Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de agosto de 2020

    O proxecto Estaciones, creado por cinco alumnos de 4.º da ESO do IES N.º 1 de Xixón, conseguiu o III Premio Fierro Botas á mellor idea normalizadora do asturiano. O proxecto consistía en bolsas con poemas sobre as estacións do ano e un glosario con termos nesta lingua relacionados con elas.

    Fonte: La Nueva España

    06 de agosto de 2020

    A edición deste ano da Feira das Linguas Indíxenas Nacionais (FLIN) celebrarase a partir do 9 de agosto, de maneira virtual, e estará centrada no cómic e a novela gráfica escritos nalgún dos idiomas de México, un país que ocupa un importante lugar a nivel mundial pola súa diversidade lingüística e cultural.

    Fonte: Gobierno de México

    06 de agosto de 2020

    O acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria, que estaba previsto para o Día das Letras Galegas e que foi adiado por mor da pandemia, celebrouse na Casa de Rosalía en Padrón.

    Fonte: Universidade de Vigo

    05 de agosto de 2020

    A máscara C-Face Smart pode transcribir ditado, amplificar a voz e traducir a oito idiomas diferentes: xaponés, chinés, coreano, vietnamita, indonesio, inglés, español e francés. Non ofrece protección contra o coronavirus, polo que debe utilizarse sobre unha máscara facial estándar.

    Fonte: CNN

    05 de agosto de 2020

    Os orixinais dos Premios de ensaio e banda deseñada en galego poden presentarse ata o 30 de setembro e deberán ser inéditos e non premiados noutro certame. Establécese un primeiro premio de 700 € e dous accésits de 250 € para cada unha das modalidades.

    Fonte: Universidade de Vigo

    05 de agosto de 2020

    O Goberno balear destinará un total de 575 000 euros a subvencionar medios de comunicación en catalán do arquipélago. Estas axudas teñen como obxectivo impulsar a presenza desta lingua na prensa, as publicacións especializadas, a radio e a televisión, así como garantir o dereito da cidadanía a recibir información en catalán.  

    Fonte: Crónica Balear

    05 de agosto de 2020

    A Orde ECD/685/2020, de 21 de xullo, regula a participación en proxectos lingüísticos en linguas propias de Aragón (isto é, aragonés e catalán de Aragón) dos centros educativos públicos e privados concertados non universitarios desta comunidade autónoma.

    Fonte: Iustel

    04 de agosto de 2020

    O premio de literatura infantil Carlos Mosteiro, que convoca o Concello da Pobra do Caramiñal, chega á súa terceira edición. A este galardón, que conta cunha dotación económica de 1500 euros, deberán presentarse orixinais escritos en galego de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade.

    Fonte: El Correo Gallego

    04 de agosto de 2020

    O Plan de normalización lingüística de Xixón 2020/2023 establece medidas para aplicar de xeito progresivo e consensuado, co obxectivo de ir introducindo o uso do asturiano na Administración e promover a súa utilización en ámbitos menos habituais como o empresarial ou o universitario.

    Fonte: El Comercio

    04 de agosto de 2020

    Para analizar o proxecto de lei n.º 244, que protexe os dereitos lingüísticos dos pobos indíxenas, designouse unha subcomisión, coa que se pretende preservar as linguas indíxenas panameñas en risco de desaparición, así como fomentar o seu recoñecemento como parte do patrimonio cultural do país e evitar a discriminación dos seus falantes.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder