Galicia
O galego puntúa o mesmo que calquera outra lingua para ascender na Xunta
O coñecemento da lingua galega é un requisito imprescindible para aspirar a un posto de traballo na Administración autonómica, pero a realización polos funcionarios de cursos para perfeccionar o seu manexo non é considerado pola Xunta como un mérito engadido á especialización en calquera outro idioma da UE. A efectos de promoción interna na Administración, un curso de galego puntúa o mesmo que un de húngaro ou de italiano.
Fonte: La Voz de Galicia
A CIG de Vigo organiza un obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados
O departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega (CIG) está organizando un curso de integración, lingüística e cultural, dirixido a inmigrantes e emigrantes retornados/as, que se vai impartir na cidade de Vigo nos locais do sindicato nos próximos meses.
Fonte: XornalGalicia
A Mesa pola Normalización Lingüística vai distribuír 4.000 folletos na Coruña para informar do traballo da Liña do Galego
A Mesa pola Normalización Lingüística vai distribuír catro mil folletos na Coruña informando sobre a actuación da Liña do Galego, un servizo que ofrece desde hai un ano a asociación en defensa da lingua e que tramita consultas, queixas e parabéns.
Fonte: XornalGalicia
Iniciáronse a pasada fin de semana as probas do Certificado de Lingua Galega, nas que se matricularon 2800 persoas
O sábado realizáronse os exames do Celga 4, nos que había 1500 persoas inscritas
Ademais dos principais concellos galegos, foron sede dos exames outros puntos do Estado e varios países europeos e latinoamericanos
En sucesivas fins de semana terán lugar as probas de obtención dos niveis 3, 2 e 1 deste novo sistema de acreditación de coñecementos de galego
Este sábado iniciáronse as probas de obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga), para os que se inscribiron, nesta convocatoria un total de 2792 persoas. O primeiro exame foi o correspondente ao nivel 4, no que se matriculou o maior número de persoas, 1500. A proba celebrouse nas principais cidades galegas, e tamén noutras sete cidades do Estado e en Heidelberg, en Alemaña. Comezou ás 9 da mañá, e os aspirantes tiñan que presentarse nos lugares de realización un cuarto de hora antes.
As cidades galegas que acolleron as probas foron Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. En todas elas, a sede dos exames foi a Escola Oficial de Idiomas. Fóra de Galicia, realizáronse exames de Celga 4 na Universidade Autónoma de Barcelona, no Espazo das Linguas de Madrid, na Universidade de Deusto, (Bilbao), na Universidade de Estremadura (Cáceres), na Universidade de Granada, na Universidade de Salamanca, na Universidade do País Vasco, (Vitoria) e na Universidade de Heidelberg, en Alemaña.
Santiago de Compostela foi a cidade con máis aspirantes inscritos na proba, cun total de 377. Séguenlle A Coruña, con 359, Vigo, con 324, Lugo, con 246 e Ourense, con 130 persoas inscritas.
No resto do Estado, o Espazo das Linguas, situado no Barrio das Letras de Madrid, recibiu 24 aspirantes para obter o Celga 4. En Barcelona foron 17 as persoas que se puideron examinar; 13 candidatos examináronse en Salamanca, 3 en Bilbao e outros tantos en Granada, mentres que en Vitoria houbo unha persoa inscrita, ao igual que en Cáceres. Igualmente, en Heidelberg, unha persoa inscribiuse para realizar o exame.
Seguintes exames
Nas fins de semana sucesivas, ata o 13 de decembro, exceptuando o 6 de decembro, terán lugar os exames dos niveis 3, 2 e 1 do Celga, que tamén se van realizar nas principais cidades galegas, no resto do Estado e en cidades europeas e latinoamericanas.
O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles dá prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques gramaticalistas.
Fonte: Xunta de Galicia
Xustamente en galego, campaña do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela presenta unha nova campaña de promoción do uso do galego entre a avogacía. "Xustamente, en galego" é o seu título, co que se pretende reflexionar acerca dos usos lingüísticos que acotío se veñen desenvolvendo nas relacións entre a cidadanía e a Administración de xustiza.
Fonte: CTNL
Só catro das vinte empresas que máis facturan en Galicia teñen a web en galego
Só catro das vinte firmas galegas que máis diñeiro facturaron teñen a súa web na nosa lingua. Estas compañías ingresaron, en conxunto, máis de 23 mil millóns de euros. A téxtil Zara, as distribuidoras de alimentación Gadisa e Vegonsa e a pesqueira Pescanova son as únicas que nos ofrecen a posibilidade de ver a súa páxina na internet en galego.
Fonte: Vieiros
Existen indicios de que o decreto do galego non se respecta
Un grupo de profesores universitarios realizou unha sondaxe preliminar sobre o grao cumprimento do decreto do galego no ensino e atoparon indicios de que o castelán segue a ser a lingua maioritaria en case todas as materias.
Fonte: A Nosa Terra
Feijóo di que derrogará o decreto do galego se chega á Xunta
O presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, dixo que, se é elixido presidente da Xunta, unha das súas primeiras decisións será derogar p decreto sobre o ensino da lingua e recuperar o consenso sobre «a liberdade e o bilingüismo cordial» que imperou en Galicia durante 16 anos.
Fonte: La Voz de Galicia
A Delegación de Educación da Coruña recoñece a liberdade para expresarse na lingua que os alumnos escollan
A Delegación de Educación na Coruña advírtelle a un centro de Pontedeume de que os estudantes teñen dereito a expresarse en castelán nas materias que se dean en galego.
Fonte: La Opinión
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciará unha granxa escola porque prohibe o uso do galego aos seus traballadores
"El idioma empleado en el trabajo será el castellano salvo excepciones que serán previamente comunicadas". É unha das normas que recolle o manual para o persoal educativo da granxa escola "El Kiriko", situada en Fornelos de Montes (Pontevedra). Un caso que foi denunciado pola Mesa pola Normalización Lingüística que a considera "unha liña de actuación hostil contra o galego por parte da empresa".
Fonte: Galicia Hoxe
Boletín
Subscríbase ao boletín