A totalidade das prazas ofertadas nesta actividade, 50 en cada cidade, quedou cuberta por profesionais do ensino primario e secundario
O programa estrutúrase en seis sesións, nas que se abordarán a planificación sociolingüística, o proxecto lingüístico de centro e as iniciativas que se están desenvolvendo con éxito en diferentes comunidades
Continúa aberto o prazo de inscrición, ata o 14 de novembro, para as cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo
As cidades de Ferrol, Pontevedra e Ourense acollen, a partir do 1 de outubro, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino. As xornadas están organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Esta actividade, destinada ao profesorado de ensino primario e secundario, tanto dos centros públicos coma dos privados, contou con moi boa acollida entre os docentes, que cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, 50 en cada cidade.
Os seminarios están pensados para darlle formación ao profesorado que debe desenvolver no seu centro labores de planificación lingüística co fin de acadar a competencia plurilingüe que marca a lexislación.
Tres das seis sesións das que consta o seminario están dedicadas ao proxecto lingüístico de centro e á planificación sociolingüística. Para iso, contarase coa participación dunha especialista da Comunitat Valenciana, Montserrat Ferrer, que ofrecerá formación teórica. Ademais abordaranse experiencias concretas de centros que están desenvolvendo a planificación sociolingüística e realizarase un obradoiro no que os asistentes, distribuídos en grupos de traballo, acometerán supostos prácticos.
Os seminarios tentan, así mesmo, presentar alternativas viables e realistas que se están a desenvolver na actualidade e que poden valer de referente para impulsar o incremento de usos da lingua, tanto na comunidade educativa como no seu contorno.
As iniciativas de fomento do uso do galego oral e de utilización das novas tecnoloxías na aula tamén terán cabida nestes seminarios, que ano tras ano esgotan o número de prazas ante a gran demanda existente no profesorado.
En Ferrol, o seminario desenvolverase no IES de Canido; en Pontevedra será na Escola Oficial de Idiomas e en Ourense no IES Universidade Laboral. Nos tres casos, as sesións comezarán o 1 de outubro, e prolongaranse durante os días 2, 3, 7, 8 e 9 do mesmo mes, sempre a partir das 18,00 horas.
Tamén en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo
Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo tamén acollerán este seminario, pero nos meses de novembro en decembro. As sesións iniciaranse o 25 de novembro, e continuarán o 26 e o 27 do mesmo mes e os días 2, 3 e 4 de decembro. No caso de Compostela, o seminario realizarase no IES As Fontiñas; na Coruña será no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico de Lugo e en Vigo no IES Politécnico de Vigo. Nestes casos, o prazo de matrícula remata o 14 de novembro.
Os asistentes recibirán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Todos os profesores e as profesoras que desexen asistir aos seminarios deben inscribirse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fprof.
Fonte: Xunta de Galicia



