España
O Instituto de la Lengua aproba para 2009 un presuposto de 1,4 millóns de euros
O Padroado da Fundación Instituto Castellano y Leonés de la Lengua aprobou na reunión que mantivo en Burgos un presuposto de 1,4 millóns de euros para 2009.
Fonte: El Mundo
Máis de 21.700 alumnos cursan Lingua Asturiana nos centros educativos públicos e concertados
Máis de 21.700 alumnos cursan Lingua Asturiana nas distintas etapas do ensino non universitario dos centros sostidos con fondos públicos do Principado, unha cifra que experimentou un incremento do 9% durante os tres últimos cursos, segundo datos facilitados nunha nota de prensa pola Consellería de Educación.
Fonte: Europa Press
A Generalitat Valenciana debe recoñecer que a licenciatura en Filoloxía Catalá acredita o coñecemento de valenciano
A Generalitat Valenciana non pode seguir excluíndo a licenciatura en Filoloxía Catalá como título que acredita o coñecemento do valenciano. Estableceuno hai unhas semanas o Tribunal Supremo nunha sentenza dada a coñecer polo STEPV. Nela desestima o recurso de casación interposto polo Consell, e confirma o que o Tribunal Superior de Xustiza ordenou xa nada menos que 14 veces: os licenciados en Filoloxía Catalá non teñen que pasar o exame de valenciano para presentarse ás convocatorias de docentes non universitarios.
Fonte: El País
O 10% do diñeiro do Padroado do Éuscaro vai para subvencións
O 10% do orzamento do Padroado de Éuscaro dedícase a subvencionar a súa aprendizaxe. Con motivo da celebración o día 3 de decembro do Día Internacional do Éuscaro, a concelleira de Normalización Lingüística de San Sebastián, Ainhoa Beola fixo un balance «moi positivo» das 107 actuacións levadas a cabo polo Padroado ao longo do ano.
Fonte: Diario Vasco
A Deputación de Ávila organiza cursos de apoio lingüístico para a inserción de mulleres marroquís
A aprendizaxe do idioma para lograr a inserción social e laboral é o obxectivo dos cursos que a Deputación de Ávila organizou no concello de El Hoyo de Pinares para mulleres marroquís con dificultades lingüísticas e de integración.
Fonte: Ávila Digital
Un estudo sobre actitudes lingüísticas na escola obtén o segundo premio estatal de investigación
O estudo 'Actituds lingüístiques, escola i immigració: els escolars davant la diversitat lingüística i cultural' obtén o segundo premio estatal de investigación e innovación educativa que outorga anualmente o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte para promover actividades investigadoras que contribúan a renovar a práctica docente e satisfacer as necesidades do sistema educativo.
Fonte: Levante
A Fundación Comillas e a Biblioteca Cervantes Virtual crean un portal de español como lingua estranxeira
A Fundación Comillas e a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes puxeron en marcha un portal de internet dedicado ao español como lingua estranxeira no que se ofrecerán materiais e recursos educativos que faciliten o estudo do español.
Fonte: Europa Press
O Goberno canario asegura que si lle esixirá saber inglés á Policía Canaria
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Seguridade do Goberno de Canarias asegurou que os axentes da Polícia Canaria saberán inglés, e remarcaron que entre as cinco probas que deberán pasar os policías hai unha na que se deberán examinar desta lingua. Nela, ademais, terase en conta o coñecemento que os axentes teñan doutros idiomas, principalmente de francés e alemán.
Fonte: El Día
O Concello de Bilbao homenaxea a Academia da Lingua Vasca no Día do Éuscaro
O Concello de Bilbao celebrou o pasado mércores día 3 de decembro o Día Internacional do Éuscaro homenaxeando a Academia da Lingua Vasca, Euskaltzaindia, no 90 aniversario da súa creación.
Fonte: ADN
Un estudo afirma que os idiomas incrementan ata nun 40 % os salarios
O dominio de idiomas, principalmente o inglés, pode incrementar o nivel salarial dun executivo ata nun 40 %. Esta é a conclusión dos datos proporcionados pola consultora de selección de persoal cualificado Hays. Segundo estes datos, sete de cada dez executivos non falan ben o inglés, o que representa un dos niveis máis baixos da UE, xunto con Italia e Grecia.
Fonte: Expansión & Empleo
Boletín
Subscríbase al boletín