España

Finaliza a primeira edición do voluntariado aranés no Val d'Aran (Lleida)

O programa pola aprendizaxe do aranés a través de parellas lingüísticas concluíu coa súa primeira edición, a cal tivo unha boa acollida, nun acto presidido polo síndico Francès Boya.

Fonte: Europa Press

A rede de escolas oficiais de idiomas de Canarias é a segunda do Estado en número de alumnos e centros

Un total de 28.818 alumnos estuda o presente curso escolar na rede de escolas oficiais de idiomas da Consellería de Educación, Universidades, Cultura e Deportes do Goberno de Canarias. O incremento de matrícula con respecto ao curso pasado cuantifícase nun 6,3 %, 1660 alumnos máis.

Fonte: Lanzarote Digital

O Goberno balear súmase ao protocolo de colaboración en materia de política lingüística que manteñen Galicia, Euskadi e Cataluña

Marisol López participou en Palma no acto de adhesión das Illes Balears

Os responsables da política lingüística dos catro gobernos reafirman o seu compromiso de colaboración e de traballo conxunto para avanzar no recoñecemento da realidade plurilingüe do Estado

Ata o de agora, os resultados do acordo están a ser moi positivos no impulso á diversidade lingüística do Estado e tamén da Unión Europea

O Goberno balear formalizou o xoves 27 de novembro no Mosteiro de Santa María La Real, en Palma de Mallorca, a súa adhesión ao Protocolo de colaboración en materia de política lingüística asinado en marzo de 2007 pola Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e o Goberno Vasco. A directora xeral de Política Lingüística das Illes Balears, Margalida Tous, subscribiu o acordo xunto cos seus homólogos vasco, Patxi Baztarrika; catalán, Bernat Joan e galega, Marisol López.

Os catro representantes políticos amosaron a súa satisfacción por esta nova incorporación a un acordo que consideran exemplar e modélico, polo que significa de cooperación desde o máximo respecto ás peculiaridades de cada unha das linguas, ás diversas opcións políticas de cada un dos gobernos e ás diferentes realidades sociolingüísticas de cada territorio.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, deulle a benvida á directora xeral balear, “para continuar un camiño no que será moi importante seguir traballando na valoración da diversidade lingüística de España, onde queda moita pedagoxía por facer”, sinalou López.

Resultados positivos
Preto de dous anos despois de que se asinara este acordo, os seus membros consideran que os resultados que está dando son moi positivos. Periodicamente realízanse xuntanzas nas que se deseñan estratexias comúns para a promoción das linguas, coa vontade de influír no impulso ao multilingüismo non só a nivel estatal, senón tamén no deseño das políticas que se realicen desde as institucións da Unión Europea.

Neste sentido, un dos últimos acordos tomados no marco do protocolo foi impulsar o discurso da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), da que forman parte, desde a perspectiva do galego, o catalán e o éuscaro.

A proxección exterior é outro dos ámbitos nos que o traballo conxunto está a ser intenso, coa participación dos tres gobernos nas principais feiras de linguas de Europa (Berlín, París e Londres), con actividades conxuntas e coordinadas.

O protocolo de colaboración, ao que se adheriu o Goberno balear, fixa un marco xeral de colaboración que permite despregar accións de intercambio de información en materia de lingua, na promoción de medidas de protección e uso das linguas cooficiais do Estado na Administración xeral do Estado e na UE; no ámbito socioeconómico; no ensino regrado e de adultos; no uso social da lingua e na difusión internacional das linguas e das culturas.

Partindo da base de que un 40 por cento da poboación de España vive en territorios nos que hai máis de unha lingua oficial, o protocolo avoga por unha actuación proactiva no marco das institucións do Estado, dos medios de comunicación de titularidade pública estatal, no sistema educativo e na Administración periférica do Estado.

Fonte: Xunta de Galicia

A Universidade de Murcia incorpora dous intérpretes de lingua de signos para estudantes con discapacidade auditiva

A Universidade de Murcia incorporou dous intérpretes de lingua de signos para estudantes con discapacidade auditiva dentro dun proxecto pioneiro que coordina o Servizo de Asesoramento e Orientación Persoal (SAOP).

Fonte: Europa Press

Política Lingüística renova o convenio coa Universidade de Murcia para a promoción da lingua e a cultura galegas

O Consello da Xunta aprobou o xoves 27 de novembro o acordo no que se establecen as bases de colaboración entre ambas as dúas institucións ata finais do 2009

A Xunta de Galicia achega 18.364 euros para financiar as actividades de docencia, promoción e difusión da lingua e para custear a bolsa do lector

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia conta neste curso cun total de 53 alumnos inscritos nas tres materias que se imparten

O Consello da Xunta acordou aprobar a renovación da sinatura do convenio de colaboración existente entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Murcia para darlle continuidade ao programa de docencia, investigación e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas nesa institución académica.

En virtude deste acordo, o Centro de Estudos Galegos da devandita universidade disporá, durante este curso e ata finais do 2009, dos recursos económicos necesarios para o seu funcionamento. Para iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 18.363,56 euros.

Parte dese orzamento destinarase a sufragar a organización de accións e actividades relacionadas coa investigación, a docencia, a promoción e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas. Igualmente, haberá unha partida dentro dese financiamento que se empregará en custear a bolsa do profesor lector que desempeña o seu labor nese centro de estudos.

Compromisos
O convenio establece como compromisos da Universidade de Murcia o de darlles continuidade aos estudos de lingua, literatura e cultura galegas dentro dos seus plans de estudo. Ademais, a institución encargarase da organización de actividades en materia de investigación, promoción e difusión da lingua, a literatura e a cultura de Galicia, tales como seminarios, congresos, cursos, exposicións, conferencias ou mesas redondas tanto no ámbito universitario como na súa área xeográfica de influencia. Así mesmo, a universidade comprométese a facilitarlle ao profesor lector os medios técnicos e materiais necesarios para que este último poida levar a cabo o seu traballo, baixo a dirección e coordinación do responsable do Centro de Estudos Galegos.

En canto aos compromisos de Política Lingüística, este departamento autonómico asumirá o financiamento do programa e ocuparase de supervisar a realización das actuacións acordadas e de verificar que se adecúan á finalidade para a que se determinou conceder a subvención.

Alumnos
O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia, con sede na Facultade de Letras, forma parte da rede de proxección exterior do galego e conta na actualidade, e á espera aínda de que se peche a matrícula para este curso académico, cun total de 53 alumnos. As materias que se imparten nel son Tradución e Interpretación de Textos Románicos: Galego, Lingua e Literatura Galega I, e Lingua e Literatura Galega II.

Ademais da actividade estritamente docente, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Murcia desenvolve outras iniciativas culturais paralelas encamiñadas a fomentar e poñer en valor a lingua e a literatura de Galicia. Así, acolleu a publicación de traballos como o titulado Edición e estudo da obra poética de Emilio Pita, a cargo de José Ángel García López.

Fonte: Xunta de Galicia

A Universidade de Oviedo aproba a creación da Casa de las Lenguas

O Consello de Goberno da Universidade de Oviedo aprobou a constitución da Casa de las Leguas, que terá consideración de centro e ofrecerá unha ampla oferta lingüística a estudantes, docentes e persoal de Administración e Servizos.

Fonte: La Nueva España

O Bloc aplaude a Zaplana por impulsar o valenciano

O portavoz adxunto de Compromís e líder do Bloc, Enric Morera, loou as políticas que o ex presidente da Generalitat Valenciana, Eduardo Zaplana, realizou polo valenciano: "Fixo moito e deu exemplo de querer a nosa lingua a pesar de ser castelanfalante". Morera destacou a creación da Acadèmia Valenciana de la Llengua e do Pacto polo Valenciano.

Fonte: Las Provincias

Os profesores critican a falta de materiais para ensinar o asturiano

A sede do Centro do Profesorado e de Recursos de Oriente (CPR) acolleu a presentación de 'A la gueta del material espardío. Llingua asturiana y Lliteratura'. Trátase dun volume enmarcado na colección Materiales Didácticos de Aula e está enfocado no ensino do asturiano.

Fonte: El Comercio Digital

Un estudo afirma que o castelán só supón o 30% da oferta lingüística da Administración pública catalá

A paridade entre o español e o catalán non existe na Administración pública catalá. A lingua española está en clara desvantaxe e úsase só no 30% das accións administrativas fronte ao 70% das veces que se utiliza exclusivamente o catalán. Así se desprende do estudo presentado esta semana por Bernat Joan, secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya e Paquita Sanvicén, directora de Planificación e Fomento da Secretaría de Política Lingüística.

Fonte: El Confidencial

O Instituto Cervantes planea incorporar o éuscaro ao servizo de tradución automática da súa web

O Instituto Cervantes planea incorporar o éuscaro ao servizo de traducción automática da súa páxina en internet, segundo anunciou a súa directora, Carmen Caffarel, durante a súa comparecencia ante a Comisión de Cultura do Senado.

Fonte: Finanzas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder