España

O Institut Ramon Llull aposta por mellorar e consolidar os estudos en lingua catalá no exterior

O director do Institut Ramon Llull, Josep Bargalló, compareceu ante a Comisión de Política Cultural do Parlamento de Cataluña para explicar as políticas do Institut para a proxección exterior da lingua catalá.

Fonte: Institut Ramon Llull

A inmigración leva a Euskadi máis dun centenar de linguas diferentes

O fenómeno da inmigración posibilitou que nas cidades e vilas de Euskadi se falen máis dun centenar de linguas diferentes de catro continentes, segundo un estudo do Observatorio Vasco da Inmigración, Ikuspegi. A chegada de miles de persoas de 170 nacionalidades diferentes converteu a Comunidade Autónoma Vasca (CAV) nunha especie de Babel na que, no entanto, o castelán mesmo gañou enteiros.

Fonte: Noticias de Gipuzkoa

O Goberno vasco presenta a campaña "¡Anímate! Xa tes o teu móbil en éuscaro"

Con esta iniciativa preténdese promover paulatina e progresivamente o uso do éuscaro no ámbito da telefonía móbil. Os anuncios poderanse ver e oír, tanto na televisión coma na radio e nos periódicos nunha campaña que se inicia o día 13 de decembro e finalizará o 5 de xaneiro. 174 modelos distintos de diferentes compañías no mercado incorporan xa o éuscaro nas opcións de idioma dos seus menús e aplicacións.

Fonte: Goberno vasco

Unha asociación berciana premia a Susana Seivane pola súa promoción do uso do galego

O día 15 de xaneiro a gaiteira ourensá Susana Seivane recollerá en Ponferrada un premio «por ser unha gran difusora do idioma galego», segundo explican desde a asociación Xarmenta de promoción do uso do galego na comarca leonesa do Bierzo.

Fonte: La Voz de Galicia

O tenista Rafa Nadal participa nunha campaña para promover o catalán nas Illas Baleares

O tenista de Manacor Rafa Nadal uniuse á campaña de dinamización do uso da lingua catalá que promove a Obra Cultural Balear (OCB), coñecida como "Cafè per la llengua", que pretende fomentar a participación cidadá en materia lingüística.

Fonte: Avui

O Concello de Segovia pon en marcha unha iniciativa de turismo idiomático

O Concello de Segovia, a través da Empresa Municipal de Turismo, porá en marcha en 2009 unha nova iniciativa baseada no turismo idiomático pola cal se desenvolverán diversos cursos de español para estranxeiros, impartidos por academias de idiomas e institucións universitarias, que ofrecerán cursos de español especializados e combinados con diversas actividades de ocio.

Fonte: Norte Castilla

O Síndic de Greuges volve instar o Concello de Alacant a usar o valenciano

O Síndic de Greuges volve instar o Concello de Alacant a utilizar as dúas linguas oficiais da Comunidade Valenciana. E nesta ocasión refírese aos contidos da páxina web municipal. A resolución da Sindicatura prodúcese tras a denuncia dun cidadán na que pon de manifesto que a web estaba redactada exclusivamente en castelán, polo que "se vulnera a cooficialidade lingüística vixente na Comunidade".

Fonte: Las Provincias

A Consellería de Educación valenciana renunciará ao inglés obrigatorio en Cidadanía para evitar a folga

A ameaza dunha folga xeral en todo o sistema educativo público non universitario, o próximo mércores 17, acabou por incidir na Generalitat Valenciana. A 48 horas de que os colexios e institutos valencianos corran o risco de "baleirarse" de alumnos e profesores, a Consellería de Educación pisou por fin o acelerador en busca dun "acordo consensuado" con todos os sectores do ensino público integrados na Plataforma per l'Ensenyament Públic.

Fonte: El País

O Pleno do Concello de Xixón aproba por unanimidade a creación do Conceyu Asesor de la Llingua Asturiana e os seus estatutos

O Pleno Municipal do Concello de Xixón aprobou por unanimidade a creación do Conceyu Asesor de la Llingua Asturiana e os seus estatutos co fin de traballar para impulsar a toponimia tradicional do municipio, así como fomentar a cultura e a llingua asturianas no concello.

Fonte: Europa Press

A directora do Instituto Cervantes afirma que a presenza do Instituto Camões en Madrid sería importante

Unha presenza física permanente do Instituto Camões en Madrid sería moi importante para a dinamización do portugués, na opinión da directora do Instituto Cervantes.

Fonte: RTP

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder