España

A Universitat de Lleida prevé ofrecer o grao en catalán e occitano o próximo curso

A Universitat de Lleida ten previsto iniciar no próximo curso (2009-2010) os estudos de grao en catalán e occitano, a fórmula que permitirá adaptar a antiga Filoloxía Catalá ás directrices marcadas polo Plan de Boloña e que converterá esta universidade na única do Estado que impartirá os estudos de grao en lingua occitana.

Fonte: La Mañana

O PP catalán esixe a terceira hora de castelán para firmar a Lei de educación

A presidenta do Partido Popular en Cataluña, Alicia Sánchez-Camacho, mostrou unha posición firme contra a inmersión lingüística que planea sobre as aulas catalás. Durante a reunión que mantivo co conselleiro de Educación, Ernest Maragall, condicionou o pacto da futura Lei de educación, que se atopa agora en trámite parlamentario, a acatar o cumprimenro da terceira hora de castelán en primaria.

Fonte: La Razón

Un profesor reúne opinións sobre o éuscaro en catro séculos

O profesor de Historia Contemporánea da Universidade Pública de Navarra, Juan Madariaga Orbea, presentou o libro Apologistas y detractores de la lengua vasca, obra na que a través de artigos e estudos recompila a opinión sobre o éuscaro de máis de 60 autores dos séculos XVI ao XIX.

Fonte: Diario de Navarra

A reflexión sobre política lingüística 'Euskara 21' concita un amplo consenso

Para fin de ano, a comisión especial Euskara 21, que se puxo en marcha hai cinco meses dentro do Consello Asesor do Éuscaro para reflexionar acerca do futuro da política lingüística, terá listo o documento no que suxerirá ás institucións cales deberían ser as bases da política lingüística dos próximos anos.

Fonte: Diario Vasco

Só nun dos dez colexios concertados de Castellón se pode estudar en valenciano

A cidade de Castellón dispón de dez centros concertados e privados onde se imparte educación primaria. Só nun destes colexios se pode estudar liña en valenciano ou acceder ao programa de inmersión lingüística que prevé a Lei de uso e ensino do valenciano aprobada en 1983, segundo se extrae dun estudo de Escola Valenciana-Federació d'Associacions per la Llengua.

Fonte: Levante

A Universitat Jaume I impartirá o 5 % dos créditos das súas carreiras en lingua estranxeira

A Universitat Jaume I (UJI) impartirá en lingua estranxeira o 5 % dos créditos das súas titulacións de grao, apostando por un modelo europeo de educación superior.

Fonte: El Periódico Mediterráneo

A Generalitat de Catalunya gasta máis na promoción do catalán que o Instituto Cervantes na do castelán

O Goberno tripartito catalán, que preside o socialista José Montilla, gastou en 2007 case 157 millóns de euros en fomentar o uso da lingua catalá. A cifra supón un incremento do 30,8 % sobre o orzamento público destinado a ese fin no ano 2006, que foi de 119,65 millóns de euros.

Fonte: El Mundo

A Deputación de Cáceres implanta un programa informático para corrixir a linguaxe sexista nos seus documentos

A Deputación de Cáceres instalará nos seus ordenadores un programa informático chamado 'Themis' que serve para corrixir a linguaxe sexista nos seus escritos e documentos, de xeito que, ao finalizar o traballo, este software detecta os posibles vocábulos que poidan incorrer nunha discriminación de xénero e propón o seu cambio por outros neutros.

Fonte: Europa Press

A Generalitat Valenciana retiraralles o concerto aos institutos que non dean Cidadanía en inglés

O conselleiro de Educación valenciano, Alejandro Font de Mora, advertiu nas Cortes Valencianas que o executivo que preside Francisco Camps retirará o concerto aos centros privados que incumpran a orde de impartir en inglés a materia de Educación para a cidadanía.

Fonte: La Vanguardia

Os partidos xudiciais cataláns de Puigcerdà e Ripoll emitiron cerca dun 98 % das sentenzas en catalán

Os partidos xudiciais de Puigcerdà e Ripoll emitiron o ano pasado un 97,83 % e un 97,98 %, respectivamente, das sentenzas en catalán, segundo os datos presentados polo Departamento de Xustiza.

Fonte: Avui

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder