España

O Bloque por Asturies denuncia discriminación lingüística na propaganda de Caxastur

O Bloque por Asturies acolleu con agrado a campaña publicitaria que a entidade bancaria Caxastur está a realizar en Cataluña e en catalán, promoción que conta coa imaxe do futbolista asturiano Luis Enrique. Non obstante, a este partido sorpréndelle que unha entidade que se financia maioritariamente cos ingresos do pobo asturiano, e que na súa cúpula directiva ten a representación de partidos políticos de Asturias, faga gala de sensibilidade lingüística cos habitantes de Cataluña, pero non así cos da súa comunidade, o que provoca unha situación discriminatoria no que se refire aos dereitos lingüísticos das persoas dos diferentes territorios do Estado español.

Fonte: Asturnews

A corporación de Ermua aproba prolongar a acción do Plan de éuscaro ata 2012

A corporación municipal de Ermua aproba a ampliación do tempo de aplicación do Plan de éuscaro de Ermua ata 2012. O concelleiro do Departamento de Éuscaro, José Luís Clemente, explicou en sesión plenaria que «se ben aprobamos en pleno, no seu momento, que este plan se desenvolvese ata o 2009, cremos que os obxectivos establecidos son o suficientemente ambiciosos como para requirir maior tempo para a súa execución».

Fonte: El Correo Digital

O Principado de Asturias creará unha Oficina de Tradución Simultánea do Asturiano

O Principado de Asturias a través da Dirección Xeral de Política Lingüística porá en marcha a Oficina de Tradución Simultánea do Asturiano. O anuncio realizouno a nova conselleira de Cultura, Mercedes Álvarez, durante a presentación dos orzamentos da súa área na Xunta xeral.

Fonte: El Comercio Digital

A Confederación de Persoas Xordas pide que se desenvolva a Lei da lingua de signos

Transcorrido máis dun ano desde a aprobación da lei que recoñeceu en España a lingua de signos e os medios de apoio á comunicación oral, a Dirección Xeral de Discapacidade convocou a Confederación Estatal de Persoas Xordas para que forme parte dunha comisión de seguimento que deberá supervisar o cumprimento da lei.

Fonte: Diario Signo

O conselleiro de Saúde balear non retirará o decreto do catalán e lembra que haberá unha moratoria de dous anos para aprendelo

O conselleiro de Saúde, Vicenç Thomàs, asegurou que non retirará o decreto que estipula o coñecemento do catalán entre os profesionais da sanidade pública en Baleares, algo polo que o PP o acusou de dar prioridade á lingua sobre a asistencia sanitaria.

Fonte: Diario de Mallorca

Presentan a reflexión 'Euskara 21' sobre política lingüística ante os axentes políticos, sociais e culturais de Guipúscoa

Patxi Baztarrika e Erramun Osa, de Política Lingüística do Goberno vasco, presentaron o martes día 9 de decembro no Palacio de Congresos do Kursaal a representantes do ámbito político, social e cultural de Guipúscoa os pasos que se deron ata o momento no proceso de reflexión Euskara 21, que quere poñer unhas bases para a política lingüística deste novo século.

Fonte: Diario Vasco

O vicepresidente catalán afirma que todas as linguas faladas polos inmigrantes forman parte do patrimonio de Cataluña

Todas as linguas estranxeiras faladas polo colectivo inmigrante "forman parte do patrimonio cultural de Cataluña", segundo afirmou en Barcelona o vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Josep Lluís Carod-Rovira, durante a inauguración do V Foro de Linguas Amerindias, organizado por Casa América Cataluña.

Fonte: Latinoamérica Exterior

Repártense polos establecementos hostaleiros de Durango panos de mesa a favor do éuscaro

O Concello de Durango puxo en marcha unha iniciativa a través do programa 'Guk euskaraz' que consiste en repartir polos establecementos hostaleiros panos de mesa cun lema que recorda o agradable que resulta expresarse en éuscaro, fomentando así o uso desa lingua.

Fonte: El Correo Digital

O Concello de Barcelona comprométese a regulamentar o uso do catalán

Todos os grupos municipais do Concello de Barcelona, agás o PP, votaron a favor dunha proposición de ERC á Comisión de Presidencia que obriga o Concello a constituír unha comisión con representación de todos os grupos municipais e o Institut d'Estudis Catalans (IEC) para confeccionar o regulamento de usos lingüísticos do Concello durante o ano 2009.

Fonte: Avui

A escolarización en asturiano sobe en primaria ata o 60 % fronte ao 19 % da ESO

A escolarización en lingua asturiana nos colexios públicos elevouse un punto respecto ao ano pasado nos ciclos de primaria e alcanza o 60 por cento no curso 2008/ 2009 mentres que na educación secundaria obrigatoria (ES0) se mantén no 19 por cento.

Fonte: La Nueva España

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder