Novas

Política Lingüística organiza, nas 7 cidades galegas, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino
22 de setembro de 2008

Política Lingüística organiza, nas 7 cidades galegas, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino

O vindeiro 25 de setembro remata o prazo de inscrición nesta actividade para as cidades de Ferrol, Pontevedra e Ourense, mentres que para A Coruña, Santiago, Lugo e Vigo permanecerá aberto ata o 14 de novembro

O programa estrutúrase en seis sesións, nas que se abordarán a planificación sociolingüística, o proxecto lingüístico de centro e as iniciativas que se están desenvolvendo con éxito en diferentes comunidades

A parte práctica tamén terá cabida nos seminarios, no que se organizarán obradoiros e grupos de traballo para desenvolver supostos prácticos

O vindeiro 1 de outubro comezarán en Ferrol, Pontevedra e Ourense os Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino, que este ano chegan á súa terceira edición. Organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, vanse realizar tamén, a partir do 25 de novembro, en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo.

Esta actividade está destinada ao profesorado de ensino primario e secundario, tanto dos centros públicos coma dos privados, e daráselles preferencia aos docentes que pertenzan aos equipos de normalización e dinamización lingüística.

Os seminarios están pensados para darlle formación a profesorado que debe desenvolver no seu centro labores de planificación lingüística co fin de acadar a competencia plurilingüe que marca a lexislación.

Tres das seis sesións das que consta o seminario están dedicadas ao proxecto lingüístico de centro e á planificación sociolingüística. Para iso, contarase coa participación dunha especialista da Comunitat Valenciana, Montserrat Ferrer, que ofrecerá formación teórica. Ademais abordaranse experiencias concretas de centros que están desenvolvendo a planificación sociolingüística e realizarase un obradoiro no que os asistentes, distribuídos en grupos de traballo, acometerán supostos prácticos.

Os seminarios tentan, así mesmo, presentar alternativas viables e realistas que se están a desenvolver na actualidade e que poden valer de referente para impulsar o incremento de usos da lingua, tanto na comunidade educativa como no seu contorno.

As iniciativas de fomento do uso do galego oral e de utilización das novas tecnoloxías na aula tamén terán cabida nestes seminarios, que ano tras ano esgotan o número de prazas ante a gran demanda existente no profesorado.

En Ferrol, o seminario desenvolverase no IES de Canido; en Pontevedra será na Escola Oficial de Idiomas, e en Ourense, no IES Universidade Laboral. Nos tres casos, as sesións comezarán o 1 de outubro, e prolongaranse durante os días 2, 3, 7, 8 e 9 do mesmo mes, sempre a partir das 18.00 horas. Tamén nos tres casos, o prazo para inscribirse remata o xoves, 25 de setembro.

En Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense as sesións iniciaranse o 25 de novembro, e continuarán o 26 e o 27 do mesmo mes e os días 2, 3 e 4 de decembro. No caso de Compostela, o seminario realizarase no IES As Fontiñas; na Coruña será no IES Rafael Dieste; en Lugo, no IES Politécnico de Lugo, e en Vigo, no IES Politécnico de Vigo. Nestes casos, o prazo de matrícula remata o 14 de novembro.

Os asistentes recibirán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Todos os profesores e profesoras que desexen asistir aos seminarios deben inscribirse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fprof.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder