España
O conselleiro de Educación de Cataluña afirma que o catalán é a lingua franca nas aulas
O conselleiro de Educación, Ernest Maragall, afirmou no Parlamento que o catalán é a lingua franca que se usa dentro das aulas de Cataluña. O conselleiro dixo isto cando lle preguntaron polo último estudo lingüístico do Consello Superior de Avaliación do Sistema Educativo de Cataluña sobre o idioma que usan os alumnos de cuarto de secundaria. Segundo o documento, a lingua de entendemento na hora do patio é o castelán.
Fonte: Europa Press
O Goberno balear esixirá títulos de catalán ao seu persoal sanitario
O Goberno balear atreveuse a levar a cabo unha ameaza que era vox populi: o persoal sanitario deberá aprender tamén catalán. O Servizo de Saúde (Ib-salut) elaborou un borrador de decreto no que se esixe acreditar nivel A ou B a todos os profesionais que desexen optar a unha praza fixa.
Fonte: El Mundo
Air Berlin reafirma a súa negativa a utilizar galego, catalán e vasco nos seus voos
O directo de Air Berlin para España e Portugal, Álvaro Middelmann Blome, reafirmou que a súa empresa non empregará as linguas cooficiais do Estado para dar mensaxes nos seus voos.
Fonte: Galiciae
O Concello mallorquín de Montuïri pon en marcha un voluntariado lingüístico
O Concello de Montuïri, xunto coa asociación Paraula e o Centre de Serveis Lingüísticos, poñerá en funcionamento un programa de voluntariado lingüístico.
Fonte: Diario de Mallorca
A Comunidade de Madrid é o terceiro destino nacional dos estudantes de español
A Comunidade de Madrid foi en 2007 o terceiro destino nacional dos estranxeiros que queren aprender español, con 37.920 estadías, por detrás de Málaga e Salamanca, segundo datos da Consellería de Cultura e Turismo, que asinou un acordo de colaboración coa Asociación Empresarial de Escuelas de Español en Madrid para potenciar a rexión como destino idiomático.
Fonte: Telemadrid
Nace Zerberri.com, o primeiro buscador de noticias en éuscaro de cen páxinas web
Zerberri.com é o primeiro buscador de noticias en éuscaro de internet. Os seus promotores, o informático Gorka Julio e o xornalista Haritz Rodriguez, presentaron ao público esta ferramenta que rastrexará a rede a partir dunha lista de cen fontes de información, todas elas en lingua vasca.
Fonte: Diario Vasco
Coalición por Melilla propón a aprendizaxe da lingua bérber para acabar co fracaso escolar
Coalición por Melilla (CPM), principal partido da oposición e de maioría musulmá, reiterou a súa proposta de promoción e aprendizaxe do tamazight, lingua milenaria de orixe bérber, para acabar coa alta porcentaxe de fracaso escolar que se dá na cidade autónoma.
Fonte: Infomelilla
O Departamento de Educación vasco obriga a estudar éuscaro a 8000 alumnos co curso iniciado
O Departamento de Educación vasco, que encabeza Tontxu Campos, de EA, decidiu comezar a aplicar este curso o novo sistema de exencións de estudar éuscaro, moito máis restritivo que o que estaba en vigor ata o momento. O problema é que se tomou esta decisión cando o curso xa comezara e arredor de 8000 alumnos xa se matricularan baixo as pautas do sistema anterior, polo que estaban eximidos totalmente cada ano do estudo e da avaliación da lingua vasca.
Fonte: El País
O aragonés vive un futuro incerto entre as diferenzas sobre o grao de recoñecemento e a oficialidade que demandan os falantes
Aragón é trilingüe. Ademais do catalán falado na franxa oriental, a denominada de Ponent, e o castelán, utilizado en todo o territorio, en boa parte da provincia de Huesca e nun reducido número de municipios de Zaragoza fálase aragonés. Esta lingua, falada como máximo por unhas 24.000 persoas, sobrevive en diversos vales pirenaicos sen recoñecemento oficial ningún.
Fonte: Avui
Un 20 % das prazas da OPE sanitaria requirirá o dominio do éuscaro
Entre un 15 e un 20 % das 2520 prazas que Osakidetza sacará na oferta pública de emprego (OPE) de 2008 (os exames celebraranse a finais de marzo e a principios de abril do próximo ano) terá como requisito imprescindible o coñecemento do éuscaro. Esta é a previsión coa que traballa a dirección do Servizo Vasco de Saúde, que ultima estes días cos sindicatos as bases da convocatoria. Para o resto das prazas a concurso o coñecemento do éuscaro avaliarase como un mérito.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase al boletín