Novas

Máis de trescentas persoas examínanse o 13 de decembro dos exames para a obtención do certificado de lingua galega do nivel 1
12 de decembro de 2008

Máis de trescentas persoas examínanse o 13 de decembro dos exames para a obtención do certificado de lingua galega do nivel 1

Trece cidades de dentro e fóra de Galicia acollen a realización destas probas, coas que se dá por pechada a última convocatoria correspondente a este ano

As cidades nas que se matricularon máis aspirantes para a obtención do certificado do nivel 1 son A Coruña e Vigo

Os próximos exames para a acreditación dos coñecementos de lingua galega terán lugar os días 23, 24, 30 e 31 de maio e os días 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009

Os exames para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga) correspondente ao nivel 1 realizaranse o sábado en 13 cidades de dentro e fóra de Galicia. Un total de 323 aspirantes matriculáronse nestas probas, que se desenvolverán nas dependencias da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Tamén se levarán a cabo na Universidade Autónoma de Barcelona, na Universidade de Estremadura, en Cáceres; no Espazo das Linguas de Madrid, na Universidade de Salamanca, na Universidade de Tubinga, en Alemaña; na Universidade de Stirling, no Reino Unido; na Universidade de San Paulo, en Brasil; e na Universidade da República Oriental do Uruguai, en Montevideo.

Con estes exames darase por pechada a segunda e última convocatoria dos Celga correspondente a este ano. As próximas probas para a acreditación oficial dos coñecementos en materia de lingua galega efectuaranse os días 23, 24, 30 e 31 de maio e 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente.

O sábado os exames empezarán ás 9 da mañá e os aspirantes deberán presentarse nos lugares indicados un cuarto de hora antes. A Coruña e Vigo son as cidades nas que figuran máis matriculados para a obtención do Celga 1, 87 e 65, respectivamente. En Ourense, rexístranse 51 anotados, seguida de Santiago de Compostela, con 47, e Lugo, con 38.

Fóra de Galicia
No resto do Estado, contabilízanse 23 persoas para facer estes exames. Na Universidade de Barcelona, está previsto que se examinen 10 candidatos, mentres que en Cáceres hai 7 aspirantes. No Espazo das Linguas de Madrid matriculáronse 5 persoas e, na Universidade de Salamanca, 1.

En Montevideo, aspiran a obter o certificado correspondente ao nivel 1 un total de 5 inscritos. En San Paulo, hai 3 matriculados, mentres que en Stirling e Tubinga contabilízanse 2 candidatos por cada unha desas cidades.

Cursos preparatorios
As seguintes probas para a obtención dos Celga serán en maio e novembro do vindeiro ano. A inscrición para poder presentarse a estes exames rematará o 25 de marzo de 2009 no caso da convocatoria de maio, e o 7 de outubro para a de novembro. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar, a través dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 2 de decembro, 250 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4, que van destinados a particulares e colectivos.

Estas xornadas formativas realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo, e naquelas outras que determine Política Lingüística en función das solicitudes presentadas. O número máximo de asistentes a cada curso é de 30. Está previsto que poidan participar nestas actividades ata 7.500 persoas. Para anotarse, existen diferentes prazos, que varían en función das datas de inicio dos diferentes cursos programados.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificado ou diploma de asistencia a eses cursos, porque para obter a acreditación do nivel Celga ao que se opte é necesario realizar e superar as probas correspondentes que se efectuarán en maio e novembro de 2009.

O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles outorga prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques máis gramaticalistas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder