Novas

O conselleiro de Presidencia avoga pola volta ao consenso en materia de política lingüística
04 de decembro de 2008

O conselleiro de Presidencia avoga pola volta ao consenso en materia de política lingüística

Respondía a unha pregunta parlamentaria sobre as medidas propostas pola Xunta para informar a cidadanía das competencias da Mesa pola Normalización Lingüística

Méndez Romeu lembrou que o consenso é a postura que o Goberno ten indicado moitas veces a través do presidente da Xunta de Galicia

Lembrou que o 23 de outubro dirixiu un escrito á Mesa indicándolle que debía absterse de calquera actividade “que se afaste do previsto nos seus fins estatutarios”

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, pediulle ao Partido Popular unha reflexión sobre a necesidade de volver ao consenso en materia de política lingüística, “tal e como o Goberno ten indicado moitas veces a través do presidente da Xunta de Galicia”. Méndez Romeu fixo estas declaracións ao responder a unha pregunta parlamentaria sobre as medidas propostas pola Xunta para informar a cidadanía das competencias da Mesa pola Normalización Lingüística.

Segundo o titular de Presidencia “os grupos políticos que teñen experiencia
no Goberno e expectativas de volver ter a máxima responsabilidade neste” teñen que ter tamén a capacidade de “buscar acordos, de facelo no Parlamento e nas institucións e de obviar debates que non nos conducen a ningún lugar importante”. Neste sentido, tamén declarou que non se pode tolerar que unha entidade “representativa no seu ámbito pero evidentemente minoritaria” marque a axenda das institucións nun tema que “é patrimonio de todos” como é a política lingüística.

Doutra banda, ao referirse aos supostos documentos enviados pola Mesa, o conselleiro de Presidencia lembrou que a apertura de expedientes é unha actividade que as leis reservan “con carácter exclusivo” ás administracións públicas, “sexan as administracións xudiciais, autoridades xudiciais ou fiscalía; sexan as administracións públicas no sentido amplo do termo ou os organismos especializados que teñen atribuída esa competencia como é o caso do Valedor do Pobo”, dixo.

Neste sentido tamén expuxo que o feito de que unha entidade privada teña adoptado unha actividade destas características podería considerarse unha “actividade de simulación dunha acción habitual dos poderes públicos” e polo tanto “podería considerarse presuntamente inclusa en figuras delitivas” como as de usurpación de funcións públicas, de ameazas ou de coaccións. Por todo isto, dixo que el mesmo, no nome do seu departamento, lle dirixira un escrito con data de 23 de outubro informándolle desta situación, indicándolle que debía absterse de calquera actividade “que se afaste do previsto nos seus fins estatutarios” e advertíndolle do risco legal no que incorría se persistise neste tipo de actividades.

Por último, o titular de Presidencia quixo lembrar que a Administración non ten a facultade de xulgar posto que a Constitución española prohibe expresamente a arbitrariedade nos poderes públicos e que se os cidadáns se atopan diante de calquera presunto delito de coaccións ou ameazas teñen “sempre aberto diante deles o camiño dos tribunais” onde serán os xuíces ordinarios os que ditaminarán sobre o fondo da cuestión.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder