España
Sindicatos do ensino de Valencia, Cataluña e Baleares presentan un manifesto en defensa do catalán
Os sindicatos de traballadores do ensino máis representativos nos ámbitos territoriais de Cataluña (Ustec-Stes), das Illas Baleares (STEI-y) e da Comunidade Valenciana (Stepv-Iv) presentarán un manifesto conxunto en defensa da lingua catalá, segundo informaron nun comunicado fontes sindicais.
Fonte: EcoDiario
Un congreso reúne en Bilbao a expertos en linguas minoritarias
O presidente de Euskaltzaindia, Juan Urrutia, presenta no Palacio Euskaldina de Bilbao o primeiro relatorio (Euskaltzaindia, academia dunha lingua minoritaria e os seus desafíos nun mundo globalizado), nun congreso de dous días de duración que reunirá a expertos internacionais. A reunión, convocada baixo o lema Desafíos das linguas minoritarias na era da globalización, foi organizada por Eudel, o Goberno e as tres deputacións, co apoio de Unesco Etxea.
Fonte: El País
O presidente de Aragón di que as linguas minoritarias son patrimonio de todos os aragoneses e confía en presentar a lei en breve
O presidente do Goberno de Aragón, Marcelino Iglesias, afirmou que as linguas minoritarias, o aragonés e o catalán, son "un gran patrimonio de todos os aragoneses" e confiou en presentar o proxecto de lei que regulará a súa promoción nas próximas semanas.
Fonte: Europa Press
O Departamento de Educación vasco pídelle ao PSE que non faga electoralismo coa reforma do modelo lingüístico
O Departamento de Educación do Goberno vasco pídelle ao PSE que afaste a reforma dos modelos lingüísticos da contenda electoral e faga propostas construtivas para que os seus chamamentos ao "consenso e ao reforzo do ensino bilingüe" non queden en mera retórica.
Fonte: Diario Vasco
O Festival de Cine de Xixón incluirá unha película dobrada ao asturiano
A próxima edición do Festival Internacional de Cine de Xixón, que se vai celebrar entre os días 20 e 29 de novembro, inclúe dentro da súa programación unha película dobrada ao asturiano.
Fonte: Asturies
Ikasten.net, novo recurso didáctico para a aprendizaxe de éuscaro do portal www.hiru.com

Ikasten.net é un novo recurso didáctico para a aprendizaxe de éuscaro que se engloba como unha iniciativa máis das dispoñibles no portal www.hiru.com, dependente da Dirección de Aprendizaxe Permanente do Departamento de Educación, Universidades e Investigación do Goberno Vasco.
Fonte: Euskadi.net
Un DVD promoverá a marca Salamanca, Ciudad del Español
As administracións continúan investindo en recursos e ferramentas que permitan dar a coñecer a marca Salamanca, Ciudad del Español. O último deles foi un audiovisual no que se mostra a oferta da capital no que ao estudo do castelán se refire e ao que axiña se sumará unha canle de televisión por internet.
Fonte: Tribuna
Reitores de universidades de Madrid e Barcelona defenden unha universidade sen barreiras lingüísticas
Catro reitores de Madrid e Barcelona conxuráronse para deixar atrás os seus desencontros e levantar todas as barreiras que obstaculizan a colaboración interuniversitaria, entre elas a lingüística.
Fonte: ABC
A ordenanza do asturiano do Concello de Xixón demora a súa aprobación pola alegación dun nacionalista
A ordenanza e o plan de usos do asturiano no municipio de Xixón atrasará a súa aprobación definitiva ata o Pleno do mes que vén para atender a única alegación presentada durante o período de información pública.
Fonte: La Nueva España
A Academia de la Llingua Asturiana edita un libro de terminoloxía de internet en asturiano

A Academia de la Llingua Asturiana presenta un libro sobre terminoloxía de internet en asturiano. O manual, titulado Terminoloxía d'Internet y d'interfaces pa programes informáticos en Llingua Asturiana, está editado pola Academia e é o número 5 da colección Cartafueyos Normativos. Este traballo constitúe unha primeira entrega das adaptacións terminolóxicas que reclamaban os usuarios de asturiano para normalizar a lingua nese terreo.
Fonte: El Comercio Digital
Boletín
Subscríbase al boletín