Novas

Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollen a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino
13 de novembro de 2008

Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollen a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

O prazo de inscrición para poder participar nas sesións que se impartirán nesas catro cidades permanecerá aberto ata o venres 14 de novembro

A relación da lingua galega coas novas tecnoloxías e a elaboración de proxectos de planificación lingüística destinados aos centros de ensino son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo destas xornadas

En Ferrol, Pontevedra e Ourense xa se levou a cabo esta iniciativa a comezos de outubro, cunha elevada participación de docentes

As cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollerán, entre finais deste mes e comezos de decembro, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino, que van dirixidos ao profesorado de ensino primario e secundario dos centros públicos e privados de Galicia. A organización desta iniciativa parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que conta para estas xornadas coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Nos catro casos, os seminarios empezarán o 25 de novembro e prolongaranse durante os días 26 e 27 dese mesmo mes, e os días 2, 3 e 4 de decembro, sempre a partir das 18.00 horas. En Santiago, as sesións desenvolveranse no IES As Fontiñas; na Coruña serán no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico, e en Vigo no IES Politécnico.

O prazo de matrícula para inscribirse nestes cursos remata este venres, 14 de novembro. Os profesores e as profesoras que desexen asistir aos seminarios poden inscribirse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fprof. O número de prazas dispoñibles por cada unha das cidades mencionadas é de 50 como máximo.

Contidos
O programa dos seminarios de dinamización inclúe varias sesións nas que se porán en común os modelos de planificación sociolingüística implantados con éxito en diferentes centros de ensino de Galicia e noutras comunidades. As xornadas contarán coa participación de dous especialistas en planificación lingüística da Comunitat Valenciana, Vicent Pascuall e Rafael Fresquet. A maiores, os asistentes abordarán outras cuestións, como a relación da lingua galega coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, e poderán tamén participar en obradoiros prácticos nos que aprenderán a elaborar plans e proxectos de normalización lingüística.

Este programa impulsado pola Xunta de Galicia tenta contribuír a mellorar a formación dos docentes que se encargan de desenvolver tarefas de planificación lingüística nos seus respectivos centros de ensino. Os participantes nos seminarios obterán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Boa acollida
Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo non serán as primeiras cidades galegas nas que se leve a cabo a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino. De feito, as devanditas xornadas xa se desenvolveron a comezos de outubro en Ferrol, Pontevedra e Ourense, onde tiveron moi boa aceptación entre os docentes, que cubriron a totalidade das prazas que se ofertaban.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder