España

O Tribunal Supremo insta o Goberno catalán a preguntar a lingua do alumno

O Tribunal Supremo obriga a Generalitat de Catalunya a que nos formularios de matriculación de ensino infantil e primario se pregunte sobre a lingua habitual do alumno. A sentenza responde ao recurso da Generalitat contra outra do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña que en 2004 o instou a preguntarlles aos pais dos alumnos pola súa lingua habitual "para facer efectivo o seu dereito a recibir o primeiro ensino nesta lingua".

Fonte: El País

O Instituto Vasco Etxepare iniciará a súa actividade en xaneiro

O Instituto constitúese como un ente público de dereito privado, adscrito ao Departamento de Cultura. A súa misión será a difusión e promoción da lingua e cultura vascas no mundo, na liña do lema de Bernat Etxepare (poeta vasco que lle dá nome a esta nova institución): "jalgi hadi mundura" (ábrete ao mundo).

Fonte: eitb

O Goberno balear non recoñece os títulos de catalán da Generalitat Valenciana

Os títulos de catalán expedidos pola Generalitat Valenciana non teñen validez para o Goberno balear e non os recoñece para acreditar o coñecemento desta lingua.

Fonte: Diario de Mallorca

Os alumnos de colexios bilingües públicos valencianos acreditarán parte do título oficial de inglés

A Consellería de Educación valenciana está decidida a implantar o plurilingüismo no sistema educativo valenciano. O proxecto, que busca introducir o inglés como lingua vehicular no ensino, comezará a aplicarse de forma experimental o próximo ano.

Fonte: El Mundo

Deportistas asturianos súmanse á campaña Doi la Cara pola Oficialidá

Samuel Sánchez, Carlos Pérez, Javi Villa, Santi Cazorla, Juan Mata, Pablo Álvarez, Santi Pérez, Manuel Enrique Mejuto, Benjamín Noval, Adrián López, Esteban Suárez, Carlos Barredo, Alberto Hevia , César Martín e Javi Hernanz dan a cara pola oficialidade do asturiano na campaña da organización Conceyu Abiertu pola Oficialidá, sumándose así a David Villa, Quini, Chechu Rubiera e Manuel Busto que, entre outros, xa o fixeron anteriormente.

Fonte: Asturies.com

Pactan un plan para impulsar o catalán nos xulgados

Ante a evidencia de que a xustiza é un dos ámbitos onde o catalán está menos normalizado, o Colexio de Avogados de Barcelona, o departamento de Xustiza e a Secretaría de Política Lingüística farán unha fronte común para intentar incrementar o uso.

Fonte: Avui

O Plan de éuscaro de Getxo pon o acento por primeira vez no colectivo de inmigrantes

«Hai que ter en conta que a realidade social mudou. Debemos responder a unha nova situación e darlles aos inmigrantes a ocasión de coñecer o idioma», dixo o responsable de Cultura e Euskera de Getxo. Na presentación do segundo Plan do éuscaro, Koldo Iturbe advertiu da necesidade de fomentar entre este sector de poboación tanto a aprendizaxe como o uso desta lingua.

Fonte: El Correo Digital

O Concello de León celebra o III Día de la Llingua Llïonesa

O Concello de León celebrará, por terceiro ano consecutivo, o Día de la Llingua Llïonesa, nesta ocasión organizado a través das concellerías de Educación, Novas Tecnoloxías e Cultura Leonesa que dirixe o leonesista Abel Pardo.

Fonte: Leonoticias

A Consellería de Educación valenciana presenta un plan multilingüe de 1,5 millóns sen negocialo

Os acordos asinados o 15 de novembro polo conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, e os representantes da Plataforma per l'Ensenyament Públic comezan a ser papel mollado antes incluso de que se inicien formalmente as mesas de negociación. Font de Mora presentou un plan multilingüe deseñado por unha fundación satélite da Consellería que custa 1,5 millóns de euros, que é, segundo recoñeceu o conselleiro, "o presuposto total de 2009" para implantar o inglés nas escolas públicas.

Fonte: El País

A Universidade de Lleida prepara un dicionario sobre a pronuncia do catalán

O grupo de investigación de Recerca Fonètica da Universidade de Lleida traballa na elaboración do Dicionario da pronuncia do catalán, un proxecto iniciado no ano 1995 e que se prevé finalizar en 2012 coa edición de 60.000 entradas.

Fonte: La Mañana

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder