España
O PP vasco esixirá a revisión da valoración do éuscaro nas ofertas de emprego público do Servizo de Saúde
O Partido Popular do País Vasco esixirá no Parlamento a revisión da valoración do éuscaro nas ofertas de emprego público de Osakidetza (Servizo Vasco de Saúde), co obxectivo de que esta lingua "non se converta nun elemento de exclusión para profesionais en Osakidetza".
Fonte: Europa Press
O Consello Escolar do País Vasco cre que a reforma lingüística non é suficiente
A reforma dos modelos lingüísticos no ensino segue quemando etapas cara a un camiño sen saída. O Consello Escolar de Euskadi, o principal órgano de participación da comunidade educativa, aprobou o ditame do anteproxecto de lei, coa certeza de que o texto está condenado a gardarse nun caixón e esperar á próxima lexislatura e á conformación do novo Goberno.
Fonte: El País
Instálase unha exposición sobre o esperanto na biblioteca de Punta Umbría (Huelva)
Saber que é o esperanto, coñecer a forma de falalo e de escribilo foi posible en Punta Umbría durante a pasada semana grazas á exposición sobre esta lingua que se instalou na biblioteca municipal. Trátase dun idioma internacional, unha lingua ideada en 1851 para facilitar a comunicación entre persoas de diferentes culturas.
Fonte: Huelva Información
O deputado Joan Tardà rompe a 'paz lingüística' de Bono no Congreso ao rexistrar 400 preguntas en catalán
O deputado de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) no Congreso, Joan Tardà, rompeu a 'paz lingüística' establecida polo presidente da Cámara, José Bono, ao rexistrar arredor de 400 preguntas en catalán, que veñen traducidas ao castelán.
Fonte: Público
A Universidade de Valencia recibe un premio por difundir o chinés
O Instituto Confucio da Universidade de Valencia, centro de difusión da lingua e a cultura chinesas, foi escollido por Hanban (organismo gobernamental de China dedicado á difusión do idioma mandarín) como un dos vinte mellores centros do mundo.
Fonte: ADN
O ministro de Traballo opina que impoñer o catalán aos inmigrantes sería contraproducente
O ministro de Traballo e Inmigración dixo que a Administración debe promover o coñecemento do castelán ou as linguas cooficiais aos inmigrantes, pero non debe impoñelo como obriga. "Impoñer o catalán aos inmigrantes, por exemplo, tería un efecto contraproducente".
Fonte: El Mundo
A Consellería de Educación valenciana primará o inglés para que puntúe igual que o valenciano nas oposicións
A Consellería de Educación xa puxo sobre as mesas de negociación unha proposta concreta de como pode empezar a configurarse na Comunidade Valenciana un modelo de plurilingüismo.
Fonte: El Mundo
As universidades públicas elaborarán un modelo para ensinar español
Profesores das catro universidades públicas de Castela e León (Salamanca, Valladolid, León e Burgos) traballan na elaboración dun método de ensino de español a través dun convenio subscrito no Palacio de la Isla de Burgos entre o Instituto Castellano y Leonés de la Lengua e a editorial Everest.
Fonte: ABC
Un estudo analiza a presenza do éuscaro na cidade de San Sebastián
A paisaxe lingüística da cidade de San Sebastián é o obxectivo dun estudo que emprenderon o Padroado de Deportes e a Universidade do País Vasco e que pretende avaliar o uso das diferentes linguas nas rúas donostiarras. Na primeira fase analizouse o centro da cidade, onde se detectou unha presenza do 34,3%.
Fonte: Diario Vasco
O Institut Ramon Llull contará cun presuposto de 14 millóns para 2009
O Institut Ramon Llull (IRL) contará durante o vindeiro ano cun presuposto de 14 millóns de euros, dos que o Executivo autonómico contribuirá con 1,7, e dedicarase á proxección exterior da cultura e lingua catalás, especialmente á balear, despois de que se dera luz verde á entrada das illas o pasado mes de setembro.
Fonte: La Razón
Boletín
Subscríbase al boletín