Novas

Política Lingüística e Emigración convocan cursos de lingua galega para residentes en Arxentina e Alemaña
18 de setembro de 2008

Política Lingüística e Emigración convocan cursos de lingua galega para residentes en Arxentina e Alemaña

Os seminarios impartiranse nas cidades de Bos Aires e Bonn e os asistentes recibirán a preparación necesaria para poder presentarse ás probas de obtención do certificado Celga 1

A inscrición nestes cursos será de balde e terán unha duración de 75 horas

As clases prolongaranse durante os meses de outubro, novembro e decembro e as persoas interesadas en inscribirse dispoñen de 15 días para facelo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Emigración convocan de forma conxunta un novo programa de formación en lingua galega dirixido, nesta ocasión, aos residentes en dúas cidades do exterior nas que se detectou unha importante demanda en materia de estudo e coñecemento do galego. Segundo se recolle na resolución publicada o 15 de setembro no Diario Oficial de Galicia, impartiranse cinco seminarios en Bos Aires (Arxentina) e Bonn (Alemaña) durante os meses de outubro, novembro e decembro. Neles poderán inscribirse os cidadáns e cidadás galegos residentes neses lugares e os seus descendentes, así como calquera outra persoa interesada no estudo e na aprendizaxe da lingua galega.

Esta iniciativa enmárcase no programa bautizado como “Cursos de lingua galega na túa cidade” e ten por obxecto preparar o alumnado para a obtención dos certificados do nivel Celga 1. Os ditos seminarios terán unha duración de 75 horas. O número mínimo de asistentes quedou fixado en 20 persoas, e o máximo, en 30. Os cursos serán de carácter gratuíto para todos os participantes.

A maiores, cómpre sinalar que o prazo de presentación de solicitudes abranguerá 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As persoas interesadas en dispor dun modelo de solicitude poderán facerse con el a través da web da Secretaría Xeral de Emigración: www.galiciaaberta.com. Tanto nesta última páxina como na de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, farase pública a relación de admitidos e admitidas para estes cursos.

Remate en decembro
En Bos Aires, as clases impartiranse nas dependencias da Delegación da Xunta de Galicia. Nesta cidade, realizaranse catro seminarios que comezarán os días 6 e 7 de outubro e que rematarán o 19 e o 20 de decembro. Mentres tanto, en Bonn, as xornadas de formación en lingua galega poranse en marcha o 6 de outubro e chegarán á súa fin o 19 de decembro.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder