Galicia

A Universidade de Vigo presenta a campaña "Chámate con xeito" co fin de promover a reflexión sobre a identidade onomástica

“Cada persoa é dona de como se quere chamar, pero sen coñecemento non hai liberdade”. Deste xeito explicaba o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo a filosofía da campaña Chámate con xeito, coa que a Universidade de Vigo pretende suscitar, entre a comunidade universitaria, unha reflexión sobre a identidade onomástica.

Fonte: Diario da Universidade de Vigo

Algúns centros cívicos da Coruña probarán un tradutor da lingua de signos

Algúns dos centros cívicos da cidade da Coruña contarán, a partir do primeiro trimestre do ano que vén, cunha rede de dispositivos que terá como obxectivo normalizar a comunicación coas persoas xordas ou con deficiencias auditivas, sen necesidade de que exista un intérprete de lingua de signos.

Fonte: La Opinión

O PSOE exerce presión para retirar unha moción do BNG sobre o galego

Unha semana despois de que PSdeG e Bloque, o presidente, Emilio Pérez Touriño, e o seu número dous, Anxo Quintana, escenificasen no hemiciclo o seu total entendemento durante o debate sobre o estado da autonomía, os partidos que integran a coalición que manda na Xunta de Galicia volveron chocar, esta vez a causa dunha proposición non de lei presentada polo deputado nacionalista Bieito Lobeira. A iniciativa busca "revalidar o compromiso adquirido coa aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega", aprobado por unanimidade en 2004.

Fonte: El País

“As nosas palabras, os nosos mundos” chega a Vigo para difundir o plurilingüismo como oportunidade de negocio

A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima do 24 de outubro ao 7 de novembro
No marco da mostra, celebrarase a xornada “A idade dixital do galego”, na que representantes de Google e Microsoft analizarán a importancia da incorporación de estratexias plurilingües como oportunidade de negocio no ámbito tecnolóxico
A exposición continúa a súa itinerancia, tras recibir en Bruxelas un amplo apoio institucional encabezado polo comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban

Tras a súa estadía en Bruxelas, a exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística “As nosas palabras, os nosos mundos” chega á Estación Marítima de Vigo, onde permanecerá do 24 de outubro ao 7 de novembro. Na cidade olívica, a mostra incidirá no plurilingüismo como unha oportunidade de negocio, xa que cada vez son máis os consumidores que reclaman ser atendidos na súa lingua. Neste sentido, a mostra pon de manifesto o uso do galego como un valor engadido para mellorar a competitividade das empresas.

As demandas dos usuarios levan ás empresas a cambiar as súas estratexias para abrirse paso nos mercados locais coa súa vocación global. Neste cometido, as novas tecnoloxías constitúen unha oportunidade. O galego conta xa con ferramentas como tradutores automáticos, dicionarios electrónicos ou contornos de traballo informáticos. Este é o eixo temático da xornada “A idade dixital do galego”, que se realizará no marco da exposición o vindeiro 28 de novembro. Nela participarán representantes das empresas Google e Microsoft en España, moderados polo director da Escola Universidade de Vigo. No evento, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.
A exposición conta cun sitio web paralelo, www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á mostra e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.

Amplo apoio institucional en Bruxelas
“As nosas palabras, os nosos mundos” pasou por xa por Santiago de Compostela, por Vilagarcía de Arousa, por Bilbao e por Bruxelas. Na capital europea estivo instalada nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, no Edificio Madou, onde traballan máis de 2.000 funcionarios. Alí, a mostra contou con amplo apoio das institucións europeas, encabezadas pola directora xeral de Educación da Comisión Europea, Odile Quintin, e polo comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban.

Desde as orixes ata hoxe
“As nosas palabras, os nosos mundos”, celebrada no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, permítelles aos visitantes achegarse ao galego e á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, éuscaro, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
O punto de partida da mostra é “As orixes”, que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe. A visita desemboca na “árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas. No módulo denominado “Isto é galego” o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días.

Os contidos do terceiro bloque, que lle dá nome á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo.
O último tramo da mostra, “A nosa lingua na nosa vida” é o que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se achegan exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine.

De Vigo a Madrid
Despois de Vigo, Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante. “As nosas palabras, os nosos mundos” poderá visitarse no Círculo de Belas Artes en novembro. Tamén poderá verse noutras cidades como A Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.

Fonte: Xunta de Galicia

Centos de persoas piden na Coruña polo ensino só en castelán

Máis de 3.000 persoas, segundo a Mesa por la Libertad Lingüística (MLL), e unhas 450, segundo a Policía local, manifestáronse o domingo 19 de outubro polas rúas da Coruña para reclamar o dereito a aprender só en castelán.

Fonte: Galicia Hoxe

A Consellería de Educación de Galicia edita guías escolares en dez idiomas para inmigrantes

A Consellería de Educación editou unhas guías en dez linguas para facilitar a comunicación entre os docentes e as familias dos 13.165 nenos inmigrantes que cursan os seus estudos en Galicia. Os manuais recollen preguntas e afirmacións habituais, circulares e información básica traducidas ao árabe, chinés, romanés, ruso, francés, alemán, inglés, portugués, galego e castelán.

Fonte: El País

A Universidade de Vigo incorpórase ao programa de Voluntariado de Activación Lingüística

Unha persoa que teña habilidade de expresión oral en galego e outra que queira aprender a falar nesta lingua, poden, tamén agora na Universidade Vigo, poñer en común os seus intereses a través do programa de Voluntariado de Activación Lingüística, unha iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e A Mesa pola Normalización Lingüística, e na que a partir de agora se integran a Universidade de Vigo e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Fonte: DUVI

O grupo comarcal lugués da Mesa inicia unha campaña pola galeguización de tanatorios e establecementos funerarios

O colectivo lugués da entidade en defensa da lingua seguirá co seu labor de seguimento á situación do galego no ensino, nas administracións públicas e no SERGAS.

Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

O colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego reclama que se aplique o decreto da lingua

O movemento de Nais e Pais polo Ensino en Galego (NPEG) reclamoulle á Consellería de Educación que adopte as medidas necesarias para que o decreto de galeguización do ensino se aplique en todos os centros educativos e “que se poña fin á situación calamitosa pola que pasa o idioma propio de Galicia neste ámbito, especialmente en infantil e primaria”.

Fonte: GzNación

Xa se pode descargar en galego a versión 3.0 do OpenOffice.org

Hai unhas semanas, publicouse a versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice.org, o paquete ofimático de software libre máis importante da actualidade, do que xa se pode descargar a versión en galego.

Fonte: CTNL

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder