Novas

A versión tecnolóxica do xogo das palabras encadeadas desembarca esta fin de semana na cidade de Ourense
14 de novembro de 2008

A versión tecnolóxica do xogo das palabras encadeadas desembarca esta fin de semana na cidade de Ourense

A instalación interactiva A Cova permanecerá no parque Barbaña dende o venres día 14 de novembro, ata o domingo 16

Esta iniciativa convida a facer unha viaxe da man das novas tecnoloxías pola riqueza lingüística galega e a construír de xeito colectivo unha cadea xigante de palabras

Logo do seu paso por Ourense, esta montaxe promovida por Política Lingüística visitará as cidades de Vigo e Lugo

A cidade de Ourense acollerá a partir do venres e durante toda a fin de semana a instalación interactiva A Cova, unha iniciativa que se engloba dentro da campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”, que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta montaxe convida a mergullarse na riqueza léxica da lingua galega a través dunha moderna versión do xogo das palabras encadeadas e está pensada para que participen nela persoas de todas as idades. A Cova permanecerá no parque Barbaña de Ourense os días 14, 15 e 16 de novembro.

Esta iniciativa chega á cidade ourensá logo do éxito que acadou no seu paso por Santiago de Compostela e A Coruña. A Cova é unha instalación itinerante de última tecnoloxía na que se recrea o mito da caverna de Platón. As persoas que se internen nela terán ocasión de interactuar coa linguaxe achegando palabras coas que contribuirán a construír entre todos unha cadea xigante de vocábulos. Para garantir a corrección das palabras empregadas, cóntase coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga).

Con posterioridade ao seu paso por Ourense, A Cova recalará nas cidades de Vigo e Lugo. Na primeira das vilas mencionadas, a instalación estará situada na rúa Urzáiz os días 21, 22 e 23 de novembro. A praza Maior de Lugo será a última escala que faga esta iniciativa, durante os días 28, 29 e 30 de novembro.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder