Galicia
Estudantes de lingua e cultura galegas das universidades alemás realizan unha visita a Galicia
Trátase da primeira viaxe conxunta dos alumnos e alumnas dos centros de estudos galegos de Alemaña
Un total de 16 estudantes, acompañados polos profesores lectores, percorrerán Galicia e participarán en diversas actividades lúdicas e culturais
Alemaña é un dos países europeos con máis centros de estudos galegos, con cinco universidades nas que é posible estudar lingua e coñecer a cultura do país
Un grupo de estudantes de lingua e cultura galegas de universidades alemás inician unha completa visita a Galicia na que poderán coñecer de preto a nosa cultura e practicar a lingua galega. Acompañados polos profesores lectores de galego, os estudantes alemáns comezarán a súa visita en Santiago. O mércores, 17 de setembro, serán recibidos pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. Visitarán o Museo do Pobo Galego e percorrerán a zona vella de Compostela.
O grupo desprazarase o xoves, 18 de setembro, á Costa da Morte, onde visitarán o Monte Pindo, Carnota e Fisterra. Ao día seguinte pasarán a xornada na Coruña, onde realizarán unha visita á sede da Real Academia Galega e á Universidade da Coruña. Posteriormente terán un xantar cos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Xulio Valcárcel, que participaran nun encontro cos estudantes en Alemaña hai meses.
Durante a fin de semana, os estudantes alemáns visitarán a praia das Catedrais, en Ribadeo, e participarán nun partido de billarda entre Galicia e Alemaña. Tamén estarán no Courel, onde pasarán a xornada do domingo.
Xa o luns, 22 de setembro, o lugar elixido será a provincia de Ourense. Na capital visitarán a catedral, as Burgas e a zona vella, para despois trasladarse a Allariz. Na seguinte xornada será Vigo o protagonista da viaxe. Logo de coñecer a Fundación Carlos Casares e pasear pola zona vella da cidade, irán a Pontevedra pasar a tarde. A xornada rematará de madrugada, xa que está previsto que o grupo coñeza o funcionamento da lonxa de Vigo arredor das tres da mañá.
Por último, a axenda da viaxe prevé unha visita a Vilagarcía de Arousa, onde se dará por rematada a excursión.
Preto de cen alumnos
Alemaña é un dos países europeos onde máis centros de estudos galegos funcionan. Son cinco: Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier e Tubinga. Na actualidade, os programas de lingua e de cultura galegas teñen preto dun cento de alumnos e alumnas, e son moi activos en canto á organización de actividades académicas e extraacadémicas.
Fonte: Xunta de Galicia
Este venres remata o prazo de matriculación nas probas de obtención do Celga que se van celebrar a finais de ano
Os exames realizaranse no mes de novembro nas principais cidades galegas e nos centros de estudos galegos no exterior
O vindeiro 19 de setembro remata o prazo de matrícula na vindeira convocatoria de probas para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga) que se van realizar para os niveis 1, 2, 3 e 4.
As persoas interesadas en realizar as probas deben presentar unha solicitude en modelo oficial, dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A solicitude pódese entregar nos gabinetes provinciais da Secretaría en función do lugar no que se vaia presentar a persoa inscrita. Se o exame o vai realizar fóra de Galicia, ten presentar o impreso de matrícula no centro de estudos galegos da universidade correspondente.
Os exames desenvolveranse nos meses de novembro e decembro. O día 29 de novembro será a data da proba do Celga 2, o 22 de novembro o Celga 3, os días 15 e 16 de novembro o Celga 4, e o 13 de decembro o Celga 1.
Fonte: Xunta de Galicia
O PP da Coruña leva ao pleno a cooficialidade do topónimo castelán
O grupo municipal do Partido Popular do Concello da Coruña presentou unha moción ao pleno para propoñerlle á Xunta a modificación da Lei de normalización lingüística de maneira que se permita a cooficialidade do topónimo castelán da cidade.
Fonte: La Opinión
Marisol López achegoulles a estratexia de promoción lingüística da Xunta aos estudantes de galego en Alemaña
A secretaria xeral de Política Lingüística recibiu unha delegación integrada por 16 estudantes de lingua e cultura galegas de universidades alemás e os seus profesores lectores
Os alumnos e alumnas recibiron información sobre as campañas postas en marcha nos últimos meses para fomentar a incorporación do galego a todos os ámbitos sociais, como a da galeguización da telefonía móbil
Cinco universidades de Alemaña ofrecen a posibilidade de adquirir formación en materia de lingua e cultura de Galicia
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiu en Santiago un grupo integrado por 16 estudantes de lingua e cultura galegas das universidades alemás, aos que acompañaban os seus profesores lectores de galego. Trátase da primeira viaxe conxunta que fan a Galicia os alumnos e alumnas dos centros de estudos galegos que a Xunta de Galicia ten activos en Alemaña.
Marisol López aproveitou este encontro para darlles información sobre as campañas e iniciativas que Política Lingüística puxo en marcha nos últimos meses para a promoción da lingua. Así, comentoulles que acaba de botar a andar un proxecto para a galeguización da telefonía móbil, que conta coa colaboración de dez empresas fabricantes e operadoras dese sector. Ademais, a responsable autonómica explicoulles os contidos e obxectivos doutras iniciativas que se están a desenvolver nestes intres, como as Festas dos Axóuxeres, dirixidas a bebés e cativos e ás súas familias. Marisol López tamén se referiu á campaña En galego, tes todo por vivir, posta en marcha en xullo pasado; e amosoulles cada un dos servizos que ofrece a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Do mesmo xeito, trasladoulles que a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, sobre a historia do galego no marco da diversidade lingüística mundial, inaugurarase o vindeiro luns, 22 de setembro, nas dependencias da Comisión Europea en Bruxelas.
Paralelamente, a secretaria xeral expresoulles a súa satisfacción polo feito de que tomasen a decisión de achegarse ao idioma e á cultura de Galicia e sinalou que pasos como este contribúen de xeito decisivo a que “a nosa lingua siga viva”.
Programa da viaxe
Os estudantes alemáns comezaron a súa visita a Galicia por Santiago. Ademais da recepción institucional que mantiveron con Marisol López, tiñan previsto visitar esta tarde o Museo do Pobo Galego e percorrer a zona vella de Compostela.
O xoves 18, desprazaranse á Costa da Morte para coñecer o Monte Pindo, Carnota e Fisterra. A xornada do venres aproveitarana para viaxar á Coruña, onde terán ocasión de ver as instalacións da Real Academia Galega e da Universidade coruñesa. Posteriormente, manterán un xantar cos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Xulio Valcárcel, que participaron nun encontro cos estudantes en Alemaña hai uns meses.
O grupo de alumnos e alumnas dedicarán a fin de semana a visitar a praia das Catedrais, en Ribadeo, e a disputar un partido de billarda entre Galicia e Alemaña. Na xornada do domingo, percorrerán O Courel. Xa o luns, trasladaranse á cidade de Ourense e a Allariz, mentres que o martes recalarán primeiramente en Vigo, onde coñecerán a Fundación Carlos Casares, para posteriormente dirixirse a Pontevedra. Ese mesmo día, regresarán a Vigo para presenciar de madrugada como funciona a lonxa. A axenda da viaxe complétase cunha visita final a Vilagarcía de Arousa.
Cinco universidades
Alemaña é un dos países europeos que conta cun maior número de centros de estudos galegos en funcionamento. Concretamente, son cinco: Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier e Tubinga. Na actualidade, preto dun cento de estudantes participan nos programas de promoción da lingua e da cultura galegas, que compaxinan coa realización de numerosas iniciativas académicas e extraacadémicas.
Fonte: Xunta de Galicia
Política Lingüística e Emigración convocan cursos de lingua galega para residentes en Arxentina e Alemaña
Os seminarios impartiranse nas cidades de Bos Aires e Bonn e os asistentes recibirán a preparación necesaria para poder presentarse ás probas de obtención do certificado Celga 1
A inscrición nestes cursos será de balde e terán unha duración de 75 horas
As clases prolongaranse durante os meses de outubro, novembro e decembro e as persoas interesadas en inscribirse dispoñen de 15 días para facelo
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Emigración convocan de forma conxunta un novo programa de formación en lingua galega dirixido, nesta ocasión, aos residentes en dúas cidades do exterior nas que se detectou unha importante demanda en materia de estudo e coñecemento do galego. Segundo se recolle na resolución publicada o 15 de setembro no Diario Oficial de Galicia, impartiranse cinco seminarios en Bos Aires (Arxentina) e Bonn (Alemaña) durante os meses de outubro, novembro e decembro. Neles poderán inscribirse os cidadáns e cidadás galegos residentes neses lugares e os seus descendentes, así como calquera outra persoa interesada no estudo e na aprendizaxe da lingua galega.
Esta iniciativa enmárcase no programa bautizado como “Cursos de lingua galega na túa cidade” e ten por obxecto preparar o alumnado para a obtención dos certificados do nivel Celga 1. Os ditos seminarios terán unha duración de 75 horas. O número mínimo de asistentes quedou fixado en 20 persoas, e o máximo, en 30. Os cursos serán de carácter gratuíto para todos os participantes.
A maiores, cómpre sinalar que o prazo de presentación de solicitudes abranguerá 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As persoas interesadas en dispor dun modelo de solicitude poderán facerse con el a través da web da Secretaría Xeral de Emigración: www.galiciaaberta.com. Tanto nesta última páxina como na de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, farase pública a relación de admitidos e admitidas para estes cursos.
Remate en decembro
En Bos Aires, as clases impartiranse nas dependencias da Delegación da Xunta de Galicia. Nesta cidade, realizaranse catro seminarios que comezarán os días 6 e 7 de outubro e que rematarán o 19 e o 20 de decembro. Mentres tanto, en Bonn, as xornadas de formación en lingua galega poranse en marcha o 6 de outubro e chegarán á súa fin o 19 de decembro.
Fonte: Xunta de Galicia
Política Lingüística convoca o III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino
A Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto coa Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria organiza o III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino. As datas son as seguintes:
- Días 1, 2, 3, 7, 8 e 9 de outubro 2008: Ferrol, Pontevedra e Ourense.
- Días 25, 26 e 27 de novembro e 2, 3 e 4 de decembro: Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo.
Fin do prazo de inscrición nos seminarios de outubro: 25 de setembro
Fin do prazo de inscrición nos seminarios de novembro: 14 de novembro
Fonte: Xunta de Galicia
Quince mil traballos estudan a lingüística galega de catro séculos
A Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (Bilega), unha base de datos que se elabora no Centro Ramón Piñeiro desde 1994 e que está na rede desde 1998, chegou nesta semana aos 15.062 rexistros de estudos sobre lingüística galega. Nela figuran traballos de investigación, divulgación e opinión publicados desde os pioneiros do Padre Sarmiento, Sobreira ou Cornide, do século XVIII, mesmo uns poucos anteriores, ata a actualidade, segundo explica o lingüista e profesor da Universidade de Santiago Francisco García Gondar, que dirixe o proxecto.
Fonte: La Voz de Galicia
George Steiner pide desculpas ao Pen Clube de Galicia
Ante a avalancha de críticas que suscitou a entrevista que concedeu George Steiner a El País Semanal o 24 de agosto, o filósofo enviou un correo electrónico a El País para que fose remitido ao Pen Clube de Galicia.
Fonte: El País
Política lingüística e oito editoriais galegas levan a máis de 70 concellos un completo programa de animación lingüística
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou o pasado xoves 18 de setembro esta iniciativa, que inclúe libros, contacontos, música, xogos, pintura ou teatro
As editoriais A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais desenvolverán os proxectos desde este mes ata finais de ano
As actividades están destinadas a rapaces de entre 4 e 18 anos, son de balde e todas elas van encamiñadas a fomentar o uso do galego entre os máis novos
O programa prevé chegar a preto de 50.000 nenos e nenas
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago, o programa de animación lingüística que se vai desenvolver ata finais de ano en máis de 70 vilas e cidades galegas en colaboración con oito editoriais.
O programa é moi variado, con oito propostas diferentes, e inclúe lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades destinadas a impulsar o uso do galego entre os máis novos. Está destinado a unha franxa de idade entre os 4 e os 18 anos, polo que abrangue distintas intervencións en función da idade e prevé a participación de preto de 50.000 rapaces.
A través de acordos coas editoriais A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, o departamento de Política Lingüística pretende favorecer o uso da lingua galega na franxa de idade máis nova, da que depende, en boa parte, o futuro do galego.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, definiu o programa como “unha das actuacións máis ambiciosas na dinamización infantil levada a cabo desde a Administración, e coa participación activa das editoriais galegas”. Explicou que “as actividades de dinamización destinadas á infancia son unha prioridade do noso departamento, porque é aí onde está o futuro do galego, porque os nenos e as nenas son os garantes da transmisión da lingua, e porque é na idade máis temperá na que se adquiren hábitos de lectura, e na que se deben fomentar as actitudes positivas cara ao galego”.
Marisol López concluíu asegurando que con este programa “chegamos a un sector da poboación no que “formaremos futuros lectores, que serán futuros falantes”.
Cantar e contar
A iniciativa de Kalandraka Editora artéllase arredor de dous eixes: a tradición e a oralidade. Dirixida a rapaces e rapazas de 4 a 11 anos, achegará sesións de contos e música, obradoiros de escrita creativa, un espazo de lectura e unha exposición de ilustracións e elementos orixinais. Estará presente en catro concellos galegos; as actividades prolongaranse en cada un deles ao longo de 15 días, e a primeira experiencia desenvolverase na Granxa de Briz, en Marín.
Contos en cantos
A editorial Oqo deseñou esta actividade para promover o uso do galego a partir do libro e da lectura, a música e o audiovisual. Contos, cancións karaoke e videoclips musicais son o soporte da actividade, que se vai desenvolver, a partir do 22 de setembro en Vigo, Ribadavia, Ourense, Vilalba, Gondomar Cambre e Santiago. En cada cidade permanecerá cinco días, con obradoiros, exposicións, concertos e agasallos.
Contos para falar
O proxecto da Editorial Rodeira diríxese aos tramos de idades de 3 a 8 anos e de 9 a 12, e inclúe contos e actividades adaptadas a cada grupo. Haberá arredor de 70 encontros nos meses de outubro e novembro, nos que pretenden achegarse a uns 6.000 rapaces e rapazas e tamén aos pais e nais dos máis pequenos.
Flis-fli-ris-flás
A Editorial Galaxia porá en marcha unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar a través dunha representación teatral axeitada á idade dos cativos de entre 6 e 7 anos de idade. Ademais da posta en escena de Flis-fli-ris-flás, o proxecto prevé a entrega, a todo o alumnado galego do primeiro ciclo de primaria, dun conto baseado na obra, cunha serie de propostas lúdicas para ofrecerlles aos pais e cun CD interactivo con recursos de apoio e actividades. Galaxia vai levar a iniciativa a 47 concellos, nos que se representarán 75 funcións.
Graffiti e letras
Rapaces de 12 a 14 anos son os destinatarios da actividade proposta por Edicións A Nosa Terra, que pretende dinamizar o uso do galego nesta etapa de idade desde unha perspectiva creativa, así como asociar o uso do galego coa modernidade, a cultura urbana e as expresións artísticas máis actuais, actividades de interese para esta franxa da poboación. En obradoiros duns 50 minutos de duración, os asistentes recibirán nocións básicas sobre os signos, as letras e a súa evolución e despois practicarán a técnica do graffiti da man do ilustrador Anxo Fariña.
Queremos saber!
A Coruña acollerá a actividade promovida por Baía Edicións. Será todos os venres e sábados a partir do 4 de outubro e ata o 22 de novembro, no centro comercial El Puerto. A campaña, que inclúe obradoiros e sesións de contacontos, diríxese a nenos e nenas maiores de catro anos.
Tardes coas aventuras de Paco Peco Pequeneiro
Este proxecto didáctico iniciarase o 10 de outubro e desenvolverase en Compostela, no Centro Comercial Área Central. Está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos e consiste en sesións de contacontos e obradoiros baseados na colección infantil Paco Peco Pequeneiro, de Sotelo Blanco Edicións. Cada sesión terá unha duración de dúas horas e ademais dos contos haberá obradoiros creativos con materiais de refugallo.
Voces á orella
Xerais pon en marcha unha campaña consistente na realización de tres espectáculos de animación lingüística dirixidos á infancia e á mocidade. Remoldiño vai á feira da compañía Casahamlet, e dirixida a nenos de entre 3 e 8 anos, Os soños na gaiola, a cargo da compañía Trinke Trinke, para nenos de 9 a 14 anos; e O club da calceta, de Teatro do Morcego, para mozos e mozas ata 18 anos son as tres montaxes que se van representar en 24 vilas galegas a partir de outubro. Preténdese chegar a arredor de 4.700 alumnos e alumnas.
O orzamento total deste programa é de 621.000 euros, dos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega 570.000. Todas as actividades serán de balde e desenvolveranse tanto en horario escolar, en sesións concertadas cos centros de ensino, como durante as fins de semana, orientadas ás familias.
Fonte: Xunta de Galicia
Máis de mil persoas participaron ata agora nas festas dos axóuxeres, que se clausuran esta fin de semana en Santiago
O espectáculo, promovido por Política Lingüística co obxectivo de que os máis pequenos da casa se expresen en galego de xeito habitual, terá lugar o sábado 19 de setembro nunha carpa instalada na zona da carballeira de Santa Susana
Máis de 1.200 persoas participaron nas funcións que xa se levaron a cabo nas cidades de Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo durante as últimas semanas
A finais de outubro botarán a andar en 25 vilas galegas os Encontros dos Axóuxeres, que reproducen o modelo inicial das festas, pero nun formato adaptado a espazos pechados
As Festas dos Axóuxeres baixarán o seu pano esta fin de semana na capital galega. A última función deste programa impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística terá lugar o sábado, 20 de setembro, ás 12.00 horas nunha carpa que se instalará na zona da carballeira de Santa Susana, na alameda de Santiago de Compostela. Neste espazo poderán darse cita todas as familias que desexen que os seus bebés e cativos se acheguen de forma lúdica á lingua galega para coñecela, falala de xeito habitual e contribuír deste modo a garantir a súa vitalidade. Nas catro festas que se levan realizado ata agora, en Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo, participaron máis de 1.200 persoas.
Aínda que as festas rematan esta fin de semana, o proxecto da Xunta de Galicia no que se engloba esta iniciativa emprenderá unha nova andaina a partir de finais de outubro; será para entón cando empecen a desenvolverse os Encontros dos Axóuxeres, que chegarán a 25 vilas de Galicia.
O espectáculo que poderán presenciar as familias que acudan á alameda compostelá desenvolverase baixo cuberto, nunha carpa de 500 metros cadrados, e a entrada será de balde. Un elenco artístico integrado por sete actores e seis músicos recrearán unha montaxe na que o boneco Totó, inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras, actúa como fío condutor nunha máxica singradura polo mar dos sentidos. Cantigas, xogos, arrolos, adiviñas e outras moitas dinámicas ideadas para acadar unha implicación máxima dos nenos e dos seus familiares compoñen este espectáculo dunha hora de duración. Xabier Díaz ou Elena Paz son algúns dos artistas que lle dan vida a este proxecto, no que a produción recae na empresa Galitoon.
Novo percorrido
A segunda etapa deste programa promovido por Política Lingüística terá o seu punto de arranque a finais de outubro. Os Encontros dos Axóuxeres estenderanse ao longo do outono e do inverno en espazos pechados de 25 concellos das catro provincias galegas.
Toda a información referente a esta iniciativa posta en marcha polo departamento que dirixe Marisol López pode consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/festa_dos_axouxeres_2008
Política Lingüística aposta por promover accións como as Festas e os Encontros dos Axóuxeres como un paso máis en favor do proceso de normalización lingüística, tendo en conta a importancia que teñen colectivos como o infantil na transmisión da lingua propia.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín