España
O Consorci per la Normalització Lingüística celebra o seu vinte aniversario
O vicepresidente do Goberno catalán, Josep-Lluís Carod-Rovira, presidiu o pasado luns día 15 de decembro o acto de celebración do vinte aniversario do Consorci per la Normalització Lingüística (CPNL) durante o cal destacou a aposta do executivo por esta “entidade de proximidade no terreo” que é “todo un referente”.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os xoguetes en éuscaro só supoñen o 8% de toda a oferta
"O Nadal e os xoguetes adoitan ser sempre fontes de ledicia. Que mellor que atraer os máis novos ao éuscaro a través desa ilusión". As palabras de Xanti Jaka, portavoz de Elkar Fundazioa, definen o espírito co que botou a andar a novena edición da campaña Euskara da oparirik onena -O éuscaro é o mellor dos agasallos-, que percorrerá sete municipios guipuscoanos co obxectivo de promover os produtos en lingua vasca nas compras do Nadal.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Confederación Estatal de Persoas Xordas organiza en Madrid unha mostra de cine en lingua de signos
Documentais, dramas, obras románticas e versións cinematográficas de clásicos da literatura traducidos á lingua de signos española serán algunhas das proxeccións que poderán verse no Círculo de Bellas Artes de Madrid ata o día 21 de decembro, no Festival de Cine Documental, Curtametraxes e Vídeo-Arte Accesible de Persoas Xordas.
Fonte: EcoDiario
Microsoft terá traducidos os seus servizos de Windows Live ao catalán en febreiro
Microsoft anunciou o lanzamento en catalán dos seus servizos de Windows Live entre os que se inclúe o popular sistema de mensaxería instantánea Messenger. O xestor de correo Live Hotmail estará dispoñible en catalán en febreiro, cando a multinacional prevé concluír o despregue de Windows Live neste idioma.
Fonte: La Vanguardia
O Val d'Aran (Lleida) demanda que o occitano sexa Patrimonio da Humanidade
Todos os grupos políticos con representación no Conselh Generau de la Vall d’Aran aprobaron unha moción que insta a Unesco a proclamar a lingua occitana como Patrimonio da Humanidade. Deste xeito, o Conselh dá soporte á iniciativa da entidade occitana Chambra d’Òc, que está a levar a cabo unha campaña no mesmo sentido desde hai meses.
Fonte: móndivers
O PSOE lanzará a Lei de linguas desde o seu grupo nas Cortes aragonesas
A tensión interna no Executivo de Aragón, formado polo PSOE e o Partido Aragonés, pola Lei de linguas acaba de estallar. Ante a imposibilidade de alcanzar un acordo co seu socio, os socialistas decidiron presentar o proxecto lexislativo como proposición de lei do seu grupo parlamentario, un extremo inédito nos case dez anos de coalición gobernamental.
Fonte: Heraldo
A Secretaría de Política Lingüística de Cataluña velará pola utilización do catalán na compañía aérea Swiss Air
A Secretaría de Política Lingüística de Cataluña decidiu poñerse en contacto coa compañía Swiss Air para felicitala polo uso do catalán, para explicarlle brevemente a situación sociolingüística desta lingua e para lembrarlle a normativa vixente. Tamén se lles enviaron cartas de felicitación a outras compañías que á Secretaría lle constaba que empregan o catalán nas súas comunicacións.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A Plataforma per la Llengua edita unha guía dirixida aos empresarios para incorporar o catalán nos xoguetes
A Plataforma per la Llengua presentou a guía 'I les teves joguines, ja incorporen el català?' (E os teus xoguetes, ¿xa incorporan o catalán?), dirixida aos fabricantes e empresarios de xogos e xoguetes, segundo informou a entidade.
Fonte: Hispanidad
Os inmigrantes deberán probar que saben catalán para lograr o seu arraigo
Todos os inmigrantes que leven polo menos tres anos en Cataluña e queiran acreditar o seu arraigo social de cara á súa regularización deberán demostrar o seu coñecemento do catalán, que será a partir de agora a lingua vehicular de acollida das persoas que acaben de chegar a esta comunidade.
Fonte: Terra
Os alumnos da Universidade Politécnica de Valencia deberán acreditar un idioma para obter o título de grao
Os alumnos da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) terán que acreditar un coñecemento dun idioma estranxeiro, preferentemente o inglés, correspondente á certificación de referencia europea B2 para obter o seu título de grao tras a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Fonte: Levante-EMV
Boletín
Subscríbase al boletín