España
O presidente da Junta de Castilla y León pide esforzarse para que o español sexa idioma de traballo na Unión Europea
O presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera, pediu na inauguración do I Congreso Internacional sobre o Español como Valor e Recurso Cultural, Turístico e Económico, traballar para que 'o español sexa admitido como lingua de traballo na Unión Europea, ao mesmo nivel que o inglés, o francés ou o alemán'.
Fonte: El Mundo
Os centros privados valencianos aseguran que non teñen problemas para impartir Cidadanía en inglés
As patronais de centros privados Fere Ceca Coval e Cece manifestáronlles aos representantes da Consellería de Educación valenciana que non cren necesaria unha moratoria na aplicación da materia Educación para a Cidadanía en inglés porque non están tendo problemas para dar a materia nesa lingua.
Fonte: El Mundo
O Goberno español rexeita derrogar o decreto sobre o éuscaro na Xustiza
O Goberno acordou rexeitar o requirimento que lle realizou a Avogacía do Estado para que derrogue o decreto aprobado en xullo pasado que regulou o proceso de euscaldunización na Administración de Xustiza.
Fonte: El País
Preséntase a primeira plataforma interactiva audiovisual para ensinar español
O presidente de Windows Channel, José Ángel Benito, presentou en Salamanca a primeira "plataforma interactiva, audiovisual e multimedia" dedicada ao ensino do castelán e que foi impulsada pola Junta de Castilla y León e a Universidade de Salamanca.
Fonte: El Mundo
Zaragoza acollerá un acto contra o recoñecemento do catalán na Franja de Ponent
A Plataforma No Hablamos Catalan, que aglutina entidades de todos os Países Cataláns manifestamente contrarias á unidade da lingua que se fala en todos estes territorios e á súa denominación como catalán, convocou os seus seguidores a un "gran acto cultural e festivo" que se desenvolverá o sábado 29 de novembro en Zaragoza.
Fonte: Avui
O Goberno vasco destina 10,4 millóns á euscaldunización dos seus traballadores
O tripartito vasco informou sobre os fondos que destina para os cursos de éuscaro dirixidos ao persoal do Goberno vasco. A través dunha nota de prensa, explicou que estes cursos buscan dar cumprimento á Lei de normalización do uso do éuscaro e ao dereito de todos os cidadáns a relacionarse coa Administración nos dous idiomas oficiais.
Fonte: El Mundo
A guía de produtos culturais en éuscaro inclúe 513 artigos
O Patronato de Euskera editou por terceiro ano consecutivo a Euskarazko Produktuen Gida 08/09, unha ferramenta de consumo que recolle 513 produtos culturais para todos os públicos e en todos os formatos.
Fonte: Diario Vasco
Cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado distribúen unha nova longametraxe infantil en galego
Política Lingüística financiou a dobraxe ao galego da película de animación Doraemon e os sete magos, nunha edición que inclúe dous discos con 100 minutos de aventuras do popular gato cósmico
As voces que habitualmente lles dan vida na Televisión de Galicia aos personaxes desta serie infantil son as mesmas que se empregaron para a dobraxe da cinta
O lanzamento desta produción dirixida aos máis pequenos da casa realízase de xeito simultáneo en todas as linguas oficiais do Estado
As principais cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado empezaron a distribuír a nova película en DVD do coñecido gato cósmico Doraemon, que leva por título nesta ocasión Doraemon e os sete magos. O lanzamento desta longametraxe infantil prodúcese de xeito simultáneo na súa versión en galego e nas demais linguas oficiais do Estado. A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a dobraxe deste vídeo.
Nesta película, Doraemon e o seu compañeiro de xogos Nobita viaxan a unha dimensión descoñecida na que todo o mundo voa sobre vasoiras e alfombras. Nobita quere demostralle ao seu amigo que a maxia existe e que, ás veces, é máis forte cá ciencia. Ambos os dous embárcanse nunha trepidante aventura para impedir que o planeta Terra sexa destruído polas forzas do mal.
Esta edición en formato DVD inclúe dous discos. Un deles é a curtametraxe extra titulada The Doraemons: un reto misterioso, na que os protagonistas son un grupo integrado por sete gatos cósmicos. En total, ofrécenselles aos espectadores infantís 100 minutos de aventuras e diversión.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo posible a dobraxe desta produción, para a cal se empregaron as mesmas voces que de xeito habitual lles dan vida ao gato robot e aos seus amigos nas emisións que realiza a Televisión de Galicia.
Navegación en catro idiomas
O DVD Doraemon e os sete magos ofrece a posibilidade de navegar en catro idiomas: galego, castelán, catalán e éuscaro. Ademais, permítelles a navegación ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade sensorial (visual e auditiva).
A Xunta de Galicia aposta, co apoio a iniciativas como esta, por incrementar a presenza no mercado de produtos audiovisuais de lecer na lingua propia.
Outras novidades
A longametraxe Doraemon e os sete magos chega ao mercado unhas semanas despois do lanzamento do DVD Chamábanlle Shin chan, que contou tamén con financiamento de Política Lingüística para a súa dobraxe ao galego. Con estas accións, o departamento que dirixe Marisol López aposta por mellorar a oferta existente na lingua propia en materia de produtos audiovisuais dirixidos ao público infantil.
Ademais destes últimos lanzamentos, está prevista para decembro deste ano a estrea nas principais salas cinematográficas de Galicia da película A hora dos agasallos, pertencente ao xénero de animación en tres dimensións e dirixida tamén ao público infantil. Esta longametraxe, que se estreará en galego, conta igualmente cun investimento por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Fonte: Xunta de Galicia
O Instituto Cervantes difundirá a lingua de signos
A directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, e o presidente da Confederación Estatal de Personas Sordas, Luis Jesús Cañón Reguera, firmaron un convenio de colaboración polo cal o Cervantes contribuirá a difundir a Lingua de Signos Española (LSE) nas súas actividades académicas e culturais.
Fonte: XornalGalicia
O Concello navarro de Ansoáin acorda suprimir o padroado do éuscaro
O pleno do Concello de Ansoáin iniciou os trámites para suprimir o padroado de éuscaro e substituílo por un servizo municipal encargado de promovelo como "patrimonio cultural" e de promover toda acción encamiñada a defender, fomentar e potenciar a lingua e a cultura vasca.
Fonte: Diario de Navarra
Boletín
Subscríbase al boletín