Novas

Marisol López achegoulles a estratexia de promoción lingüística da Xunta aos estudantes de galego en Alemaña
18 de setembro de 2008

Marisol López achegoulles a estratexia de promoción lingüística da Xunta aos estudantes de galego en Alemaña

A secretaria xeral de Política Lingüística recibiu unha delegación integrada por 16 estudantes de lingua e cultura galegas de universidades alemás e os seus profesores lectores

Os alumnos e alumnas recibiron información sobre as campañas postas en marcha nos últimos meses para fomentar a incorporación do galego a todos os ámbitos sociais, como a da galeguización da telefonía móbil

Cinco universidades de Alemaña ofrecen a posibilidade de adquirir formación en materia de lingua e cultura de Galicia

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiu en Santiago un grupo integrado por 16 estudantes de lingua e cultura galegas das universidades alemás, aos que acompañaban os seus profesores lectores de galego. Trátase da primeira viaxe conxunta que fan a Galicia os alumnos e alumnas dos centros de estudos galegos que a Xunta de Galicia ten activos en Alemaña.

Marisol López aproveitou este encontro para darlles información sobre as campañas e iniciativas que Política Lingüística puxo en marcha nos últimos meses para a promoción da lingua. Así, comentoulles que acaba de botar a andar un proxecto para a galeguización da telefonía móbil, que conta coa colaboración de dez empresas fabricantes e operadoras dese sector. Ademais, a responsable autonómica explicoulles os contidos e obxectivos doutras iniciativas que se están a desenvolver nestes intres, como as Festas dos Axóuxeres, dirixidas a bebés e cativos e ás súas familias. Marisol López tamén se referiu á campaña En galego, tes todo por vivir, posta en marcha en xullo pasado; e amosoulles cada un dos servizos que ofrece a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Do mesmo xeito, trasladoulles que a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, sobre a historia do galego no marco da diversidade lingüística mundial, inaugurarase o vindeiro luns, 22 de setembro, nas dependencias da Comisión Europea en Bruxelas.

Paralelamente, a secretaria xeral expresoulles a súa satisfacción polo feito de que tomasen a decisión de achegarse ao idioma e á cultura de Galicia e sinalou que pasos como este contribúen de xeito decisivo a que “a nosa lingua siga viva”.

Programa da viaxe
Os estudantes alemáns comezaron a súa visita a Galicia por Santiago. Ademais da recepción institucional que mantiveron con Marisol López, tiñan previsto visitar esta tarde o Museo do Pobo Galego e percorrer a zona vella de Compostela.

O xoves 18, desprazaranse á Costa da Morte para coñecer o Monte Pindo, Carnota e Fisterra. A xornada do venres aproveitarana para viaxar á Coruña, onde terán ocasión de ver as instalacións da Real Academia Galega e da Universidade coruñesa. Posteriormente, manterán un xantar cos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Xulio Valcárcel, que participaron nun encontro cos estudantes en Alemaña hai uns meses.

O grupo de alumnos e alumnas dedicarán a fin de semana a visitar a praia das Catedrais, en Ribadeo, e a disputar un partido de billarda entre Galicia e Alemaña. Na xornada do domingo, percorrerán O Courel. Xa o luns, trasladaranse á cidade de Ourense e a Allariz, mentres que o martes recalarán primeiramente en Vigo, onde coñecerán a Fundación Carlos Casares, para posteriormente dirixirse a Pontevedra. Ese mesmo día, regresarán a Vigo para presenciar de madrugada como funciona a lonxa. A axenda da viaxe complétase cunha visita final a Vilagarcía de Arousa.

Cinco universidades
Alemaña é un dos países europeos que conta cun maior número de centros de estudos galegos en funcionamento. Concretamente, son cinco: Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier e Tubinga. Na actualidade, preto dun cento de estudantes participan nos programas de promoción da lingua e da cultura galegas, que compaxinan coa realización de numerosas iniciativas académicas e extraacadémicas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder