España
Cangas del Narcea logra o recoñecemento oficial da toponimia en asturiano das aldeas e parroquias do concello
O Goberno do Principado de Asturias fixo público, a través do seu Boletín Oficial, o decreto polo que se determinan os topónimos oficiais do concello de Cangas del Narcea o que supón, na práctica, que a denominación en asturiano e en castelán das aldeas e parroquias de todo o concello pasen a ser igualmente oficiais.
Fonte: La Nueva España
A campaña contra a declaración do catalán como lingua propia de Aragón chegará a toda a comunidade
A plataforma No Hablamos Catalán (NHC), formada por colectivos cidadáns, asociacións, movementos culturais e políticos, percorrerá as principais cidades aragonesas durante os próximos meses para recoller sinaturas e opoñerse a que o catalán sexa declarado legalmente como "lingua propia" desta comunidade autónoma.
Fonte: ABC
A Generalitat de Catalunya asina un acordo para promover o estudo do catalán no sur de Francia
O ministro de Educación da Generalitat de Catalunya, Ernest Maragall, e o reitor da Academia de Montpellier e chanceler de Universidades na rexión francesa de Languedoc-Rousillon, Christian Nique, asinaron un acordo de colaboración para potenciar o estudo do catalán no departamento francés dos Pirineos Orientais e o do francés nos centros educativos cataláns.
Fonte: La Tercera
O conselleiro vasco de Sanidade márcase como obxectivo que o éuscaro sexa unha lingua de traballo e de servizo na sanidade vasca
O conselleiro vasco de Sanidade, Gabriel Inclán, asegurou que o obxectivo do seu Departamento é que o éuscaro sexa "unha lingua de servizo en Osakidetza e dar entrada a que tamén sexa unha lingua de traballo". Ademais, sinalou que o proceso de euskaldunización da sanidade vasca "tamén precisa" dos usuarios, aos que se debe "avisar das opcións que teñen para falar en éuscaro".
Fonte: EcoDiario
Máis de 2.000 persoas participaron nunha manifestación polas rúas de Oviedo para pedir a oficialidade do asturiano
A manifestación, promovida pola plataforma 'Conceyu Abiertu pola Oficialidá', que incorpora máis de 200 organizacións políticas e sociais do Principado de Asturias, contou coa participación de xente de todas as idades que reclamaban con pancartas e a viva voz 'Oficialidá ya'.
Fonte: Europa Press
O Bloque por Asturies denuncia "outro ataque" á lingua asturiana
O coordinador do Bloque por Asturies (BA), Rafael Palacios, criticou a ausencia de lingua asturiana no currículo de Educación Infantil. Segundo sinalou, co novo decreto polo que se establece o currículo do Segundo Ciclo de Educación Infantil (3-6 anos), o Goberno do Principado "marxina novamente o asturiano".
Fonte: La Voz de Asturias
A Generalitat Valenciana ignora as críticas e defende Cidadanía en inglés
A Generalitat Valenciana defende a súa decisión de impartir Cidadanía en inglés. A medida causou un profundo malestar na maioría dos representantes da comunidade educativa, desde a que se considera imposible que un neno de 2.º da ESO entenda os contidos da materia neste idioma. Pero a Administración insiste en que se trata de impulsar "un sistema trilingüe o máis equilibrado posible en relación coa modernidade de Occidente", segundo o conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora.
Fonte: Público
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana denuncia que dous colexios de Xixón impiden a matriculación en Lingua asturiana
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana denuncia que dúas escolas concertadas da cidade de Xixón impídenlles aos seus alumnos a matriculación na materia de Lingua asturiana. Esta formación política fala de «ataque á escolarización e aos dereitos lingüísticos e educativos dos alumnos».
Fonte: La Nueva España
O conselleiro de Educación do Goberno vasco pide tranquilidade para facer a reforma lingüística
O Departamento de Educación vasco non consegue dar saída ao proxecto de lei de reforma dos modelos lingüísticos. Con só tres meses para sacar adiante a principal medida deste mandato, o conselleiro modulou o seu discurso e avogou pola "tranquilidade", precisamente, cando menos tempo lle queda.
Fonte: El País
A Facultade de Filoloxía de Oviedo decidirá se lle outorga ao asturiano un grao menor de 48 créditos e 8 materias
Ou minor (grao menor) de asturiano ou non hai alternativa. Iso parece desprenderse dos documentos que se barallan estes días na Facultade de Filoloxía da Universidade de Oviedo en torno á configuración dos novos graos.
Fonte: La Nueva España
Boletín
Subscríbase al boletín