España
A Acadèmia Valenciana de la Llengua pide consenso para impulsar o valenciano
A Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL) cre que o 25.º aniversario da Lei de uso e ensino do valenciano, aprobada en novembro de 1983, é un bo momento para dar un novo impulso á normalización do uso do valenciano na vida pública. E a institución solicítalles aos grupos políticos consenso para impulsar as medidas necesarias para que "vivir en valenciano, en todas as esferas da vida pública, equivalla con todos os dereitos e deberes e en todas as posibilidades á vida que se fai en castelán", en palabras do académico Josep Palomero.
Fonte: El País
A Generalitat de Catalunya destinou 157 millóns en 2007 a difundir o catalán
A chegada de ERC ao Goberno da Generalitat de Catalunya en 2003 propiciou un impulso sen procedentes ao fomento do catalán. Ano tras ano, os millóns de euros destinados ao seu ensino e protección foron en aumento. Segundo o informe de política lingüística de 2007, publicado na web do Parlamento de Cataluña, a Generalitat dedicou a cifra récord de 157 millóns para apoiar a lingua vernácula.
Fonte: La Razón
Os concellos da comarca de Oarsoaldea poñen en marcha medidas para fomentar a paisaxe lingüística do éuscaro
Os concellos de Errenteria, Lezo, Oiartzun e Pasaia impulsarán medidas para o fomento da paisaxe lingüística do éuscaro en toda a comarca, dado o seu «efecto multiplicador». As primeiras irán dirixidas a imprimir neste idioma as bolsas dos establecementos, «ao ser estas un compoñente máis» da citada paisaxe.
Fonte: Diario Vasco
UXT interpón un contencioso ao Concello mallorquín de Andratx polo regulamento do uso da lingua catalá
O sindicato UXT interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o Concello de Andratx polo regulamento do uso da lingua catalá, aprobado o pasado 29 de maio. Segundo UXT, o regulamento "vulnera o dereito á negociación colectiva" e solicítalle ao xulgado a súa "suspensión cautelar".
Fonte: Diario de Mallorca
O Sindicato Médico Libre de Baleares protestará pola obriga de saber catalán para acceder a unha praza
O Sindicato Médico Libre de Baleares (Simebal) convocou unha manifestación para o xoves 6 de novembro, a partir das 17.30 horas fronte ao Consolat de Mar, para expresar o rexeitamento dos traballadores do Servizo de Saúde ao borrador de decreto que regula a esixencia de coñecementos de lingua catalá nos procedementos selectivos.
Fonte: El Mundo
Vinte profesores impartirán 300 horas á semana de romanés en colexios de Castelló
A iniciativa impulsada polo Goberno de Romanía de impartir clases de lingua e cultura do seu país nos centros escolares está tomando forma. Segundo informou o cónsul en Castelló, Liviu Popa, a provincia contará con máis de 20 profesores e 300 horas lectivas semanais, en horario extraescolar, repartidas polos colexios. Estes datos converten a oferta na máis importante de España.
Fonte: Las Provincias
O galego aínda se conserva como o terceiro idioma do País Vasco
Con algo máis de 62.000 falantes, o galego aínda se conserva como o terceiro idioma do País Vasco despois do castelán e o éuscaro, e 13 centros galegos e dúas asociacións culturais promovidos por emigrantes manteñen viva a cultura das orixes.
Fonte: La Voz de Galicia
O Instituto Navarro del Vascuence recibe unha delegación galesa interesada polo impulso do éuscaro
O pasado venres, 31 de outubro, un grupo de doce persoas da cidade galesa de Cymru foi recibido no Instituto Navarro del Vascuence, dependente do Departamento de Educación. Encabezou a representación Elin Haf Jones, directora do Instituto Mercator de Medios de Comunicación, Linguas e Cultura da Universidade Prifysgol Aberystwyth desa localidade británica.
Fonte: XornalGalicia.com
Izquierda Xunida negocia unha Dirección Xeral de Política Lingüística xestionada polo PSOE no Goberno asturiano
O acordo de goberno ente Izquierda Xunida-BpA-Los Verdes e a FSA-PSOE, podería incluír, segundo puido saberse estes días, cambios na política lingüística do Goberno asturiano. Dunha banda, co aumento en medio millón de euros do orzamento para o fomento da lingua asturiana e, doutra, con cambios na estrutura de goberno na área de política lingüística.
Fonte: Asturnews
A localidade castellonenca de Nules dedícalle o mes de novembro ao valenciano
O concelleiro responsable da área de Normalización Lingüística de Nules, José Vicente Adsuara, anunciou que o mes de novembro será "El mes del valencià", xa que a localidade acollerá varias exposicións vinculadas á figura de Xaime I, a cultura e as tradicións valencianas.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
Boletín
Subscríbase al boletín