Novas

O Goberno navarro visita Galicia para coñecer as accións de promoción da lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística
18 de decembro de 2008

O Goberno navarro visita Galicia para coñecer as accións de promoción da lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Marisol López mantivo o mércores 17 de decembro unha xuntanza de traballo cunha delegación do Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence

As campañas para incentivar o uso do galego, as actividades de dinamización lingüística, os novos certificados Celga ou o labor dos equipos de normalización dos centros de ensino foron algúns dos contidos abordados na reunión

Os representantes do Goberno de Navarra aproveitaron a súa estadía en Galicia para visitar a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanece estes dias no Kiosko Alfonso da Coruña

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mantivo o mércores 17 de decembro unha xuntanza de traballo co director xerente de Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence, Xabier Azanza Arbizu, para expoñerlle as principais medidas e estratexias postas en marcha en Galicia durante os últimos anos en materia de promoción da lingua galega. Á reunión, realizada a petición do organismo navarro, tamén asistiron o director do Servicio de Asesoramiento y Formación del Vascuence, Julen Calvo Jiménez; o director do Servicio de Desarrollo del Vascuence, Rubén Fuertes Peralta, e as subdirectoras da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal e Nita Ferreiro.

Marisol López deulles conta das principais liñas de actuación da Secretaría Xeral ao longo desta lexislatura e fixo fincapé na importancia de dar a coñecer as linguas cooficiais do Estado fóra dos territorios nos que se falan. Igualmente, ofreceulles información detallada sobre algúns dos proxectos máis significativos do Goberno galego para fomentar o uso da
lingua propia do país.

Os representantes do Instituto Navarro del Vascuence interesáronse especialmente por actividades como a campaña xeral “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, e por algunhas das actuacións ligadas a esta iniciativa. Así, coñeceron de preto os proxectos de A Cova e de O Contador, no relativo ás actividades de dinamización lingüística na rúa; ou a Xeración E logo! e o programa dos Axóuxeres, no ámbito das accións de fomento da transmisión familiar da lingua.

Outros dos asuntos que se abordaron na reunión foron o establecemento dos novos certificados de lingua galega, Celga, e o labor desenvolvido para revitalizar o traballo dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.

Na xuntanza, Marisol López fixo referencia tamén á exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, sobre a vitalidade do galego na diversidade lingüística mundial. Así, comentoulles aos representantes navarros que a mostra comezou a súa itinerancia en xullo pasado en Santiago de Compostela para trasladarse despois a Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas, Vigo, Madrid e A Coruña, onde se inaugurou esta semana e onde permanecerá ata o 4 de xaneiro.

Con posterioridade á xuntanza realizada nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os integrantes da delegación de Navarra desprazáronse á Coruña para facer unha visita guiada á exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, instalada no Kiosko Alfonso.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder