Os traballos premiados serán publicados e expostos en máis de tres mil puntos de interese de Galicia e do exterior e ademais recibirán un incentivo económico de 6.000 euros
O prazo para a presentación de traballos permanecerá aberto ata o 22 de febreiro do vindeiro ano
Potenciar o estudo da obra e da época na que viviu Ramón Piñeiro e propiciar a reflexión sociolingüística sobre esa etapa histórica son dous dos obxectivos que persegue esta iniciativa
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar unha nova edición do concurso para a elaboración dunha exposición dirixida a renderlle homenaxe ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas do 2009, Ramón Piñeiro López. Nesta convocatoria poderán participar todos os centros de ensino públicos e privados, non universitarios, de Galicia e da Galicia exterior así como da comunidade galega residente no exterior, escolas unitarias e de ensino primario, centros rurais agrupados, centros de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, centros integrados así como os de formación de adultos.
Entre os obxectivos que persegue esta iniciativa, destacan os de potenciar o estudo da obra e da época de Ramón Piñeiro e propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica na que viviu. Ao mesmo tempo, a convocatoria trata de contribuír a impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración entre departamentos dentro dun mesmo centro educativo e que propicien a implicación activa de profesorado e alumnado. Enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros é outro dos fins que ten este concurso.
A convocatoria establece dúas categorías: unha para os centros de educación infantil e primaria, e outra para os restantes. Os centros nos que se impartan todos os niveis de ensino poderán concursar, se o desexan, nas dúas categorías.
Dotación dos premios
A mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de tres mil puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. As dúas montaxes elixidas recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros.
O eixe temático da exposición será a obra e a época de Ramón Piñeiro, observada dende unha perspectiva pluridisciplinar e na que o transcurso biográfico sirva de motivo para abordar unha realidade máis complexa. O traballo deberá ser interdepartamental e contar coa implicación dun mínimo de cinco seminarios.
Características dos traballos
A exposición deberá constar dun máximo de 15 carteis, dun tamaño de 70x100. A técnica que se utilice será libre e os traballos poderán ser presentados a cor. Para cada un dos carteis elaboraranse unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Estas tarefas incluiranse en forma de guía ou cuestionario, que terá como máximo unha extensión de 25 páxinas.
Os traballos entregaranse en formato dixital, acompañados da reprodución impresa dun dos carteis. As propostas presentaranse baixo un pseudónimo ou lema identificador.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación dos traballos remata o 22 de febreiro. O xurado farase público na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística despois desa data. As bases do concurso poden consultarse tamén na web deste departamento da Xunta de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia



