Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de agosto de 2020

    O plan para impulsar, mellorar e protexer a lingua francesa en Quebec, que vai poñer en marcha o Goberno quebequés, aínda non ten data de presentación, malia que, segundo un estudo, o inglés segue a gañar terreo no ámbito laboral.

    Fonte: Radio-Canada

    12 de agosto de 2020

    O macroproxecto Historical Corpus of the Arabic Language, encabezado pola Academia de Lingua Árabe de Sharjah, terá como resultado unha plataforma dixital á que poderán acceder investigadores e lingüistas de todo o mundo. O obxectivo deste traballo, cuxa duración se estima en seis anos, é documentar a historia e a evolución de todas as palabras deste idioma.

    Fonte: PublishNews

    12 de agosto de 2020

    O teclado de Google estrea unha nova función pola que traduce en tempo real o ditado de voz, xa que, ata o de agora, a ferramenta de tradución de Gboard só funcionaba ao inserir o texto de forma manual.

    Fonte: CNET

    12 de agosto de 2020

    O 72 % do alumnado que se presentou ás probas gratuítas organizadas pola Xunta para acreditar o nivel de inglés nos niveis B1, B2 e C1 do marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) conseguiu a certificación.

    Fonte: Galicia Confidencial

    12 de agosto de 2020

    A Rede de  Acollida Cidadá de Donostia busca persoas voluntarias para darlles clases de éuscaro e castelán a migrantes acabados de chegar á cidade. O perfil dos que acceden é, maioritariamente, o de homes, marroquís, subsaharianos ou alxerianos.

    Fonte: DonostiTik

    11 de agosto de 2020

    A canle pública ten previsto lanzar en setembro para Cataluña unha programación específica en catalán a través de La 2. Os plans de TVE recollen ata seis estreas de novos programas e fichaxes especiais como o da xornalista catalá Gemma Nierga.

    Fonte: VerTele

    11 de agosto de 2020

    A fase de proba desta nova función de Twitter estase a realizar no Brasil. Trátase da tradución automática de chíos noutras linguas sen necesidade dunha interacción, xa que actualmente é necesario que a persoa interesada prema na opción correspondente para que se faga a tradución.

    Fonte: Tudo Celular

    11 de agosto de 2020

    Oficialmente a lingua ku’ahl considérase morta, porén aínda existen dúas persoas que a falan. Por este motivo, para que non quede no esquecemento, creouse Museo Ku’ahl, situado nun pequeno edificio en Misión de Santa Catarina, Baixa California, en cuxas paredes se pegaron algúns pregos de papel con palabras nesta lingua e a súa tradución ao español.

    Fonte: México Desconocido

    11 de agosto de 2020

    A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que a aplicación móbil Radar COVID, creada polo Ministerio de Sanidade para rastrexar contactos e axudar así a mitigar a pandemia do coronavirus, está dispoñible en español e en inglés, pero non en ningunha das outras linguas cooficiais.

    Fonte: Códico Cero

    11 de agosto de 2020

    A Radiotelevisión do Principado de Asturias, en colaboración coa Consellería de Cultura, Política Lingüística e Turismo, lanzan unha convocatoria, á que se destinarán 133 800 euros, de proxectos de produción cultural en lingua asturiana.

    Fonte: RTPA

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder