España

O Departamento de Educación vasco presenta o proxecto de lei para a reforma dos modelos lingüísticos no sistema educativo

O Departamento de Educación preséntalles en San Sebastián aos axentes educativos (sindicatos, patronais e asociacións de pais) o proxecto de lei que elaborou sobre a reforma do actual sistema de modelos lingüísticos con algunhas novidades con relación ao anteproxecto orixinal, que se puxo en circulación en setembro pasado.

Fonte: El País

Dezasete parellas lingüísticas aprenderán valenciano en Algemesí

Un total de 17 parellas lingüísticas comezou, no Casino Liberal de Algemesí, o programa Voluntariat pel Valencià, no que se darán cita os voluntarios e os aprendices para realizar as primeiras parellas lingüísticas. Deste xeito, darase inicio ás primeiras actividades de aprendizaxe e dominio do valenciano.

Fonte: Las Provincias

A Generalitat de Catalunya publica o Código Penal en catalán

A Consellería de Xustiza da Generalitat de Catalunya publicou recentemento o Código Penal español en lingua catalá, dentro da súa intención de difundir os principais textos legais do Estado en catalán. Segundo informou a Consellería, a tradución do texto fixérona os servizos lingüísticos do departamento.

Fonte: Europa Press

Euskadi e Galicia acoden xuntas á feira Expolingua de Berlín

Os gobernos vasco e galego compartirán un espazo común na feira Expolingua de Berlín, que se desenvolverá entre o venres 14 e o vindeiro domingo 16 de novembro co fin de dar a coñecer a situación de 60 idiomas.

Fonte: El País

O Concello aragonés de Fraga exclúe o catalán de todos os documentos administrativos

O consistorio de Fraga non acepta documento administrativo ningún redactado exclusivamente en catalán. Sen ir máis lonxe, o Institut d'Estudis do Baix Cinca (IEBC) quedou sen subvencións este ano porque presentou a solicitude unicamente en lingua catalá. Esta entidade espera agora que a legalidade a ampare para poder dirixirse ao concello de Fraga na lingua vehicular da maioría de cidadáns da localidade.

Fonte: La Mañana

O pleno do Concello de Xixón aprobou as ordenanzas de uso do asturiano sen votos en contra

O pleno do Concello de Xixón aprobou de forma definitiva a Ordenanza municipal do uso do asturiano. Unha normativa municipal que declara que o asturiano e o castelán “son linguas propias” do Concello. A norma aprobouse cos votos a favor do PSOE e Izquierda Xunida-BpA-LV e a abstención do Partido Popular.

Fonte: Asturnews

Sindicatos e pais critican a reforma lingüística que propón o Departamento de Educación vasco

A reforma lingüística proposta foi criticada para algúns por exceso de inmersión lingüística, para outros por defecto, dado que atrasa catro anos máis, de 12 a 16, a longa marcha ata a implantación dun sistema no que o éuscaro sexa a lingua vehicular no ámbito do ensino.

Fonte: Diario Vasco

O Síndic de Greuges pídelle ao Concello de Alacante que non discrimine o valenciano

O Síndic de Greuges, Carlos Morenilla, pediulle ao Concello de Alacante que nas súas mensaxes de publicidade institucional observe o réxime de cooficialidade lingüística instaurado na Comunidade Valenciana, sen que en ningún caso poida prevalecer unha lingua sobre outra.

Fonte: El País

O catalán será 'lingua propia' da Franja de Ponent, pero non oficial

O catalán non será cooficial na Franja de Ponent. O Goberno aragonés prepara unha lei de linguas que rebaixa moito as expectativas do anteproxecto do ano 2001 e que finalmente quedou gardado nun caixón. Aquel primeiro borrador si prevía a cooficialidade do catalán e o aragonés nos territorios onde se falan estas linguas e en convivencia co castelán. Esta última lingua será a única oficial, segundo o borrador que prepara o Goberno de Aragón.

Fonte: Avui

O Institut d'Estudis Catalans proxecta un dicionario do catalán absolutamente novo

Hai só un ano da publicación da segunda edición do Diccionari de la llengua catalana do Institut d'Estudis Catalans. Esta actualizaba a primeira, de 1995, que á súa vez era unha revisión do Diccionari general de Pompeu Fabra (1932 e 1954). Pero esta secuencia histórica romperá. O Institut d'Estudis Catalans fixouse como proxecto elaborar un dicionario de nova planta, que actualice tanto o modelo de lingua coma a metodoloxía da obra.

Fonte: El Periódico

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder