España
O Concello de Noreña renuncia a solicitar subvencións para difundir o asturiano
O partido político Andecha Astur denunciou que Noreña é un dos poucos concellos asturianos que non presentou ningún proxecto a subvención para a normalización da lingua asturiana, algo que a xuízo dos asturianistas «deixa claro a falta dunha política cultural neste sentido».
Fonte: La Nueva España
Kontseilua, Consello de organismos sociais do vasco, ve imprescindible o coñecemento do éuscaro para a «convivencia plena»
«Resulta imprescindible que todos os cidadáns poidan expresarse en éuscaro e castelán para alcanzar unha convivencia plena». Esta é a mensaxe lanzada polo presidente de Kontseilua -o Consello de organismos sociais da lingua vasca-, Koldo Tellitu, con motivo do décimo aniversario da entidade, que incluirá a celebración dun acto festivo o próximo 13 de decembro no BEC de Barakaldo.
Fonte: El Correo Digital
A Generalitat Valenciana só esixe o coñecemento do valenciano ao 1,2 % dos funcionarios
A Llei d'Ús i Ensenyament del Valencià (LUEV), aprobada en 1983, establecía que a Generalitat Valenciana debía garantir o uso normal e oficial na Administración das dúas linguas oficiais. Con todo, só se esixe un determinado grao de coñecemento do valenciano a 193 dos 15.669 empregados públicos, o 1,2 % do total. Ademais, a maior parte das persoas con requisito lingüístico, ata 77, concéntrase na Consellería de Educación. E unha decena de departamentos, incluíndo Turismo, non reclama o dominio da lingua a un só dos seus funcionarios.
Fonte: El País
Google prioriza os resultados en castelán e desterra aos últimos postos as páxinas noutras linguas
Dende este verán, o buscador líder da internet, Google, está, dalgún xeito, a discriminar nos seus resultados as páxinas escritas en galego. Isto acontece na súa versión para o Estado español, que aparece por defecto ao se conectar dende calquera computador da rede dentro do seu eido territorial.
Fonte: Vieiros
Uns 270 comercios e restaurantes de Mallorca reciben axudas para fomentar o catalán
Un total de 273 empresas, entre comercios, bares e restaurantes, acolleuse ás subvencións que o Consell de Mallorca reparte co obxectivo de incrementar o uso da lingua catalá no ámbito empresarial. As 273 empresas recibiron unha dotación económica para editar en catalán diferentes conceptos.
Fonte: Diario de Mallorca
O Instituto Navarro del Vascuence emprende unha campaña de asesoramento sobre denominacións oficiais en éuscaro
O Instituto Navarro del Vascuence inicia unha campaña de información dirixida ás entidades locais para dar a coñecer que procedemento seguir, en caso de que estean interesadas, para aprobar de maneira oficial a denominación en éuscaro.
Fonte: XornalGalicia.com
O Concello alacantino de Xàbia organiza un curso de castelán para residentes europeos
O Concello de Xàbia, a través da Unidade de Residentes Europeos da Deputación de Alacante, organizou un curso gratuíto de castelán para axudar a ese colectivo a aprender o idioma e promover así a integración dos residentes comunitarios.
Fonte: Las Provincias
A presidenta do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña quere un cambio legal que blinde o uso do catalán nos xulgados
A presidenta do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, Maria Eugènia Alegret, considera que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (con rango de lei no Estado) non é garantía legal suficiente que ampare o uso normalizado do catalán no ámbito da Administración de Xustiza, e reclama unha reforma legal para "recoñecer este dereito de forma definitiva".
Fonte: Avui
A escaseza de profesores en Murcia pode deixar sen clases de inglés e francés a 8000 alumnos durante dúas semanas
O efecto bolboreta pode aparecer nas aulas murcianas por unha "falta de previsión" da Consellería de Educación, segundo o sindicato de profesores ANPE. A implantación de inglés e francés en todos os cursos de primaria e secundaria "e a falta de previsión da Consellería provocou que non haxa suficientes profesores interinos de inglés, francés e audición e linguaxe para cubrir as necesidades dos centros educativos", segundo fontes do sindicato de ensino.
Fonte: La Verdad
O conselleiro de Educación valenciano aposta polas novas tecnoloxías para potenciar o plurilingüismo no sistema educativo
O conselleiro de Educación da Generalitat de Valencia, Alejandro Font de Mora, afirmou que a nova versión de LliureX impulsada polo seu departamento porá a disposición do profesorado do sistema educativo os laboratorios de idiomas, unha nova ferramenta pedagóxica que permitirá mellorar o coñecemento de idiomas e que se enmarca no esforzo por potenciar o plurilingüismo e o impulso da aprendizaxe do inglés.
Fonte: XornalGalicia.com
Boletín
Subscríbase al boletín