España

Vetan o catalán nunhas xornadas no Museo da Ciencia de Terrassa

En Cataluña aínda se prohibe o uso público do catalán. Polo menos, iso é o que pensa Miquel Pérez Latre, un dos invitados ás xornadas celebradas en Terrassa "El fil de la innovació", organizadas pola Asociación de Colectividades Téxtiles Europeas (ACTE), o Concello e a Deputación no Museo da Ciencia. O obradoiro dedicado ao tema "Innovar en patrimonio: a experiencia de TWINTEX" debía debater sobre os obxectivos comúns e realizacións deste grupo de cidades con museos téxtiles. O moderador realizou a presentación en castelán e houbo relatorios en italiano e castelán, ademais de en inglés e portugués.

Fonte: Avui

A Universidade de Granada conta co primeiro Instituto Confucio de Andalucía, que promoverá a lingua e a cultura chinesas

A promoción da lingua e a cultura chinesas será o principal obxectivo do acabado de crear Instituto Confucio da Universidade de Granada, o primeiro que existe en Andalucía e que desenvolverá actividades como cursos de caligrafía, aprendizaxe de tai-chi ou clases de preparación para o exame oficial de idioma que esixe o Ministerio de Educación chinés.

Fonte: Europa Press

A Confederación Estatal de Persoas Xordas pide que se acelere a posta en marcha da Lei das linguas de signos

A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) pediu "que se acelere" a posta en marcha da Lei das linguas de signos, coincidindo co aniversario da aprobación da norma que recoñece as linguas de signos españolas no país e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas.

Fonte: Europa Press

O alumnado de Maxisterio da Universidade de Valencia deberá dominar idiomas para graduarse

A Escola Universitaria de Maxisterio da Universidade de Valencia esixirá a partir do curso 2009-2010 coñecementos de idiomas aos alumnos que desexen obter o título de Mestre en Educación Infantil ou en Educación Primaria.

Fonte: El Mundo

O Sindicato Médico Libre de Baleares manifestarase contra a obriga de saber catalán

O Sindicato Médico Libre de Baleares (Simebal) convocou unha manifestación o próximo día 6 de novembro, a partir das 17.30 horas, fronte ao Consolat de Mar, para expresar o rexeitamento dos traballadores do Servizo de Saúde ao borrador de decreto que regula a esixencia de coñecementos de lingua catalá nos procedementos selectivos.

Fonte: Diario de Mallorca

Un informe afirma que case o 60 % dos alumnos cataláns fala castelán nas súas casas

A lingua de uso do alumnado é un condicionante de peso nos resultados escolares. Un informe da Fundación Jaume Bofill, baseado nas conclusións do estudo europeo PISA 2006, revela que os estudantes que falan castelán nas súas casas (un 59 % do total do alumnado) obteñen peores resultados que os que falan catalán.

Fonte: ABC

O BNG solicita o cumprimento das normas lingüísticas do galego por parte da Administración do Estado

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, demandoulle ao secretario de Estado de Cooperación Territorial, Fernando Puig de la Bellacasa, que o Consello de Linguas, creado recentemente no seo do Ministerio de Administracións Públicas, vixíe e controle o cumprimento das normas lingüísticas do galego por parte da Administración do Estado.

Fonte: XornalGalicia.com

Comeza unha campaña de recoñecemento ás escolas cunha alta porcentaxe de matrículas de asturiano

A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana (XDLLA) comeza en Oviedo unha "campaña de sensibilización co ensino da materia de asturiano en primaria e secundaria" facendo unha serie de visitas ás escolas públicas e concertadas "onde se están a facer especialmente ben as campañas de matriculación e onde unha porcentaxe moi elevada de alumnos e alumnas forman os grupos de escolarización".

Fonte: Asturies.com

Aumento da presenza do éuscaro na Semana de Cine Fantástico y de Terror

A Semana de Cine Fantástico y de Terror aumentará a presenza do éuscaro. Sete cintas da Sección Oficial ofreceranse no Victoria Eugenia con subtítulos nesta lingua, ao igual que un maratón de curtas e os dous filmes para nenos.

Fonte: Diario Vasco

O Concello de Berriozar terá un ficheiro coa poboación euscalduna

O Concello de Berriozar contará proximamente cun ficheiro coas persoas euscaldúns do municipio. A iniciativa enmárcase na ordenanza municipal para a normalización e desenvolvemento do éuscaro e ten carácter voluntario. O obxectivo da medida, impulsada a instancias dos técnicos, é "coñecer mellor a situación sociolingüística do municipio e realizar mellor as campañas específicas".

Fonte: Diario de Navarra

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder