universitat de Barcelona.

    13 de novembro de 2020

    A compañía Tesla vai incluír o catalán nas pantallas dos seus coches, o que supón que por primeira vez unha marca automobilística incorpora de serie esta lingua. Porén, pode non ser a última, xa que a Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña está en contacto con outras empresas de automoción para que engadan o catalán aos seus produtos.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    13 de novembro de 2020

    O conselleiro de Educación anunciou que en 2021 comezará a funcionar a Oficina de Defensa dos Dereitos Lingüísticos. Está será unha das actuacións para o vindeiro ano da Dirección Xeral de Política Lingüística, que contará con algo máis de 3 000 000 de euros de orzamento para o próximo exercicio.

    13 de novembro de 2020

    A Real Academia Galega aprobou unha proposta normalizada e oficial dos nomes en galego das 88 constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional. Esta proposta é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e un equipo de especialistas na materia.

    13 de novembro de 2020

    A asociación en defensa do gaélico escocés, Bòrd na Gàidhlig, realizará enquisas a persoas novas de Escocia para que dean a súa opinión sobre como incrementar a porcentaxe de uso da lingua e garantir a súa supervivencia.

    Fonte: Stornoway Gazette

    13 de novembro de 2020

    Unha revisión exhaustiva levada a cabo nos dicionarios da editorial Oxford University Press permitiu eliminar acepcións e exemplos sexistas de multitude de definicións, entre elas a que fai referencia á palabra "muller".

    Fonte: The Guardian

    12 de novembro de 2020

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou, xunto ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, na presentación dos XL Cadernos Ramón Piñeiro. Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero, unha publicación que conta coa colaboración de 19 expertos que, a través dunha vintena de artigos, debullan a vida e obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas.

    12 de novembro de 2020

    A plataforma Queremos Galego concentrouse ante o Parlamento de Galicia para pedirlle ao presidente da Xunta que defenda o galego como lingua vehicular no ensino nos debates xurdidos como consecuencia da reforma educativa.

    Fonte: Galicia Confidencial

    12 de novembro de 2020

    Once relatores participaron na V Xornada de Onomástica Galega na que se analizaron as implicacións sociolingüísticas e a contribución á normalización do galego da elección desta lingua para denominar produtos, tendas, establecementos hostaleiros ou marcas comerciais.

    12 de novembro de 2020

    Quince organizacións xuvenís dos territorios de fala catalá impulsaron un acordo, que difundiron polas redes sociais co cancelo #FemHoEnCatalà, en defensa do catalán como lingua de acollida e cohesión social, así como o seu ensino nas aulas e o fomento da súa investigación e coñecemento.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder