Galicia
Representantes do Bierzo aspiran a explicar no Parlamento de Galicia a situación do galego
Varios representantes de institucións sociais e culturais do Bierzo están chamados a comparecer no Parlamento para dar a coñecer a situación da lingua galega na comarca. A solicitude, presentada polo grupo do BNG, responde ao acordo acadado por unanimidade pola Cámara en xuño de 2007, para poñer en marcha programas de galeguización no Bierzo.
Fonte: Vieiros
Xa está dispoñible en liña o Vocabulario multilingüe de economía realizado pola Universidade de Santiago
Á lista de dicionarios e vocabularios técnicos na nosa lingua, a Universidade de Santiago engade un novo volume que se pode consultar en liña e en galego, inglés, castelán, catalán e vasco.
Fonte: Vieiros
Os estudantes de secundaria protestarán polo incumprimento do decreto do galego
Os estudantes de ensino medio de Galicia están convocados a unha folga xeral o próximo 26 de novembro para denunciar o "flagrante incumprimento" do Decreto do galego no ensino e demandarlle a Educación que "esixa" e "controle" a aplicación correcta desta norma.
Fonte: El Correo Gallego
O Concello de Vimianzo elimina o seu Servizo de Normalización Lingüística e rexeita as subvencións concedidas
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denuncia que o Concello de Vimianzo eliminou inxustificadamente o seu Servizo de Normalización Lingüística, despediu do seu posto de traballo ao técnico responsable e decidiu non pedir ningunha subvención para o mantemento deste servizo.
Fonte: CTNL
Preséntase unha guía de linguaxe non sexista no deporte
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentaron a Guía de linguaxe non sexista no deporte, un proxecto que nace coa vocación de "sensibilizar" o mundo do deporte sobre a necesidade de utilizar a linguaxe de xeito que mulleres e homes estean incluídos e sexan visibles por igual.
Fonte: Vieiros
Un estudo conclúe que tres de cada catro colexios de Vigo incumpren o decreto do galego
Apenas o 25% dos centros educativos de Vigo cumpren o decreto do galego. O curso pasado foi o primeiro no que se implantou a norma que obriga aos colexios e institutos a impartir polo menos a metade da docencia en lingua galega. A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo realizou unha primeira sondaxe aproximativa entre marzo e xullo deste ano e concluíu que tres de cada catro centros vigueses (hai uns 140) non cumpren co que establece o texto legal aprobado polo Parlamento galego.
Fonte: La Voz de Galicia
Mancomún promoverá xunto á comunidade G11n a consolidación dunha plataforma común de tradución
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, coordinará co resto de axentes da comunidade tradutora de software ao galego a consolidación dunha plataforma común e centralizada de traballo na que se integren todos os proxectos de localización realizados pola comunidade en Galicia, así como tamén as memorias e os compendios que documenten cada un dos procesos.
Fonte: Mancomún
Os Encontros dos Axóuxeres e a cadea de palabras da Cova chegan esta fin de semana a Ribadavia, Celanova e A Coruña
A Casa da Cultura de Ribadavia o venres 7 de novembro, e o Claustro Barroco de Celanova o sábado acollerán a música, o teatro e os contos para os máis pequenos e as súas familias
O xogo das palabras encadeadas nunha versión adaptada ás novas tecnoloxías instalarase nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez durante os vindeiros tres días
A música, o teatro, os contos e o xogo das palabras encadeadas na súa versión máis tecnolóxica para os máis novos chegan esta fin de semana a distintos puntos de Galicia da man das iniciativas de dinamización lingüística promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os concellos de Ribadavia e Celanova acollen o venres e o sábado os Encontros dos Axóuxeres. O 7 de novembro, este espectáculo interactivo encamiñado a potenciar o uso da lingua galega no ámbito familiar desembarcará na Casa da Cultura de Ribadavia ás 18:00 horas. O sábado, 8 de novembro, a montaxe levarase a cabo ás 12:00 horas do mediodía, no Claustro Barroco de Celanova.
Os Encontros dos Axóuxeres continuarán o vindeiro 21 de novembro no concello coruñés de Oroso. Con posterioridade, a partir de xaneiro, retomaranse as funcións noutras 16 vilas de Galicia.
Viaxe polo mundo dos sentidos
Os cinco sentidos (oído, vista, tacto, gusto e cheiro) contan cun peso moi importante dentro da construción creativa dos Encontros dos Axóuxeres, un programa organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e producido pola empresa Galitoon. Do mesmo xeito, a música desempeña un papel clave no desenvolvemento das funcións, xa que hai cinco cancións compostas expresamente para este proxecto que actúan de nexo. Cada un dos temas musicais introduce un xogo ou unha dinámica para que interactúen os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén interveñen outros músicos e actores. Outra peza imprescindible destas montaxes é o boneco Totó, inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras.
Público obxectivo
Os espectáculos están especialmente deseñados para un público composto por bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Ademais, teñen unha hora de duración e desenvólvense sempre en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A inscrición previa obedece ás limitacións de capacidade esixidas polas características do espectáculo.
Información
Todos os detalles sobre esta iniciativa, así como as datas e as vilas nas que se levarán a cabo os Encontros, poden consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Nese mesmo espazo virtual, cabe a posibilidade de descargar as letras das cancións compostas para os Encontros, e de escoitalas, posto que outro dos obxectivos que persegue esta experiencia é a de facilitar que os pais e as nais poidan seguir xogando na casa cos pequenos.
Cadea de palabras
Logo do seu exitoso paso por Santiago, chega aos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, a instalación interactiva A Cova, unha iniciativa xurdida dentro da campaña “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, posta en marcha a mediados deste ano por Política Lingüística. A Cova é unha instalación de última tecnoloxía que ofrece un percorrido no que se recrea o mito da caverna de Platón, e na que todas as persoas que o desexen poderán deixar as súas pegadas, o seu mundo das ideas, a través do xogo das palabras encadeadas.
Os novos recursos tecnolóxicos permitirán construír entre todos os participantes unha cadea xigante de palabras, para o que se contou coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga), que asegura a corrección das palabras que se insiran na cadea.
Este xogo, no que poderán participar todas as persoas que o desexen, permanecerá na Coruña os días 7, 8 e 9 de novembro. Os días 14, 15 e 16 de novembro, o Parque do Barbaña, en Ourense, acollerá esta actividade interactiva, e os vindeiros 21, 22 e 23 será a rúa Urzáiz de Vigo o novo enderezo da Cova. Por último, a Praza Nova de Lugo acollerá esta instalación interactiva os días 28, 29 e 30 de novembro.
Fonte: Xunta de Galicia
Alumnos de Ortigueira recollen firmas para esixir as mesmas horas de galego e de castelán
Os alumnos de educación secundaria obrigatoria (ESO) e bacharelato do Instituto de Ortigueira -que conta con ao redor de 350 matriculados- rexistraron no centro un escrito con máis de 200 firmas no que solicitan que se impartan as mesmas horas de galego que de castelán, ante a próxima aprobación no centro da aplicación do decreto que regula o idioma nas súas clases. Os alumnos piden que se manteña o mínimo do 50% da docencia en lingua galega que establece a normativa pero que non se supere, posibilidade que tamén recolle o novo decreto que se está aplicando xa desde o curso pasado noutros centros da comunidade.
Fonte: La Voz de Galicia
Máis de 1600 persoas percorreron a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos” durante a súa estadía en Vigo
Alumnos de máis dunha decena de centros de ensino da comarca viguesa realizaron visitas guiadas á exposición e traballaron con unidades didácticas sobre a diversidade lingüística e o galego
O próximo destino desta mostra itinerante será o Círculo de Bellas Artes de Madrid, onde permanecerá do 19 ao 25 de novembro
Máis de 1600 persoas visitaron a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” durante os 15 días que estivo instalada na Estación Marítima de Vigo. Esta é a maior cifra de visitantes rexistrada dende que a exposición organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística se inaugurou en Santiago de Compostela o pasado 16 de xullo.
En Vigo, deron comezo as visitas didácticas para escolares con moi boa aceptación. De feito, alumnos e alumnas de 11 centros de educación secundaria da comarca de Vigo realizaron un percorrido guiado pola mostra. Ademais, estas visitas van acompañadas dunha unidade didáctica co obxectivo de afondar no coñecemento da diversidade dos idiomas do mundo e da propia lingua galega.
Outra das actividades programadas de forma paralela á permanencia da mostra en Vigo foi a xornada titulada “A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa”, na que representantes de Microsoft e Google puxeron en común as estratexias plurilingües que ambas as dúas multinacionais están desenvolvendo en resposta ás novas demandas da cidadanía e das empresas.
O próximo destino da exposición sobre o galego e a diversidade das linguas será o Círculo de Bellas Artes de Madrid, onde permanecerá do 19 ao 25 de novembro. A capital do Estado será a sexta escala desta mostra que pretende poñer en valor o galego e o plurilingüismo na sociedade actual. Nesta cidade, a exposición permanecerá aberta ao público todos os días. De luns a sábado, as visitas poderán realizarse de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. O horario de apertura dos domingos e festivos será de 11:00 a 14:00 horas.
En paralelo á mostra está en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse á información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín