España

A Generalitat Valenciana prepara un programa de tradución do valenciano ao inglés

A Consellería de Educación ten previsto presentar en menos dun ano un programa de tradución do valenciano ao inglés e vicevera, a semellanza do programa Salt, dentro do obxectivo do Goberno valenciano de apostar polo trilingüismo.

Fonte: Levante

O Instituto Cervantes, a Cruz Vermella e SM presentan "Horizontes", un curso de español para integrar persoas inmigrantes

O Instituto Cervantes, a Cruz Vermella Española e Ediciones SM elaboraron o curso de español "Horizontes. Español Nueva Lengua", un método de ensino do español para persoas inmigrantes adultas. Cunha tirada inicial de 5.000 exemplares –que poderán aumentar en posteriores edicións-, os libros empregaranse nos centros da Cruz Vermella en España co obxectivo de facilitar a inserción sociolaboral do alumnado mediante a aprendizaxe da lingua e cultura españolas.

Fonte: Instituto Cervantes

A UNED poñerá en marcha un lectorado de lingua e cultura vascas en España e no estranxeiro

O Departamento de Cultura do Goberno vasco e a UNED (Universidad Nacional de Educación a Distancia) asinaron en Donostia un acordo de colaboración en virtude do cal a UNED poñerá en marcha durante este curso académico 2008-2009 un lectorado de éuscaro e cultura vasca en España e no estranxeiro.

Fonte: Diario Vasco

O Partido Socialista de Euskadi rexeita a reforma dos modelos lingüísticos no ensino

O PSE-EE expresou o seu rexeitamento á reforma dos modelos lingüísticos que promove o departamento de Educación. A responsable socialista de Políticas Sociais, Isabel Celaá, afirmou que o seu partido só apoiará o proxecto de Educación se se "introducen modificacións de calado", porque non se pode aceptar que a educación vasca "estea toda ela subordinada ao éuscaro".

Fonte: Diario Vasco

O partido político Tierra Aragonesa pide o recoñecemento oficial da Academia de l'Aragonés

Tierra Aragonesa indica que "durante máis de trinta anos foi o tecido asociativo o que impulsou unha campaña de sensibilización social polos dereitos lingüísticos de entre un 7 e un 10 % de aragoneses que falan unha lingua materna autóctona distinta do castelán, feito que debería gozar do recoñecemento por parte do Goberno de Aragón".

Fonte: El Periódico de Aragón

O Concello de Zarautz organiza cursos de éuscaro para inmigrantes

O Concello de Zarautz organiza cursos básicos de éuscaro que están dirixidos a estranxeiros que non tiveron contacto coa cultura vasca.

Fonte: Diario Vasco

Cerca de 500 persoas maniféstanse ante o Goberno vasco pola liberdade lingüística

Unhas 500 persoas concentráronse o sábado pola tarde ante as portas do Palacio de Ajuria Enea, en Vitoria, para pedirlle ao Goberno vasco que respecte a "liberdade" dos pais a elixir a lingua en que queren educar os seus fillos.

Fonte: El Mundo

O tripartito vasco insta a empresas e comercios a usar máis o éuscaro

Os tres partidos que sustentan o Goberno (PNV, EA e EB) instaron as empresas e grandes comercios a que incorporen máis o éuscaro na súa actividade para cumprir o dereito do Executivo que obriga a garantir a atención na lingua autóctona.

Fonte: El País

O Partido Aragonesista desmárcase dos seus socios do PSOE pola política lingüística

O pacto de goberno PSOE-PAR queda en suspenso na política lingüística que pretende sacar adiante o presidente Marcelino Iglesias. Ata o de agora, sobre este asunto os aragonesistas distanciábanse en privado, evitando un enfrontamento aberto co PSOE. Pero xa optaron por desmarcarse expresamente, ante a insistencia con que Iglesias trata de dar carta de natureza legal ao catalán como "lingua propia" de Aragón e estender o seu uso en colexios e institutos como "lingua vehicular".

Fonte: ABC

A iniciativa "Euskara 21" reforza a reflexión sobre o éuscaro

A Viceconsellería de Política Lingüística do Goberno vasco, a través do Consejo Asesor del Euskera, emprendeu unha nova etapa coa posta en marcha dun amplo proceso de reflexión e debate en torno ás bases da política lingüística. Con este fin creouse a Comisión Especial "Bases para a política lingüística de principios do século XXI". No devandito proceso de reflexión, preténdese analizar o camiño percorrido ata o presente en materia de política lingüística e concretar os pasos que cómpre dar nos vindeiros anos.

Fonte: Euskadi.net

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder