España

Case mil alumnos estudan galego en once universidades españolas

En once universidades de oito comunidades autónomas hai case un millar de estudantes que escollen disciplinas relacionadas coa lingua, a literatura, a historia ou a cultura galegas. É unha cifra «boa», en valoracións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que subsidia os lectorados de galego, responsables da maior parte destas ensinanzas, que evidencian un interese na identidade galega. O obxectivo é aumentar a presenza en todas as comunidades.

Fonte: La Voz de Galicia

A Mesa per l'Ensenyament del Valencià denuncia unha mínima aplicación da Lei de uso e ensino do valenciano tras 25 anos en vigor

A Mesa per l'Ensenyament en Valencià (MEV) elaborou, con motivo do 25 aniversario da aprobación da Lei de uso e ensino do valenciano (LUEV), un informe no que denuncian a mínima aplicación da lei e os seus incumprimentos, así como dez propostas de implicación para o futuro.

Fonte: La Verdad

O Institut d'Estudis Catalans propón multas para os xornalistas que falen mal o catalán

Joan Martí, o presidente da Sección Filolóxica do Institut d'Estudis Catalans (IEC), organismo financiado pola Generalitat de Catalunya, recomendou impoñer sancións económicas ou outros destinos laborais ás persoas que aparecen nos medios de comunicación e non falan ben o catalán.

Fonte: El Mundo

O director da RAE considera que a ameaza do español é o mal uso dos seus falantes

O director da Real Academia Española (RAE), Víctor García de la Concha, sinalou en Salamanca que a principal ameaza contra o idioma español é "o mal uso que os hispanofalantes facemos del".

Fonte: ABC

Destínanse 240.000 euros para promover o éuscaro nos medios de comunicación

O Instituto Navarro del Vascuence-Euskarabidea disporá finalmente dunha partida de 240.000 euros para convocar as axudas ao éuscaro en medios de comunicación. A contía inicial, que ascendía a 310.000 euros, quedou bloqueada en xullo co anuncio de conxelación orzamentaria.

Fonte: Diario de Navarra

O PSOE acusa a Junta de Castilla y León de falta de vontade política para mellorar o ensino de linguas estranxeiras

A voceira socialista nas Cortes de Castela e León en materia de educación, María Luz Martínez, acusou a Junta de Castilla y León de falta de vontade política para mellorar o ensino de linguas estranxeiras na comunidade autónoma.

Fonte: Europa Press

Ata 151 leis impoñen o castelán na etiquetaxe, pero só unha o catalán

A lexislación española actual contén ata 151 leis que impoñen o castelán na etiquetaxe. De feito, este ano mesmo o executivo español aprobou tres destas leis que impoñen a presenza obrigatoria da lingua castelá na etiquetaxe. En cambio, só hai unha lei que faga referencia á presenza obrigatoria da lingua catalá.

Fonte: Racó Català

A Universidade de Estremadura ofrece a certificación de inglés necesaria para cursar estudos internacionais en centros europeos

A partir deste curso, a Universidade de Estremadura ofrece a posibilidade de obter o International English Language Testing System (Ielts), un certificado de coñecemento do inglés que é requisito imprescindible para a admisión en estudos internacionais en universidades de Gran Bretaña, Australia e Nova Zelandia e outros centros europeos e norteamericanos.

Fonte: Región Digital

Marisol López defende en Madrid o valor das linguas cooficiais como un patrimonio de todo o Estado

A secretaria xeral de Política Lingüística inaugurou o 19 de novembro no Círculo de Bellas Artes a exposición organizada polo Goberno galego para celebrar o Ano Internacional das Linguas

Asegurou que en Galicia non existe imposición lingüística e lembrou que a promoción do galego no ensino foi acordada por todos os grupos políticos

A visita á exposición pode realizarse en sete idiomas aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través dos diferentes contidos multimedia

"A diversidade lingüística de España é un valor incalculable do que todos deberiamos sentirnos orgullosos". Con estas palabras, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, defendeu o mércores 19 de novembro o valor das linguas cooficiais como un patrimonio de todo o Estado. Con motivo da inauguración en Madrid da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos", a responsable galega de Política Lingüística ofreceu un almorzo informativo para explicar os contidos e as mesaxes da mostra.

Marisol López realizou unha defensa do plurilingüismo como un valor positivo que facilita o diálogo, o respecto, a comprensión e a integración social. Neste sentido, sinalou que a promoción e o respecto pola diversidade lingüística é un dos retos que se formulan na sociedade actual, e que debe ser afrontado "con vontade de diálogo, capacidade de comprensión e un marco de traballo e acordo".

A secretaria xeral explicou que en Galicia, "a sociedade demanda consenso porque non percibe o plurilingüismo como un problema", unha fotografía social que avalan os datos de uso e competencia lingüística en galego: máis do 99 por cento da poboación entende o galego e máis do 87 por cento fálao sempre ou con frecuencia.

Fronte ao discurso que presenta as linguas como un problema social, Marisol López asegurou que en Galicia non se impón o galego nin se percibe socialmente un conflito, e apostou por traballar en positivo e con normalidade para alcanzar unha maior igualdade social entre as linguas cooficiais.

Neste sentido, explicou que a Xunta de Galicia traballa para garantir un ensino de calidade, que facilite o dominio das dúas linguas oficiais e doutras, e lembrou que “o decreto de promoción do galego no ensino, actualmente en vigor, foi acordado por todos os grupos políticos e inspirado no Plan xeral de normalización da lingua galega”, polo que dixo non entender a que obedece a ruptura dese consenso por parte do PP.

Inauguración
Tras o encontro cos medios de comunicación, a secretaria xeral de Política Lingüística inaugurou a exposición, que permanecerá no Círculo de Belas Artes ata o próximo 25 de novembro. Acompañou a secretaria xeral neste acto o secretario de Estado de Asuntos Constitucionais e Parlamentarios, Francisco Caamaño. Así mesmo, asistiron tamén a esta inauguración os secretarios xerais de Presidencia e Educación da Xunta de Galicia, Gumersindo Guinarte e Benito Fernández, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso S. Palomares, entre outras autoridades.

A exposición, organizada polo Goberno galego con motivo do Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural, chega a Madrid para promover o uso do galego no marco da diversidade de linguas e na sociedade actual.

Visitas e itinerancia
“As nosas palabras, os nosos mundos" permanecerá aberta ao público no Círculo de Belas Artes todos os días ata o 25 de novembro. De luns a sábado, as visitas poden realizarse de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. O horario de apertura dos domingos e festivos é de 11:00 a 14:00 horas. A mostra estivo en cidades como Santiago de Compostela, Bilbao, Vigo ou Bruxelas. De Madrid partirá cara á Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.

Ademais, en paralelo á exposición, está en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e acceder á información de interese sobre o galego e sobre outras linguas do mundo. A web pode visitarse en sete idiomas.

A mostra en catro bloques temáticos
"As nosas palabras, os nosos mundos" conta con catro bloques temáticos que lles permiten aos visitantes achegarse á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pode realizarse en sete idiomas -castelán, galego, éuscaro, catalán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través dos diferentes contidos multimedia. Así mesmo, a exposición dispón de sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).

O punto de partida é "As orixes", que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras manifestacións de petróglifos e pinturas rupestres. O percorrido desemboca na "Árbore das linguas", que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.

No módulo denominado "Isto é galego", o visitante pode descubrir a historia da lingua galega dende a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais e políticos significativos.

Os contidos do terceiro bloque, que lle dá título á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade. Preséntanlle ao visitante amenos xogos de escoita que permiten descubrir o son e a caracterización das distintas linguas do mundo.

Por último, "A nosa lingua na nosa vida" é o tramo que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se mostran exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cinema.

Fonte: Xunta de Galicia

Coalición por Melilla propón que o coñecemento do tamazight puntúe para entrar na Policía Local

Coalición por Melilla (CPM) propuxo que o coñecemento da lingua tamazight sexa puntuable no baremo das oposicións á Policía Local, ao considerar que este corpo de seguridade "debe ser o máis próximo tanto aos cidadáns de Melilla como aos que proveñen do noso contorno marroquí".

Fonte: Melilla Hoy

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder