Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de abril de 2020

    A pandemia do coronavirus e a situación de illamento social supón unha ameaza para moitas linguas ameazadas do mundo. Nas Illas Andaman, administradas pola India, só tres persoas falan unha variedade da familia de linguas andamanesas que podería desaparecer coa expansión do virus.

    Fonte: Scientific American

    24 de abril de 2020

    Coa visión posta no próximo 5 de maio, Día Mundial da Lingua Portuguesa, o presidente de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca, defendeu que o futuro do portugués está en África e no Brasil e na presenza desta lingua nos organismos internacionais.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    23 de abril de 2020

    Os museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia súmanse á programación en liña con motivo do Día do Libro o vindeiro xoves 23 de abril. O obxectivo é fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de abril de 2020

    Co gallo do Día do Libro, a Xunta de Galicia distribúe en 14 hospitais públicos un total de 4000 libros procedentes das adquisicións da Consellería de Cultura e Turismo a editoras para o seu agasallo xeral e uso nas aulas hospitalarias.

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de abril de 2020

    A Xunta, a Dirección Rexional de Cultura do Norte (Portugal) e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) modificaron algunhas das bases da sexta edición do premio literario Nortear en canto á presentación das candidaturas, debido á actual situación de emerxencia sanitaria como consecuencia do coronavirus.

    23 de abril de 2020

    O Concello de Valencia preparou unha serie de propostas para celebrar o Día do Libro e fomentar o uso do valenciano no marco da actual crise sanitaria, que incrementou notablemente a presenza do Gabinete de Normalización Lingüística municipal nas redes sociais.

    Fonte: NoticiasDe

    23 de abril de 2020

    A Dirección Xeral de Política Lingüística publicou a Terminoloxía básica da COVID-19 en lingua de signos catalá. O obxectivo desta publicación é dar a coñecer os principais termos e expresións relacionados con esta epidemia.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    23 de abril de 2020

    A Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela decidiron suspender a XXXIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" por mor da pandemia de coronavirus.

    22 de abril de 2020

    A plataforma cidadá Queremos Galego anima a cidadanía a mobilizarse o 17 de maio, aínda que sexa desde as súas casas, pendurando en fiestras e varandas a bandeira de Galicia ou carteis de reivindicación da lingua galega. Así mesmo, tamén pide que, ao longo desa xornada, se compartan a través das redes vídeos e fotografías de anteriores convocatorias.

    Fonte: Galicia Confidencial

    22 de abril de 2020

    A finais de 2020 estrearase o videoxogo Sword of the Necromancer en catalán, inglés e castelán. Para poder conseguir edicións físicas iniciouse un proxecto de micromecenado co que xa se conseguiu o 100 % do financiamento en 24 horas.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder