Galicia
Touriño destaca que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” durante a sinatura dun convenio con Aclunaga

O titular do Goberno de Galicia presidiu a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) para a promoción da lingua galega no sector
Lembra que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia”
Marca como obxectivo lingüístico do Goberno galego conseguir que “as xeracións que están hoxe a estudar en Educación infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”
Asegura que “son cada vez máis numerosas as empresas actuantes en Galicia que queren sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”
Xustifica que “o galego precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente non precisa o castelán”
Promete non baixar a garda e seguir traballando cos axentes sociais para “plantarlle cara á crise” con todos os medios e coa forza da “unidade, o consenso, a capacidade de negociación o acordo e a vontade de superar esta situación”
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” na Comunidade Autónoma, e rexeitou polémicas entre o galego e o castelán: “a elección está clara, os dous”. O titular da Xunta fixo estas declaracións tras presidir o martes 28 de outubro en Vigo a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga).
O máximo mandatario galego precisou que este non é o primeiro convenio que a Xunta de Galicia asina con “empresas sobranceiras e actuantes en Galicia”, senón que aquelas que hoxe asinan este convenio se unen a unha longa lista de firmas “do máis alto nivel e recoñecemento” que están “decididas a impulsar e promover o galego no mundo empresarial”, así como a “sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”, entre as que se contan “relevantes adegas galegas, ata holdings multinacionais da comunicación, como Microsoft, Dell ou HP”, indicou.
Emilio Pérez Touriño asegurou que en Galicia existe “un amplísimo consenso social arredor da lingua”, pois a “inmensa maioría dos galegos, sen distingos ideolóxicos, políticos ou sociais, quere que o galego sexa un idioma vivo e operativo, presente e normalizado en todos os ámbitos da vida do país”, afirmou. “Quero dicir aquí, con total claridade o debate non é entre o galego e o castelán. O obxectivo de Galicia hoxe non pode ser que nos dediquemos a polemizar entre galego e castelán, porque a ese respecto a elección está claro: galego e castelán, os dous”, remarcou.
Neste sentido, Touriño apelou a brindar toda axuda á lingua propia de Galicia, xa que o galego “precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente, non precisa o castelán”, apuntou, explicando que son necesidades derivadas das “circunstancias históricas e as concepcións centralistas de España, que situaron ao galego nunha situación anómala, nunha situación de inferioridade e falta de recoñecemento”.
O presidente da Xunta lembrou que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia,” ademais “dun factor de unidade e de identificación colectiva”, do que é consciente toda a sociedade galega e por iso, indicou Touriño “son moi poucos os que queren converter ese elemento de unión nunha divisoria infranqueable ou nunha ferramenta para a disputa, o conflito ou a segregación educativa e social”, precisou. Por esta razón, subliñou, que “como galegos sensatos”, “non podemos “mostrarnos indiferentes cara ao presente e co futuro da lingua galega”.
Educando as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia
O máximo responsable do Goberno autonómico indicou que o “obxectivo lingüístico do Goberno galego é “conseguir que as xeracións que están hoxe a estudar Educación Infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”, e que “saiban desenvolverse perfectamente en castelán, galego, en inglés e noutros idiomas estranxeiros”. Un obxectivo, que pola súa importancia no futuro nos seguirá esixindo “formación, profesionalidade, coñecemento e competitividade”, destacou Touriño, quen asegurou que grazas á “educación bilingüe en galego e castelán” estas xeracións “van ver favorecida a súa aprendizaxe doutras linguas, como o portugués, o francés e o italiano”.
Por este motivo, Pérez Touriño situou o verdadeiro debate, no plurilingüismo e non “nunha suposta batalla entre galego e castelán que a convivencia cidadá desmente diariamente”. Así o presidente da Xunta confesou sentirse orgullo das políticas públicas postas en marcha “para que os fillos dos traballadores poidan viaxar ao estranxeiro no verán para aprender inglés ou francés”, anteriormente só permitidas ás familias de rendas máis altas; ou que “cada ano sexa máis e máis alto o número de colexios do sistema público educativo que ofrecen aulas bilingües ou que incorporan á súa oferta docente programas de anticipación para a aprendizaxe temperá de linguas estranxeiras”; así como da crecente demanda e oferta de prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas, garantindo que “hoxe todo cidadán que queira aprender idiomas ten oferta pública suficiente para poder facelo”, puntualizou.
Fonte: Xunta de Galicia
Marisol López destaca a incorporación do galego aos produtos tecnolóxicos en termos de rendibilidade empresarial
A secretaria xeral de Política Lingüística participou o pasado martes 28 de outubro na xornada “A idade dixital do galego”, no marco da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”
Representantes de Google e Microsoft explicaron a estratexia plurilingüe que están desenvolvendo as súas empresas en resposta ás novas necesidades dos cidadáns e das empresas
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, destacou que as empresas tecnológicas optan, cada vez máis, “pola incorporación do galego nos seus produtos en termos claros de rendibilidade empresarial”. Marisol López fixo estas consideracións na xornada “A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa”, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da estancia en Vigo da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”.
A secretaria xeral explicou que “as empresas tecnolóxicas e os axentes implicados no desenvolvemento de novos programas e aplicacións levan anos demostrando que o uso da lingua local, o galego, non é un impedimento para lanzar fóra, ao espazo global, os seus produtos”.
Marisol López presidiu esta xornada, na que tamén interviron o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada; o director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, Luis Collado; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo.
A incorporación progresiva das diferentes linguas favorece a penetración das empresas tecnolóxicas nos mercados locais. A aposta polo uso do galego nos produtos informáticos é hoxe unha realidade nas empresas máis destacadas de ámbito internacional.
Fonte: Xunta de Galicia
A Mesa asegura que a Consellería de Presidencia é a que "máis vulnera" o Plan xeral de normalización da lingua galega
A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle á Consellería de Presidencia que "adopte as medidas necesarias" para cumprir co Plan xeral de normalización da lingua galega xa que, asegurou, é o departamento autonómico que "máis vulnera" esta normativa.
Fonte: Europa Press
Convócase un curso de introdución ao traballo en servizos de normalización lingüística
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca un novo curso de formación dirixido a persoas que comezaron a traballar recentemente nun servizo de normalización lingüística (SNL) e a estudantado co obxectivo de introducir no traballo dos SNL e formar novos/as técnicos/as de normalización.
Fonte: CTNL
Polémica pola foto de Touriño cun cartel en galego mal escrito
A fotografía do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, baixo un cartel con graves erros ortográficos mentres asinaban un convenio de apoio á lingua galega, foi noticia estrela das páxinas webs.
Fonte: Galicia Hoxe
O PP pide un pronunciamento da Mesa do Parlamento galego sobre a denominación oficial desta institución
O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, rexistrou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento de Galicia no que lle pide un pronunciamento sobre a denominación oficial que debe utilizarse na documentación e nos órganos colexiados da Cámara lexislativa.
Fonte: Xornal.com
Familias de Mondoñedo, Ribadeo, Burela e Ortigueira participarán esta fin de semana nos encontros dos axóuxeres
As montaxes compóñense de xogos, cancións e dinámicas interactivas para que participen nelas nenos de 1 a 5 anos de idade cos seus pais e nais
Estas funcións teñen unha duración dunha hora e realízanse en espazos cunha capacidade limitada a 60 espectadores para facilitar a interacción do público
Nas dúas primeiras vilas nas que se desenvolveron, en Carballo e Melide, os encontros contaron cunha destacada participación de familias
Catro vilas galegas acollen esta fin de semana os Encontros dos Axóuxeres. Mondoñedo, Ribadeo, Burela e Ortigueira son os próximos destinos desta festa familiar, que comezou hai sete días en Carballo e Melide, con grande éxito de participación. Mañá, 31 de outubro, este espectáculo interactivo encamiñado a potenciar o uso da lingua galega no ámbito familiar desembarcará no Auditorio Municipal Pascual Veiga, en Mondoñedo, onde comezará ás 18.00 horas. O sábado, 1 de novembro, a montaxe levaranse a cabo pola mañá en Ribadeo, no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 12.00 horas; e pola tarde en Burela, na Casa da Cultura, ás 18.00 horas. Xa o domingo, 2 de novembro, será a vila de Ortigueira a que acollerá os Encontros dos Axóuxeres, ás 12.00 horas no Teatro da Beneficencia.
As montaxes que se están a programar estes días forman parte da primeira xeira dos Encontros dos Axóuxeres, que durará ata finais de novembro. Con posterioridade, a partir de xaneiro, retomaranse as funcións noutras 16 vilas de Galicia.
Viaxe polo mundo dos sentidos
Os cinco sentidos (oído, vista, tacto, gusto e cheiro) contan cun peso moi importante dentro da construción creativa dos Encontros dos Axóuxeres, un programa organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e producido pola empresa Galitoon. Do mesmo xeito, a música desempeña un papel clave no desenvolvemento das funcións, xa que hai cinco cancións compostas expresamente para este proxecto que actúan de nexo. Cada un dos temas musicais introduce un xogo ou unha dinámica para que interactúen os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén interveñen outros músicos e actores. Outra peza imprescindible destas montaxes chámase Totó, que é un boneco inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras.
Público obxectivo
Os espectáculos están especialmente deseñados para un público composto por bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Ademais, teñen unha hora de duración e desenvólvense sempre en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A inscrición previa obedece ás limitacións de capacidade esixidas polas características do espectáculo.
Información
Todos os detalles sobre esta iniciativa promovida polo departamento que dirixe Marisol López, así como as datas e as vilas nas que se levarán a cabo os Encontros, poden consultarse no enderezo
www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Nese mesmo espazo virtual, cabe a posibilidade de descargar as letras das cancións compostas para os Encontros, e de escoitalas, posto que outro dos obxectivos que persegue esta experiencia é a de facilitar que os pais e as nais poidan seguir xogando na casa cos pequenos.
As seguintes escalas deste programa, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por favorecer o emprego do galego como lingua habitual no seo da familia, serán as vilas de Ribadavia, Celanova e Oroso.
Fonte: Xunta de Galicia
A Mesa pídelles ao PSOE e ao BNG de Cambre que aposten pola ordenanza de normalización lingüística aprobada en 2005
O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística en Cambre pídelles a todos os grupos municipais que “defendan” o texto íntegro da ordenanza municipal de normalización da lingua galega aprobada polo Concello en novembro de 2005. O colectivo cidadán apela sinaladadamente ao PSdG-PSOE e ao BNG, baixo cuxo goberno de coalición se elaborou e aprobou a citada ordenanza, para que “loiten” por demostrar a “legalidade” do texto orixinal.
Premiada a campaña "Saborea a túa lingua" realizada por dúas alumnas da Universidade de Vigo
A publicidade en galego está de moda, e se non que llo digan a dúas rapazas que acaban de licenciarse en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Aída Pérez e Laura López recolleron o premio ‘Autopromoción do Premio de Publicidade en Galego’ pola súa campaña "Saborea a túa lingua".
Fonte: Diario de Pontevedra
A Xunta esixirá para traballar como policía municipal que se coñeza e se fale galego
Para traballar como policía local non só será obrigatorio a partir de agora realizar un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública de máis de 850 horas, senón que os aspirantes deberán acreditar que "comprenden, falan e escriben correctamente" o galego. Esta proba será eliminatoria para entrar nos corpos policiais que dependen dos concellos.
Fonte: Faro de Vigo
Boletín
Subscríbase ao boletín