O prazo para presentar os proxectos a esta convocatoria de subvencións permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro, inclusive
Os ámbitos de actuación prioritarios que se terán en conta á hora de adxudicar as axudas son a familia, a infancia e a mocidade
Sensibilizar as familias das vantaxes de que os seus fillos e fillas coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran en idade temperá, e potenciar unha oferta asociativa e de lecer en galego dirixida á mocidade son dous dos obxectivos que persegue esta convocatoria
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública unha nova convocatoria de subvencións ás entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade. Os requisitos para acceder a estas axudas recóllense na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 31 de decembro. O dito departamento autonómico destina 850.000 euros ao financiamento destas iniciativas.
O prazo de inscrición para a presentación de solicitudes xa está aberto. O último día do que dispoñen as entidades interesadas en concorrer a esta convocatoria para entregar a documentación requirida é o 31 de xaneiro. Os impresos deberán presentalos nos rexistros oficiais da Xunta de Galicia.
Obxectivos
A familia, a infancia e a mocidade son os ámbitos de actuación que terán prioridade á hora de determinar a concesión destas axudas. Sensibilizar as familias sobre as vantaxes de que os seus fillos e fillas coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran de forma temperá, e fomentar a transmisión do galego dentro das familias e, especialmente, nas de recente formación e nas asentadas en núcleos urbanos son dous dos obxectivos establecidos nesta orde de subvencións. Do mesmo xeito, valoraranse de forma especial os proxectos encamiñados a aumentar a presenza da lingua galega no ámbito infantil e nas actividades de lecer, así como as accións que contribúan a incrementar a oferta de recursos informáticos e audiovisuais en galego destinados á infancia.
Garantir que haxa unha oferta ampla, diversificada e atraente de produtos culturais en galego, potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade, ampliar a oferta de recursos en galego destinados ao público xuvenil e proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona son outros dos obxectivos da convocatoria de subvencións feita pública por Política Lingüística.
Actividades subvencionables
Terán consideración de subvencionables os proxectos que desenvolvan algunhas das medidas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, sempre e cando sexan de intervención no uso do galego nos ámbitos da familia, a infancia e a mocidade. Neste sentido, poderán recibir financiamento, entre outras actividades, as campañas que teñan como obxecto que as familias lles transmitan o galego aos seus fillos, a realización de obradoiros de lingua que presenten o galego como unha actividade lúdica, co obxectivo de desfacer prexuízos entre a mocidade; ou a creación e adaptación ao galego de programas, xogos informáticos, videoxogos, banda deseñada e recursos audiovisuais destinados ao público mozo.
O desenvolvemento de campañas de sensibilización e de información sobre a lingua galega, o fomento do uso do galego nos contextos sociais de máis impacto e utilización por parte dos máis novos e a realización de programas de dinamización lingüística entre os colectivos de poboación de nova inmigración son outras das actividades que figuran como subvencionables nesta resolución.
Criterios de valoración
Unha comisión de valoración será a encargada de informar e valorar as solicitudes. Entre os criterios preferentes para a valoración dos proxectos figuran a innovación no formato ou soporte, a creatividade aplicada ao deseño dos materiais e aos contidos, a execución das actividades nos espazos frecuentados polos colectivos aos que se dirixe esta convocatoria e o alcance xeográfico do proxecto, entre outros. A resolución relativa á adxudicación das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia



