Novas

Política Lingüística edita
13 de xaneiro de 2009

Política Lingüística edita "Aula de galego 4", un novo manual didáctico para facilitar a aprendizaxe da lingua galega

A Xunta puxo en circulación 5.000 exemplares, que xa se poden atopar nas librarías e dos que tamén disporán os lectores dos centros de estudos galegos no exterior e os profesores que imparten os cursos Celga

O volume, que é o segundo dunha colección que se iniciou en 2008, aposta por poñer en valor as habilidades comunicativas, a reflexión gramatical e o coñecemento da cultura galega

O libro está pensado principalmente para darlles resposta ás necesidades específicas dos alumnos que aspiran a obter o certificado de galego correspondente ao nivel 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a edición dos 5.000 exemplares do manual Aula de galego 4, que xa se poden atopar nas librarías de Galicia e que tamén lles servirán de ferramenta de traballo aos lectores dos centros de estudos galegos no exterior e aos profesores que imparten os cursos Celga. Este volume ten como obxectivo darlles resposta ás necesidades específicas dos alumnos que estudan galego dentro e fóra de Galicia e, especialmente, está pensado para aqueles que aspiran a obter o certificado Celga 4. O manual está elaborado de acordo coa perspectiva do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Trátase do segundo volume dunha colección promovida por Política Lingüística para facilitar a aprendizaxe do galego que botou a andar en 2008, coa saída do prelo de Aula de galego 1. Nos vindeiros meses está previsto que se editen tamén os manuais Aula de galego 2 e Aula de galego 3.

Enfoque comunicativo
Estes cadernos didácticos apostan por poñer en valor as destrezas comunicativas dos alumnos, a reflexión gramatical e o coñecemento e a comprensión da cultura galega. Aula de galego 4 está elaborado por un equipo de autores con ampla experiencia no deseño de materiais didácticos, asesorados por expertos de diversos ámbitos do ensino da lingua.

O volume inclúe o libro do alumno, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo cun resumo gramatical. Coa edición destes manuais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende paliar a escaseza de materiais que respondan axeitadamente ás necesidades expostas nos cursos de aprendizaxe da lingua galega.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder