España

O orzamento para o plurilingüismo redúcese en Andalucía á metade no ano 2009

O presente curso 2008-09 arrincou en Andalucía, segundo os propios datos da Consellería de Educación, con 518 centros bilingües (256 colexios e 262 institutos), unha cifra moi afastada dos 1.200 prometidos polo PSOE.

Fonte: La Razón

O catalán está presente en cinco monecas, un trasno e un osiño

A Plataforma per la Llengua, entidade cidadá que promove o uso do catalán, detectou que polo menos cinco monecas, un trasno, un osiño coala e unha serie de ordenadores infantís teñen o catalán como lingua vehicular.

Fonte: Avui

O PP pide revisar os criterios que priman o éuscaro na oferta de emprego público da Sanidade vasca

A parlamentaria do PP vasco Laura Garrido insistiu na necesidade dunha "revisión dos criterios que priman o éuscaro sobre a formación e a experiencia profesional" nas ofertas de emprego público de Osakidetza (Sanidade vasca), porque, "unha vez máis, se ve como claramente o éuscaro se converte nun elemento determinante para traballar na sanidade pública, fronte á cualificación profesional e a experiencia".

Fonte: Europa Press

Europa propón que os veciños de Olivenza aprendan portugués

Olivenza, situada a 11 quilómetros da Raia, conserva a influencia do país veciño, ao que pertenceu durante máis de 500 anos. A pesar da importante pegada que pervive entre os habitantes desta localidade de case 12.000 habitantes, son moi poucos os que hoxe en día saben falar portugués. Só a poboación que supera os 75 anos de idade conserva o idioma.

Fonte: Hoy

O cantautor vasco Tontxu ofreceu en Logroño un concerto en lingua de signos española

O cantautor bilbaíno Tontxu Ipiña ofreceu en Logroño o pasado 5 de xaneiro un concerto moi especial. A actuación, que forma parte do festival Actual 2009, estivo dirixida especialmente a persoas xordas, que puideron seguir as historias que conta Tontxu nos seus temas a través da interpretación de Evelin Vega, que traduciu así a canción á lingua de signos.

Fonte: De Minorías

O auxe do castelán trae cada ano a España a 240.000 persoas para aprender o idioma

O ensino do castelán é unha actividade que xera ao ano en España un volume de negocio de 462 millóns de euros e dá emprego estable a 5.500 persoas. Industria que xa atrae a 240.000 estranxeiros e con enorme potencial de crecemento pola crecente difusión que o castelán experimenta en todo o mundo, especialmente en Estados Unidos e Brasil.

Fonte: La Vanguardia

As axudas do Goberno vasco ao fomento do éuscaro aumentan un 60% en catro anos

A Viceconsellería de Política Lingüística do Goberno vasco destinará este ano cerca de 54 millóns de euros a programas dirixidos tanto á euscaldunización e alfabetización de adultos como á promoción do uso do éuscaro en distintos ámbitos da vida social e económica. A partida destinada polo Executivo de Ibarretxe ao fomento da lingua vasca aumentou un 60% nos últimos catro anos.

Fonte: El Correo Digital

A coordinadora de Esquerda Unida do País Valenciano esíxelle ao Consell paliar o baixísimo uso do valenciano

A coordinadora de EUPV e deputada autonómica nas Cortes Valencianas, Glòria Marcos, esixiulle ao Consell medidas para combater os "baixísimos" índices de uso do valenciano. Ademais, anunciou que preguntará na Cámara sobre as actuacións que o Consell ten previstas para incrementar a utilización do valenciano, xa que, ao seu xuízo, "o panorama é desolador e, para comprobalo, unicamente debemos recorrer ás cifras".

Fonte: El País

A televisión vasca lanzará unha canle informativa con inglés e francés a finais de ano

O lanzamento dunha cuarta canle en novembro e a renovación da sede de Miramón en San Sebastián son os principais obxectivos do ente público EITB (a televisión vasca) para 2009, segundo explicaron os seus directivos ao presentar o balance do exercicio pasado. A nova canle, ETB-4, será de carácter informativo, aberta á participación da audiencia e multilingüe. A novidade está en que, ademais do castelán e o éuscaro (que sumarán o 90% dos contidos), o francés e o inglés integraranse tamén na súa programación para alcanzar maior difusión no estranxeiro. O ente deixa tamén a porta aberta ao uso doutras linguas minoritarias estatais, como o catalán e o galego.

Fonte: El País

O Instituto Etxepare comeza a súa andaina

Poucos proxectos tiveron tanto consenso como este. O Instituto Etxepare comeza a súa andaina este mércores 7 de xaneiro co obxectivo de difundir a lingua e a cultura vascas en todo o mundo. Máis de 2.000 persoas estudan éuscaro en América, Europa e Australia.

Fonte: Noticias de Gipuzkoa

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder