Galicia
Operadoras e fabricantes de móbiles ofrecerán os seus servizos en galego
Cinco empresas operadoras do sector da telefonía móbil, así como outros tantos fabricantes ofreceranlles aos seus clientes a opción de utilizar o galego aos seus clientes nos terminais e na relación coas empresas grazas a un acordo que esta semana subscribirán coa Xunta.
Fonte: La Voz de Galicia
Xa se pode probar o novo OpenOffice 3.0 en galego
Xa está dispoñible a primeira versión candidata de OpenOffice.org 3.0, o paquete ofimático aberto máis coñecido, en galego. Hai que lembrar que este software foi traducido á nosa lingua no último encontro Xuventude Galiza Net coa coordinación de Mancomún.
Fonte: Vieiros
O Concello da Laracha organiza unhas xornadas sobre Recursos Informáticos e Internet en Galego
Falarase da presenza do galego na rede, a través de blogs, contidos culturais, xogos etc., e da recepción de información en galego a través da internet.
Fonte: XornalGalicia
CIG-Ensino pide un departamento específico para coordinar o decreto do galego
Velar polo cumprimento do decreto do galego para avanzar dun xeito real na normalización lingüística no ensino será un dos principais cabalos de batalla da CIG-Ensino. Con este fin, pediron a creación dunha dirección ou dunha subdirección de Educación que coordine o uso da lingua do país nos centros educativos.
Fonte: Vieiros
Dous millóns de investimento da Deputación da Coruña para os servizos de normalización da provincia
A Deputación da Coruña aprobará o venres un investimento de preto de 2 millóns de euros no trienio 2009-2011 para a creación e mantemento dos servizos de Normalización Lingüística nos concellos da provincia. Poden solicitar a súa inclusión neste programa todos os municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, individualmente ou agrupados.
Fonte: Galicia Hoxe
Bebés e cativos das cidades de Ourense e Vigo participaron esta fin de semana nas festas dos axóuxeres
Os espectáculos teñen unha hora de duración e realízanse baixo cuberto, nunha carpa de 500 metros cadrados
As entradas son de balde e convídase os asistentes a participar de xeito activo en xogos, cancións, arrolos e outras iniciativas
Política Lingüística impulsa este programa para intensificar o coñecemento e o emprego da lingua galega en idades temperás
Logo do seu paso polas cidades de Lugo e A Coruña, as Festas dos Axóuxeres chegaron esta fin de semana a Ourense e Vigo. A iniciativa, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para fomentar a transmisión da lingua galega nas familias, segue deste xeito a súa itinerancia por vilas de Galicia, que terá continuidade ao longo dos meses de outono e inverno. A carpa na que se desenvolven os xogos e actividades que compoñen este proxecto, dirixido a bebés, cativos e aos seus pais e nais, instalouse o sábado, 13 de setembro, no parque Barbaña, na cidade de Ourense. O domingo, 14 de setembro, o espectáculo trasladouse a Vigo, concretamente á praza do Rei. En ambos os dous casos, as funcións empezaron ás 12.00 horas.
Sete actores e seis músicos deron vida a unha montaxe na que se recrea unha viaxe polo mundo dos sentidos a través de cantigas, adiviñanzas, xogos, arrolos e outras moitas actividades de animación nas que se busca a complicidade dos participantes e a súa implicación activa no desenvolvemento do espectáculo.
As funcións realizáronse baixo carpa, nunha superficie de 500 metros cadrados e a entrada será de balde. As persoas que se dean cita nestas Festas dos Axóuxeres terán oportunidade de coñecer ao boneco Totó, que se está a iniciar nas súas primeiras palabras. Este personaxe serve como peza dinamizadora na posta en escena desta iniciativa e a súa misión principal estriba en acadar unha maior aproximación aos bebés e cativos para conseguir que se impliquen de forma dinámica nos xogos, coreografías e demais propostas artísticas.
A produción das Festas dos Axóuxeres, nas que participan artistas como Xavier Díaz ou Elena Paz, corre a cargo da empresa Galitoon.
Última parada nas cidades
Unha vez rematadas as funcións de Ourense e Vigo, a Festa dos Axóuxeres fará a súa última parada na cidade de Santiago de Compostela, onde chegará o 20 de setembro. Na capital de Galicia, a carpa na que se desenvolverá o espectáculo estará situada no miradoiro da Alameda.
Logo do 20 de setembro, esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, departamento dirixido por Marisol López, cederalle a testemuña a un formato diferente, ideado para vilas de menor tamaño. Trátase dos Encontros dos Axóuxeres, que empezarán a cobrar forma a partir do mes de outubro e que se desenvolverán en 25 vilas de Galicia ao longo do outono e do inverno.
Estes encontros consisten en funcións coa mesma estrutura artística que as Festas dos Axóuxeres, pero coa particularidade de que se levarán a cabo en espazos pechados para garantir unha maior proximidade co público.
As datas e lugares nos que se desenvolverán as Festas dos Axóuxeres poden consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/festa_dos_axouxeres_2008
Con este programa, Política Lingüística trata de sensibilizar as familias sobre a importancia de transmitirlles aos seus fillos e fillas o coñecemento da lingua galega desde as idades máis temperás.
Fonte: Xunta de Galicia
Segundo o presidente do Foro Peinador, "economía e empresa débense galeguizar con paciencia"
“O informe [do Club Financieiro de Vigo] non responde a ningunha realidade, nin se sustenta en datos estatísticos de ningún tipo. Hai sectores que non reman na mesma dirección e móstrannos a realidade dun país desvertebrado. Esa saña coa que se manifestan contra o galego penso que cos anos acabará sendo un retorno á Terra, como dicía Rof Carballo. Son comportamentos de xente colonizada”, así analiza esta polémica o presidente do Foro Peinador, un organismo que trata de seducir para a galeguización ao mundo da empresa e da economía.
Fonte: A Nosa Terra
O BNG denuncia que as forzas de seguridade rexeitan certificacións en galego
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, quere que o Goberno explique a negativa da Policía e da Garda Civil a admitir as certificacións en lingua galega.
Jorquera presentou unha iniciativa parlamentaria na que denuncia que as forzas da orde rexeitan os certificados académicos escritos en galego, que presentan os galegos que desexan opositar á prazas nestes corpos.
Fonte: La Voz de Galicia
O secretario xeral da Consellería de Presidencia destaca o impulso da Xunta á normalización lingüística na Xustiza
Santiago Roura asegura no Parlamento que é necesario que as ferramentas tecnolóxicas “vaian da man do proceso de galeguización da xustiza”
O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura Gómez, subliñou o pulo da Xunta para eliminar os obstáculos “que puideran impedir ou dificultar a plenitude dos dereitos dos galegofalantes diante da Administración de Xustiza”. Na Comisión 1ª do Parlamento, indicou que as accións dos poderes públicos se centran “na consecución do dereito á libre opción lingüística”, se ben recoñeceu que a xustiza é un dos eidos en que, por razóns estruturais, o proceso de normalización lingüística está “menos desenvolto”.
Neste sentido, Santiago Roura fixo referencia a tres liñas de actuación levadas a cabo pola Xunta co obxectivo de eliminar eses obstáculos. A primeira delas consiste no pulo ás accións formativas en materia de lingua galega e de linguaxe xurídica en particular, nas que indicou que cada día hai máis alumnos que son xuíces, fiscais e secretarios xudiciais: “Nas últimas convocatorias, nas accións formativas de lingua e dereitos propios de Galicia o número de funcionarios de corpos sobre os que a Administración autonómica carece de competencias é maior, e iso prepara un terreo para que a medio prazo se facilite extraordinariamente esta normalización”.
A segunda das liñas explicadas polo secretario xeral consiste na programación da edición de textos legais en lingua galega xa que, segundo lembrou, nos tribunais e xulgados de Galicia se traballa, entre outras, con normativa estatal e da Unión Europea. O nivel de tradución deses textos ao galego era “tardío ou escaso”, dixo, pero grazas á colaboración da Consellería de Presidencia coa Dirección Xeral do Boletín Oficial do Estado se está a producir unha “inxente cantidade de volumes de normas estatais” en lingua galega. Así, destacou que o último texto editado é o Estatuto dos Traballadores e que inmediatamente se levará a cabo a publicación dos Códigos civil e Penal e das leis de axuizamento civil e criminal, “que forman o corpus xurídico fundamental de utilización máis común nos xulgados e tribunais do país”.
Roura afirmou que está iniciativa supón unha acción “de tremendísima trascendencia”, xa que permite que a lingua do país penetre non nos usuarios que utilizan a lingua galega de xeito habitual, senón en persoas que non teñen a lingua galega como lingua vehicular normal de relación e que enfrontados a un problema de incomodidade podían ver diminuída a súa intención de acometer un proceso en lingua galega. “A acción de goberno formativa e de posta a disposición de todas as ferramentas, neste caso a tradución de textos legais españois, facilita esa acción e comportará a medio prazo resultados de mellora evidentes”, asegurou.
Novas tecnoloxías
A terceira das liñas ás que se referiu o secretario xeral da Consellería de Presidencia foi a que ten que ver coas novas tecnoloxías de información e comunicación (TIC), xa que segundo dixo “o pulo das novas tecnoloxías é unha das accións fundamentais que está a desenvolver a Consellería nesta lexislatura”, e considerou que a situación neste eido no ámbito da xustiza cando mudou o Goberno “distaba moito de ser a mellor”. O labor de tradución de textos era entón “excesivamente artesanal”, explicou, mentres que na actualidade se conta cunha ferramenta de xestión “áxil e xa en moitos casos que permite completamente a opción lingüística”.
Roura Gómez lembrou que foi en outono de 2007 cando se implantou no rexistro civil con carácter exclusivo da Coruña a plataforma INFOREG 4 que permite xa facer asentos na lingua galega e posúe as táboas das súas bases de datos nos dous idiomas, español e galego. Dende entón esta plataforma foi implantada tamén nos 45 rexistros civís principais de Galicia -aqueles que son responsabilidade de xulgados de 1ª instancia ou de xulgados de 1ª instancia e instrución-, e dos 270 rexistros civís secundarios –que dependen de xulgados de paz- en 55 deles xa está implantado tamén. “O proceso está en marcha para completalo a medio prazo en todos os rexistros civís de Galicia”, afirmou.
Polo que se refire ao proceso de implantación de Minerva Web –a aplicación que vén substituír ao sistema Libra-, indicou que “moito máis cedo que tarde vai ser a ferramenta universal nos xulgados de Galicia”, e que no momento actual están executados os formularios en lingua galega en materia civil do proceso monitorio, do ordinario e do xuízo verbal de desafiuzamento, e explicou que “o monitorio é practicamente o 30% dos procesos civís, co que neste momento o 50% dos procesos civís se poden tramitar en lingua galega”.
O secretario xeral adiantou a planificación que se vai desenvolver nos próximos meses, ata final de ano:
Na segunda quincena de setembro farase o traballo relativo aos xuízos de faltas no eido penal e aos procesos de despedimento no ámbito social.
Na primeira quincena de outubro farase o traballo para que sexa posible tramitar en lingua galega as dilixencias urxentes por delicto no ámbito penal e os xuízos rápidos penais. Na segunda quincena estará rematado o traballo no resto dos procesos da orde social.
Na primeira quincena de novembro todos os procesos de contencioso administrativo tramitados polos xulgados desa orde xurisdicional poderán tramitarse en galego, e na segunda quincena poderanse tamén os procesos de familia do ámbito civil.
Por último, en decembro estarán feitos os traballos da segunda instancia civil e as dilixencias previas no eido da instrucción penal.
Santiago Roura indicou que isto “supón un esforzo considerable de adaptación das ferramentas” pero que é necesario que as ferramentas tecnolóxicas “vaian da man do proceso de galeguización da xustiza”. “Nese labor vainos encontrar sempre, con todas as medidas que fixeren falta para facer que o libre dereito á escolla sexa unha realidade no país”, asegurou.
Fonte: Xunta de Galicia
A Consellería de Cultura triplicou desde 2004 as axudas á tradución de libros ao galego e desde o galego
Neste período as subvencións pasaron de 90.000 a 307.000 euros, e en 2008 creáronse por primeira vez axudas ás probas de tradución.
Mentres en 2004 o número de obras que recibiran axuda era de 30, o ano pasado foron subvencionadas 89 obras traducidas.
Cultura desenvolve un ambicioso programa de difusión internacional da literatura galega, coa asistencia a feiras e a creación de webs noutros idiomas.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, compareceu na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento para explicar o apoio da Consellería ás traducións.
A tradución de obras editoriais doutros idiomas para o galego e desde o galego a outros idiomas atópase nun bo momento. A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dedica este ano 307.689 euros a subvencionar traducións e probas de tradución, o que supón superar en máis do triple os 90.000 euros que destinou en 2004 para o mesmo fin o anterior goberno da Xunta.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, explicou na Comisión de Cultura do Parlamento as medidas que se están a desenvolver para promover a tradución editorial. Entre 2004 e 2008 Cultura incrementou nun 241% as axudas destinadas á tradución de libros.
Con este incremento a Consellería quere facilitar que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia clásicas e de actualidade.
Máis traducións
O incremento das cantidades incidiu no aumento do número de traducións. Fronte ás 30 obras traducidas que recibiron subvención en 2004, o ano pasado foron 89 as obras traducidas con axuda da Consellería, o que supón triplicar o número de obras. Prevese que a cifra sexa superada este ano, en consonancia co crecemento das axudas.
O aumento das traducións produciuse nas obras publicadas en galego desde outros idiomas, que pasaron de 16 a 63 obras, e tamén na cantidade de obras galegas que foron editadas noutros idiomas co apoio da Consellería, que, se en 2004 eran 14, en 2007 pasaron a ser 26. Estas axudas permitiron a publicación de obras literarias galegas en castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, entre outros.
Este ano creouse ademais unha nova modalidade de axuda, a dirixida a probas de tradución, para as que se destinaron 25.000 euros. Trátase de apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e 1.000 palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do exterior poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para iniciar os contactos para a edición dese texto na súa lingua. Esta acción busca favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras linguas.
Difusión internacional
Xunto ao apoio directo ás editoriais para a tradución, a Consellería de Cultura está a desenvolver unha serie de accións para divulgar as nosas obras e autores no exterior e promover a venda de dereitos de obras galegas noutros idiomas.
Cultura está a desenvolver un ambicioso programa de promoción internacional da literatura galega. En 2007 e 2008 Galicia estivo presente nas principais citas do ámbito editorial en Europa e Iberoamérica: Habana, Buenos Aires, Londres, Brasil, Montevideo, Líber en Barcelona, Frankfurt, Guadalajara, e a principal cita do mundo do libro infantil, a feira de Boloña.
Ademais, creouse diverso material de promoción e varias publicacións en formato papel e en liña, coas webs GalicianBooks.com en inglés, LetrasdeGalicia.com en castelán e LetrasdaGaliza.com en portugués. Estas webs queren achegar a literatura de Galicia a público, axentes e editoras de todo o mundo. Tamén se puxo en marcha a web ReadGalicia.com, para facilitar o intercambio e venda de dereitos para promover a tradución de obras literarias galegas, así como ofrecer a información necesaria para establecer relacións coas editoriais do país.
Estas iniciativas favorecen o coñecemento da literatura galega no exterior e amplían a súa visibilidade de cara á tradución a outros idiomas e a entrada das obras dos autores galegos en mercados noutras linguas.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín