Novas

O incremento nos orzamentos da Consellería de Educación permitirá afianzar programas destinados ao fomento do multilingüismo
28 de outubro de 2008

O incremento nos orzamentos da Consellería de Educación permitirá afianzar programas destinados ao fomento do multilingüismo

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que ascenden a 2.389 millóns de euros

A Administración educativa aposta pola mellora do éxito escolar do alumnado galego incrementando un 23% o orzamento para os programas PROA, de éxito escolar destinado a centros e de diminución do abandono

A titular do departamento educativo galego salientou que en 2009 se investirá un 20% máis que este ano no programa de apertura de centros fóra do horario lectivo, no que participan actualmente máis de 700 centros de 175 concellos

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2009, que ascenden a 2.389 millóns de euros. Esta cifra, segundo destacou a máxima responsable da Administración educativa autonómica, supón un incremento do 4,5 % con respecto aos orzamentos do ano 2008. Así, Sánchez Piñón destacou que “nuns orzamentos marcados polo rigor e a austeridade, o Goberno galego situou a Educación, unha vez máis, entre as súas prioridades, incrementando as contas por riba da media de todo o Executivo: 4,5% fronte a 4,2% do Goberno”. A conselleira de Educación salientou que “esta importante aposta tradúcese nunha serie de accións prioritarias para o ano 2009 que consolidan proxectos iniciados en anos anteriores, esenciais para a consecución dos obxectivos de toda a lexislatura”.

No tocante aos programas de mellora do éxito escolar, a titular do departamento educativo galego referiuse aos programa PROA, ao de éxito escolar destinado a centros e ao de diminución do abandono, aos que se destinarán en 2009 un total de 13,3 millóns de euros, un 23% máis con respecto ao 2008. Así, Sánchez Piñón indicou que este curso uns 112.000 alumnos de 650 centros públicos se benefician do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería neste eido.

Dentro do apartado de igualdade de oportunidades, a conselleira de Educación indicou a aposta por “tres programas clave para este departamento” o vindeiro ano: mellora dos servizos complementarios, reafirmando así o esforzo realizado en comedores escolares nos últimos anos; consolidación do programa de gratuidade de libros de texto; e a extensión do programa de apertura de centros fóra do horario lectivo.

Con respecto a esta iniciativa, Laura Sánchez Piñón sinalou que este curso 2008/09 participan no programa máis de 700 centros pertencentes a 175 concellos. A conselleira de Educación salientou que, para a continuación desta medida, a Administración educativa “conta para o vindeiro ano con 3 millóns de euros, en colaboración co Ministerio de Educación”, o que supón un incremento do 20% en relación ao ano 2008.

No eido do multilingüismo, a titular da Administración educativa autonómica destacou que este departamento destinará o vindeiro ano máis de 7 millóns de euros a todos os programas de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, entre os que sinalou o incremento de seccións bilingües, as axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante o verán, e a aposta pola creación de novas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas.

Neste senso, Sánchez Piñón indicou que os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano permitirán complementar a liña de axudas -iniciada en 2006- destinadas ao alumnado de ESO e bacharelato co obxectivo de mellorar a súa competencia lingüística mediante estadías no estranxeiro. Así, Sánchez Piñón destacou que, nesta lexislatura, “o Goberno galego terá concedido un total de 7.094 bolsas para estudar idiomas en países como Reino Unido, Irlanda, Francia ou Canadá”, unhas accións que sumarán un total de 12 millóns de euros.

Aposta polas novas tecnoloxías e a mellora das infraestruturas
A conselleira de Educación referiuse tamén á aposta do seu departamento por “uns centros de ensino que sexan dinamizadores e integradores de do seu contorno xeográfico, de modo que se convertan en motores cívicos e sociais”. Así, indicou que o equipamento e fomento das tecnoloxías da información e a comunicación se ten convertido nun dos eixes para acadar este obxectivo. Neste apartado, Laura Sánchez Piñón indicou que “o vindeiro ano destinaremos máis de 4 millóns de euros ao canleado dos centros educativos”.

No tocante á actualización de infraestruturas existentes e á construción doutras novas, a titular de Educación indicou que o vindeiro exercicio a Administración educativa galega destinará máis de 33 millóns de euros a este apartado. Sánchez Piñón salientou que todas as accións neste senso se realizarán na etapa de educación infantil e primaria “de cara a acadar uns centros de ensino acordes coa sociedade actual”. Neste senso, a conselleira destacou que “incrementamos o 32,7% con respecto ao ano 2008, atendendo así as necesidades do sistema educativo, que como todos vostedes saben se están rexistrando nas primeiras etapas de escolarización”.

Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica salientou a aposta do seu departamento polo ensino postobrigatorio. Neste apartado, Sánchez Piñón referiuse ao impulso das ensinanzas de Formación Profesional, que se reflicte no incremento do 9,1% experimentado polo orzamento para FP nos orzamentos do vindeiro ano, así como na partida destinada á formación do profesorado destas ensinanzas, que rexistra unha suba do 97,8% con respecto ao 2008. Ao mesmo tempo, a conselleira salientou que os orzamentos do seu departamento para 2009 consolidan tamén a aposta do Goberno pola modernización do Sistema Universitario de Galicia.

Incremento global por riba do 30%
Laura Sánchez Piñón destacou o “peso fundamental” que a Educación está a ter nesta lexislatura, “tal e como o demostra o incremento global do seu orzamento entre os anos 2005 e 2009 por riba do 30%”. “Superamos en máis de 10 puntos as propias previsións do Goberno galego, que se propoñía incrementar estas achegas un 20% en toda a lexislatura”, salientou Sánchez Piñón, ao tempo que amosou a “satisfacción de confirmar que este obxectivo está cumprido”.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder