Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de decembro de 2019

    Os doce galardóns foron entregados entre os 31 traballos participantes desta edición nas tres modalidades literarias nas que se divide o concurso: narración breve, poesía e bertso-paperak, con premios de entre 500 e 2500 euros para as mellor valoradas e catro mencións especiais dotadas con 250 euros. 

    Fonte: Noticias de Navarra

    24 de decembro de 2019

    A empresa TICgal lanza en galego Gapp, unha ferramenta indicada para facer seguimento de incidencias TIC. Ata o momento está dispoñible tamén en inglés e castelán, pero xa están case completas as versións en francés, italiano, ruso e portugués.

    Fonte: Código Cero

    24 de decembro de 2019

    Este manual, Na universidade onde queiras pero coa lingua, contén recomendacións e solucións a dúbidas frecuentes sobre o uso do galego e recolle aspectos non tratados en dous volumes anteriores publicados en 2013 e 2015.

    Fonte: Universidade de Vigo

    24 de decembro de 2019

    O presidente dos EUA, Donald Trump, asinou unha norma que estenderá as axudas para a preservación das linguas nativas que se falan no país.

    Fonte: The Washington Times

    24 de decembro de 2019

    Defensores da lingua galesa criticaron a conxelación da partida orzamentaria destinada á promoción do galés no proxecto de orzamentos que presentou o Goberno do País de Gales.

    Fonte: Nation Cymru

    23 de decembro de 2019

    Jovita Balarezo converteuse na primeira persoa do Perú en presentar unha tese de doutoramento na súa lingua natal, o shipibo. O estudo, que obtivo a cualificación de Cum Laude, defende o desenvolvemento das mulleres indíxenas na Amazonia peruana.

    Fonte: El Comercio 

    23 de decembro de 2019

    A voceira do Bloque Nacionalista Galego en Europa, Ana Miranda, manifestou a súa preocupación sobre a situación da lingua galega nunha pregunta dirixida á Comisión Europea onde insta a garantir o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias en Galicia.

    Fonte: Sermos Galiza

    23 de decembro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa de presentación das novelas finalistas da XV edición do Premio de Novela Europea Camiño de Santiago.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    23 de decembro de 2019

    En 2001 creouse a comisión encargada do proceso de tradución dos textos litúrxicos ao valenciano e actualmente o 90 % destes foi xa traducido, incluíndo o misal romano. Porén, o proxecto mantense bloqueado e os documentos que conteñen oracións, rituais e misas só están publicados na web da AVL.

    Fonte: Levante

    23 de decembro de 2019

    Segundo a enquisa de usos lingüísticos do catalán, un 93,8 % da poboación da área metropolitana barcelonesa entende o catalán e o 78,4 %  tamén o sabe falar, fronte á media da comunidade, do 81,2 %. Os datos demostran un impacto lingüístico desigual derivado dos importantes movementos migratorios desta zona. 

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder