Galicia

O PEN Internacional sinala a privilexiada situación da literatura galega para enlazar diferentes sistemas lingüísticos

Durante varios días, a 2.ª bienal De pedra e palabra, organizada polo PEN Clube, reuniu en Santiago a escritores de 15 países dos tres continentes. Unha preocupación era común en autores que se expresan en lingua amhárica, bengalí ou galega: como facer visible a súa cultura alén as fronteiras do seu país ou espazo lingüístico. Trátase dun propósito que tamén asume o PEN como organización internacional, xa que un dos medios para loitar a prol da liberdade de expresión é o recoñecemento (e coñecemento) das linguas minorizadas e da súa situación.

Fonte: La Voz de Galicia

Faltan estudos específicos sobre os usos lingüísticos do galego na emigración

A Secretaría Xeral de Política Lingüística afirma que faltan estudos específicos sobre os usos lingüísticos dos galegos que se encontran na emigración. Nin a propia Administración autonómica nin outras institucións se teñen ocupado deste asunto concreto, a pesar da existencia de acordos e apoios diversos a entidades que promoven a cultura galega en numerosas comunidades e no estranxeiro.

Fonte: La Voz de Galicia

O Consello da Cultura Galega investigará en 2009 o estado do patrimonio cultural e a situación da lingua

Ramón Villares, presidente do Consello da Cutlura Galega, compareceu no Parlamento de Galicia para facer balance das actividades do Consello da Cultura Galega no 2008 e detallar os novos proxectos da institución para o vindeiro ano, entre os que sobrancean a elaboración dun Libro Branco sobre a situación do noso patrimonio cultural, un informe sobre a situación da lingua galega e outro sobre o Museo da Emigración Galega.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Política Lingüística promove a produción e a distribución de obras audiovisuais en galego en colaboración coa CRTVG

Preto de douscentos puntos de venda de toda Galicia distribuirán películas, series e documentais en lingua galega en formato DVD

Marisol López reiterou o compromiso do seu departamento coa promoción de medidas que contribúan a facer máis visibles no mercado as obras audiovisuais en galego

Entre as producións que se puxeron á venda estes días atópanse documentais premiados pola súa calidade, como Historias de Galicia, e longametraxes e series dirixidas ao público infantil como Os vixilantes do Camiño e Planeta Fantasía

Incrementar a produción e a promoción de obras audiovisuais en lingua galega, dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil, é o obxectivo fundamental do acordo que veñen de asinar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG). Esta colaboración fixo posible, entre outras accións, a saída ao mercado nestes días de novos produtos audiovisuais en formato DVD que se distribuirán a través de expositores instalados en 177 puntos de venda de toda Galicia, entre centros comerciais, librarías e outros establecementos, e que tamén se poderán adquirir na páxina web da CRTVG.

Por unha banda, os espectadores poderán atopar no mercado oito títulos de películas dobradas ao galego pola TVG. Tamén se distribuirán en formato doméstico a serie Planeta Fantasía, a longametraxe Os vixilantes do Camiño e a serie documental Historias de Galicia.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou en Santiago estas novas producións audiovisuais financiadas polo seu departamento, nun acto no que tamén participaron o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, e o director de Comunicación e Relacións Públicas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco.

Un sector clave
Marisol López fixo fincapé na importancia que ten o sector audiovisual no proceso de normalización lingüística e amosou o compromiso do seu departamento coa promoción de medidas encamiñadas a aumentar a presenza do galego nese ámbito. A responsable autonómica referiuse á Televisión de Galicia como “un dos axentes máis importantes para a difusión da lingua galega, que desempeña un papel clave no sector empresarial relacionado coa comunicación”.

Na mesma liña, Marisol López subliñou que o acordo subscrito “contribuirá a engrosar o catálogo de produtos audiovisuais en galego para os máis pequenos e a promover e facer máis visible ese catálogo”.

Compromisos
No acordo de colaboración asinado, a CRTVG comprométese a realizar todas as xestións necesarias para a produción, promoción e xestión de dereitos de propiedade intelectual e industrial, entre outros, dos produtos audiovisuais mencionados, así como a difundir informacións relativas a esas obras. Mentres tanto, Política Lingüística adquire o compromiso de facilitar apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados coas iniciativas comprendidas nos convenios.

Entre os títulos que se distribuirán en DVD en preto de douscentos puntos de venda de Galicia, figuran a serie documental Historias de Galicia, unha produción da TVG patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que obtivo numerosos recoñecementos e na que se fai un percorrido polos acontecementos máis relevantes sucedidos en Galicia ao longo dos séculos. Ademais, o popular personaxe infantil Xabarín é o protagonista da longametraxe Os vixilantes do Camiño, e a serie Planeta Fantasía convida a facer unha viaxe pola literatura infantil galega dan man dos cosmonautas Fiúncho, o comandante Gaga, Pecas e Merliño.

Fonte: Xunta de Galicia

Representantes do Bierzo aspiran a explicar no Parlamento de Galicia a situación do galego

Varios representantes de institucións sociais e culturais do Bierzo están chamados a comparecer no Parlamento para dar a coñecer a situación da lingua galega na comarca. A solicitude, presentada polo grupo do BNG, responde ao acordo acadado por unanimidade pola Cámara en xuño de 2007, para poñer en marcha programas de galeguización no Bierzo.

Fonte: Vieiros

Xa está dispoñible en liña o Vocabulario multilingüe de economía realizado pola Universidade de Santiago

Á lista de dicionarios e vocabularios técnicos na nosa lingua, a Universidade de Santiago engade un novo volume que se pode consultar en liña e en galego, inglés, castelán, catalán e vasco.

Fonte: Vieiros

Os estudantes de secundaria protestarán polo incumprimento do decreto do galego

Os estudantes de ensino medio de Galicia están convocados a unha folga xeral o próximo 26 de novembro para denunciar o "flagrante incumprimento" do Decreto do galego no ensino e demandarlle a Educación que "esixa" e "controle" a aplicación correcta desta norma.

Fonte: El Correo Gallego

O Concello de Vimianzo elimina o seu Servizo de Normalización Lingüística e rexeita as subvencións concedidas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denuncia que o Concello de Vimianzo eliminou inxustificadamente o seu Servizo de Normalización Lingüística, despediu do seu posto de traballo ao técnico responsable e decidiu non pedir ningunha subvención para o mantemento deste servizo.

Fonte: CTNL

Preséntase unha guía de linguaxe non sexista no deporte

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentaron a Guía de linguaxe non sexista no deporte, un proxecto que nace coa vocación de "sensibilizar" o mundo do deporte sobre a necesidade de utilizar a linguaxe de xeito que mulleres e homes estean incluídos e sexan visibles por igual.

Fonte: Vieiros

Un estudo conclúe que tres de cada catro colexios de Vigo incumpren o decreto do galego

Apenas o 25% dos centros educativos de Vigo cumpren o decreto do galego. O curso pasado foi o primeiro no que se implantou a norma que obriga aos colexios e institutos a impartir polo menos a metade da docencia en lingua galega. A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo realizou unha primeira sondaxe aproximativa entre marzo e xullo deste ano e concluíu que tres de cada catro centros vigueses (hai uns 140) non cumpren co que establece o texto legal aprobado polo Parlamento galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder